Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Por incumprir a Lei de Igualdade

Cinco das listas anuladas son de actuais equipos de goberno

Das 12 listas anuladas, cinco aféctanlle a equipos que ostentan alcaldías e dúas son de ex membros do PPdeG, o partido que promoveu os recursos contra 34 candidaturas.

Europa Press - 09:00 08/05/2007

A decisión dos xuíces da Coruña aféctalle a cinco candidaturas do PSdeG, das que dúass incumben a equipos de goberno a día de hoxe, concretamente o de Malpica e o de Camariñas. No primeiro caso, Xosé Manuel Varela Rei pretende aspirar á reelección o 27 de maio e, no segundo, o cabeza de lista é Valeriano Alonso, debido á retirada da contenda electoral de Xoán Bautista Álvarez por motivos de saúde.

En Sada, a anulación aféctalle aos independentes, encabezados polo rexedor Ramón Rodríguez Ares, ex membro do PP. Así mesmo, en Abegondo, se o Ttribunal Constitucional o permite, o actual alcalde, Xoán Xosé Rocha Carro, tratará de manter o bastón de mando que obtivo co PP en 2003, aínda que nesta ocasión baixo outras siglas, as de Agrupación Progresista.

Pola súa banda, Miño presenta o caso inverso, xa que a lista anulada aféctalle aos independentes do CIM, que gobernan actualmente baixo a batuta de Xoán Antón Maceiras Baños. Non obstante, a este político non lle concernirá a anulación da lista independente, porque o próximo 27 de maio vaise presentar a reeleción integrado nas filas do PPdeG.
O caso de Abegondo
Abegondo representa o caso máis excepcional, posto que a decisión do xulgado coruñés non só lle afecta ao equipo do actual alcalde, senón que tamén atinxe á lista do PSOE e á do Partido Galeguista, que xa ameazou con pedir a anulación das eleccións na localidade coruñesa en caso de que finalmente non poida presentarse.

Fontes socialistas explicáronlle a Europa Press que non barallan unha medida similar, porque "non se contempla ningunha posibilidade" de que o TC non atenda ao recurso que presentaron. Así, de non prosperar, poderíase dar o caso de que o 27 de maio tan só concorresen dous partidos: o PP e o BNG, única formación que non se viu afectada polas denuncias dos populares. Ademais, Abegondo revela unha particularidade engadida, posto que os membros da candidatura do PG son, en gran parte, membros escindidos do PSdeG o pasado mes de abril pola súa desconformidade por como a dirección socialista desenvolveu o proceso de composición da lista.
A solución posíbel
A decisión última está en mans do Tribunal Constitucional, quen ten tres días para determinar se as listas anuladas poden finalmente presentarse ás eleccións. Os partidos confían en que o alto tribunal ditamine o seu favor, posto que, en casos análogos noutras localidades, os propios xuíces resolveron abrir un prazo excepcional para adecuar as listas á normativa, en lugar de proceder á súa anulación.

Con todo, fontes do PPdeG informáronlle a Europa Press de que aínda resta o pronunciamento dunha audiencia coruñesa respecto ás impugnacións denunciadas e que lle afectan a un equipo de goberno, o de Bergondo, do PSdeG, así como os independentes desta localidade; a outras dúas listas independentes en Porto do Son e a unha última candidatura socialista, en Ponteceso.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: