Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
MUNICIPAIS07

Quintana: "Os cidadáns decidiron que o BNG entre no goberno de todas as cidades"

Quintana destaca que o Bloque terá máis poder institucional e que "calquera prefire ter tres concelleiros no goberno que catro na oposición". Nega ter sufrido castigo nas cidades e mostra a súa vontade a negociar co PSdG.

Manuel Vilas - 00:01 27/05/2007
Quintana compareceu case ás 12 / Foto: M.V.

Quintana compareceu case ás 12 / Foto: M.V.

Algúns xornalistas comezaban a pórse nerviosos. Os seus diarios en papel ían pechar a edición e Quintana seguía sen aparecer. Por iso buscaban novas declaracións de Jorquera cando, nese preciso intre, entra Quintana.

O líder do Bloque mostra a súa "ponderada satisfacción polo resultado porque cubrimos moitos dos nosos obxectivos na campaña". Entre estes obxectivos destaca a consolidación do espazo electoral do BNG: "estamos na mesma porcentaxe de votos, pero con máis concelleiros e máis alcaldes".

O mandatario fixo énfase en que "hoxe hai unha lectura dos resultados: Galiza é unha sociedade plural e a xente reflícteo nas eleccións, en todos os ámbitos, nos concellos tamén". "Se alguén soñaba con trasladar a Galiza o mapa bipartidista do estado, equivocouse", indicou porque "Galiza ten un mapa político consolidado".

"Os cidadáns acaban de decidir co seu voto que o BNG entre no goberno de todas as cidades do país" declarou Quintana. "O noso obxectivo era aumentar o número de alcaldías, e estamos a disposición de duplicalas", indicou. Tamén destacou que a formación pode participar en tres das catro deputacións de Galiza.

Negociacións cos socialistas
Sobre as necesarias conversas co PSdG indicou que "o BNG vai asumir a súa responsabilidade para que o país teña gobernos estábeis e as políticas da Xunta teñan continuidade nos concellos".

"A partir de mañá toca traballar para que o ronsel de cambio da Xunta se prolongue", indicou. Iso si, o líder negou citar explicitamente a posibilidade de chegar a un "acordo global" co PSdG.

Non houbo "castigo" nas urbes

Quintana negou que o Bloque sufrise un castigo nas cidades, porque "aínda que aspirabamos a máis, o resultado é tremendamente positivo en termos globais". Destacou que por vez primeira o BNG pode entrar nos gobernos de todas as cidades, malia que o voto nacionalista caeu en catro das sete urbes.

Tamén cualificou de "non significativa" a perda de concelleiros nas cidades. "Calquera formación política prefire ter tres concelleiros no goberno que catro na oposición", concluíu o vicepresidente da Xunta.

Ferrol e Pontevedra

Sobre Ferrol, Quintana dixo que o Bloque seguirá a mesma política na comarca de Ferrolterra. Sobre a perda de concelleiros de Pontevedra indicou que "un premio dende logo non é".

No referido a Ourense, destacou que era pouca a diferenza que fará que probabelmente o Concello sexa liderado polos socialistas. Cualificou de "grandísima" a campaña feita por Sánchez Vidal e o seu equipo na cidade das Burgas. "A provincia de Ourense comezou hoxe a escribir unha nova historia".

O vicepresidente rexeitou facer unha valoración en detalle dos resultados comarca a comarca.

Deputacións
Por último, asegurou que "por suposto" falará co PSdG sobre a proposta de baleirar de competencias os gobernos das deputacións. "Imos traballar con eficacia nos gobernos das deputacións, pero para que os protagonistas sexan os concellos e non as propias deputacións". Deixou claro que este plan depende, ademais da vontade do PSdG, de modificacións legais.


4,53/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: