Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O xornalista estadounidense gañou o Premio Couso 2007

A familia de Couso critica a posición de Jon Lee Anderson sobre a morte do cámara

Maribel Permuy, nai de Couso, queixouse das palabras de Anderson quen nun acto en Santiago afirmou que nesta altura "sería difícil investigar o acontecido".

Redacción - 09:00 03/05/2007

Durante as xornadas Emigración-Inmigración e Comunicación, o xornalista estadounidense opinara que a morte de Couso "politizouse" e dixera estar seguro de que agora mesmo sería complicado investigar o sucedido. As palabras de Jon Lee Anderson doéronlle á familia do cámara galego, que mantén aínda a loita xudicial para que se faga xustiza pola morte de Xosé Couso. Lembrámoslles que de feito existe unha orde xudicial de busca e captura, ditada pola Audiencia Nacional, contra os tres soldados imputados polo asasinato de Couso en abril de 2003.

"A politización do asasinato do noso familiar non partiu da súa familia, senón do goberno que presidía o señor Aznar, que se afanou en dar por válidas as coartadas inventadas polos responsábeis políticos e militares dun país estranxeiro", reflexionou a nai do finado. "O goberno de Bush está obrigado a cumprir a Convención de Xenebra, e que isto o esqueza un xornalista é asumir, predicar e divulgar unha patente de corso para os asasinos de xornalistas", apuntou Maribel Permuy. "Estamos fartos da condescendencia mostrada por certas persoas fronte aos criminais de guerra de orixe estadounidense", laiouse.

Con todo, Jon Lee Anderson non puido estar este mércores en Ferrol para recoller o premio ou matizar as súas palabras, xa que está traballando en Afganistán nunha zona de difícil acceso. Durante o acto proxectouse unha reportaxe audiovisual coa que Anderson agradeceu o recoñecemento. Malia non estar presente na entrega, Anderson enviou unha carta para o acto onde subliña que este premio "é un xeito de render homenaxe aos nosos sacrificados (neste caso, José Couso) e tamén de poder reivindicarmos o dereito a exercer a nosa profesión ao servizo do gran público, e de reiterar que o noso único deber é a verdade, que non lles debemos nada aos señores da guerra, que non somos nin vamos ser os seus propagandistas ou apoloxetas".

Na súa misiva critica ademais que despois do ataque ao Hotel que causou a morte de Couso "altos funcionarios do goberno se mostraron inmisericordiosos" e láiase de que "nos seus comentarios públicos posteriores non só non expresaron simpatía para coas vítimas, senón que as criticaron por estaren en Bagdade, como se ese feito os fixese culpábeis das súas propias mortes".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: