Case mil alumnos estudan a nosa lingua nas comarcas limítrofes de Castela e León.
O colexio de Tuela-Bibey, na localidade seabresa de Lubián, será o primeiro centro da comarca da provincia de Zamora en contar coa materia de lingua e cultura galegas. Grazas ao acordo asinado entre Política Lingüística e a Junta de Castela e León, os alumnos das zonas galegofalantes do Bierzo e da Seabre terán a posibilidade de aprender o noso idioma.
Na actualidade, doce centros de educación primaria e catro de secundaria da comunidade veciña, ademais da escola oficial de idiomas de Ponferrada, están a impartir clases en galego, con case mil alumnos inscritos. Todos estes centros, máis o de Lubián, recibirán proximamente material didáctico relacionado co Día das Letras 2007.
O art. 3 CE imponlles ós poderes estatuíntes das distintas CCAA a obriga de estableceren a oficialidade das "outras linguas españolas" (distintas da castelá). Obriga que, como é sabido, imcumpríu até o de agora o estatuínte castelán-leonés. Levan, daquela, toda a razón xurídica os amigos de Fala Ceibe. Tamén van ben encamiñados se falan de lingua propia e de Comunidade Lingüística Galega (CLG) para referirse, respectivamente, á lingua propia do territorio sobre o que proxectan as súas reivindicaións e ós españois (xuridicamente españois, cada quen pode sentirse doutra maneira) do territorio propio da lingua galega. Pero, a discriminación non só a deben ver entre os membros da CLG dun lado e doutro da raia interautonómica senón, sobre todo, entre os membros da CLG e os da Comunidade lingüística Castelá.
Por outra banda, a oficialidade é unha técnica antidiscriminatoria para os membros de comunidades lingüísticas pero nin é a única nin, daquela, per se suficiente para a eliminación das discriminacións por mor de lingua. A oficialidade debe ser territorial no territorio de implantación da lingua e extraterritorial para a totalidade dos poderes, administracións e persoas xurídicas que proxecten a súa actividade, pública ou privada, sobre o territorio propio da lingua.
Que se imparta galego é algo pero que non se imparta en toda a rede de ensino do territorio no que é lingua propia como se imparte o castelán no seu territorio propio é discriminación lingüística.