A organización denuncia "o malgasto do diñeiro público no litixio municipal polo topónimo", que custou "6.000 euros ao mes dende 2004".
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este sábado na Coruña unha campaña de información sobre "o malgasto do diñeiro público no litixio municipal polo topónimo", que leva por lema Que mellorarías da túa cidade con medio millón de euros?, unha cantidade coa que, consideran, se podería aumentar a calidade de vida de todos os cidadáns.
"A fobia de Francisco Vázquez e de Xavier Losada (ex alcalde e alcalde coruñeses) contra o galego custou, desde 2004, 6.000 euros ao mes dos orzamentos municipais para pagar bufetes madrileños de avogados e procuradores", sinalou Carlos Callón, presidente da Mesa.
Segundo os cálculos da organización, o litixio da alcaldía coruñesa contra a denominación oficial da cidade provocou, en gastos xudiciais, un "dispendio de medio millón de euros". Ademais, afirman que case a metade destes cartos foi desembolsada nos últimos tres anos.
Recursos a sentenzas firmes
"Primeiro Francisco Vázquez e despois Javier Losada negáronse a cumprir a lexislación e as sentenzas firmes das máis altas instancias", afirman, e engaden que mantiveron litixios abertos pola cuestión do topónimo co Ministerio de Administracións Públicas, a Xunta, a Agrupación Cultural O Facho, o Movemento polos Dereitos Civís e A Mesa pola Normalización Lingüística. "O Concello nunca gañou nin unha sentenza, mais seguiu presentando eternos recursos, unha e outra vez, co diñeiro de todas e todos", conclúen.
A organización considera que "a todo isto habería que sumar unha cifra moi superior, derivada de destinar corpos de seguranza exclusivamente á custodia do L floral durante varios anos, as ordes da alcaldía para cambiar a documentación ou os sinais que estivesen co topónimo oficial", entre outras cousas.
Por último, Carlos Callón dixo que a campaña vai contar co soporte de 120.000 folletos, que se difundirán masivamente nos vindeiros días, "para que aos coruñeses e ás coruñesas non se lles escamotee información antes de exerceren o seu dereito ao voto".
Moi ben, moi ben!, mais, por que non se executan as sentenzas firmes ditadas sobre este tema?
Que fai ou fixo a Mesa para que as sentenzas firmes sobre o topónimo da Coruña non esteñan executadas?
Boa pregunta. O que dende logo non faría eu sería gastalo en cambiar farolas simplemente porque a alguén lles parece feas, nin enchería as rúas da cidade con estúpidas esculturas de vacas, nin faría un pavimento pulido e esvaradizo cada vez que chove unhas pingas, nin espantalladas polo estilo. Unha das cousas que podería facer é un curso obrigatorio de galego para alcaldes e outro para dirixentes sindicais. Non sei, moitas cousas.
E se lle damos a volta a tortilla que poderían facer todas estas organizacións con diñeiro que teñen gastado en litixios e recursos que non son cumpridos? Quizais en algo máis útil a prol da lingua que ter unha enconada disputa nos xulgados por usar o topónimo oficial? Non chega con que o denuncie a Xunta e o Ministerio das Administracións Públicas?
A batalla hai que dala. É bo que os coruñeses saiban antes de votar que todo isto custa diñeiro.
Ademais, Anxo, o topónimo da Coruña é moito máis que un topónimo... Se non se consegue nin que se cumpran as leis simbólicas, como imos conseguir que se cumpra outra lexislación máis avanzada para o noso idioma?
Ogallá en 8 días o principal para que este problema continúe se resolva!
Melloraría a miña casa. A cambiaría por outra. Aínda que tal como están os pisos non chega nin para comprar un.
Por certo, é A Cruña, en galego (Crunia en latín). A Xunta ten que investigar máis.
http://www.estudioshistoricos.com/articulo/fmt/fmt_01.htm
Eu son da Cruña, diga o que diga a Xunta.
Home, con 6.000 euros ao mes de hipoteca pagarase algo ben xeitoso.
Manual, que eu saiba a Lei que regula os topónimos en Galicia, non é unha lei símbolica e unha Lei que hai que cumprir coma as demáis, sinxelamente o que digo é que se xa presentaron recursos a Xunta e o MAP para que gastar cartos que podes adicar a outras labores, quen controla os gastos da Mesa, sométese a algún control, polo menos o Concello de A Coruña, cada catro anos temos elección de trocar aos xestores dos nosos cartos, e se os coruñeses non o fan será porque aproban a xestión que se está facendo dos seus cartos, non cres?. Ainda que eso non quera decir que todos os coruñeses o compartamos pero aí está a democracia. Os coruñeses que o queiran saber xa sabemos o que o Concello gasta non fai falla que veña ninguén a darnos contas, e os que non lles importa da igual quen o diga pois seguirá sen darlle importancia. Por eso quizais a Mesa debería gastalos cartos en cousas máis interesantes que en ter unha liorta absurda e enconada con Concello de A Coruña ou o que e o mesmo cos coruñeses.