Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Xeración E Logo!

Normalización lingüística dende o útero

Unha nova iniciativa de Política Lingüística dotará de material ás nais e pais que estean a agardar un bebé para incentivar o uso do galego como lingua inicial.

Redacción - 18:17 29/05/2007

O programa "Xeración E Logo!" céntrase en recuperar a transmisión familiar da lingua de pais e nais a fillos e fillas. Encadrada na campaña xeral de promoción do galego, E logo!, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, esta nova iniciativa consiste en entregarlles ás xestantes unha serie de ferramentas, dirixidas tanto a elas como aos futuros pais, con información, consellos, un caderno do embarazo, e un disco con cantigas de arrolo interpretadas por músicos galegos. Estes materiais serán distribuídos para máis de 15.000 familias a través da rede hospitalaria e dos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), aínda que tamén se inclúen na campaña os centros hospitalarios privados, todo coa corresponsabilidade da Consellería de Sanidade.

Trátase dun maletín que inclúe a guía Ides ter un bebé. Algúns consellos e ideas para este tempo de espera, unha escolma de nomes galegos, un marco para fotos para apuntaren os datos do bebé, unha escolma de cancións de berce e xogos de iniciación para transmitirlles palabras e afectos aos naipelos, e un recordatorio para apuntar Momentos especiais para contarlle cando naza. Tampouco falta o cedé Cantos de arrolar, para que, mentres o pai ou a nai non aprenden as cantigas, as interpreten o dúo integrado por Guadi Galego e Guillermo Díaz, Espido, Mercedes Peón, Luar na Lubre, Uxía e Xabier Díaz, quen tamén lle puxo música ao acto de presentación co seu Arrolo de Sísamo. Podemos descargar todos estes materiais na rede.

Segundo a secretaria xeral, Marisol López, son destinatarias da acción "estas dúas xeracións que teñen na súa man que non se produza en Galicia unha fractura na transmisión da lingua: os bebés, que determinarán a fortaleza do galego do mañá, e as nais e os pais, que son os axentes principais na transmisión inicial da lingua". López apuntou tamén que falarlles aos nenos galegos na lingua propia do país significa "situalos no contorno natural en que van medrar, axudalos a entender mellor a realidade que os arrodea".

Suxestións para nomes

Segundo un estudo de Ana Isabel Boullón Agrelo e Xosé Mª Lema Suárez, baseados en datos do IGE do 2005, os antropónimos están a vivir un proceso de regaleguización: Brais e Uxía son as formas patrimoniais galegas preferidas de moitos pais e nais á hora de nomearen ás crianzas. Uxía saltou do posto 44 ao 15 dos nomes de muller máis abundantes en dez anos, e Brais xa anda polo 13 na lista de nomes masculinos.

Ademais destes exemplos, outros nomes patrimoniais como Alberte, Antón, Mariña, Xoán, Martiño, Xosé, Carme, Brais, ou Xián están a ser recuperados. Tamén hai quen lle pon aos fillos nomes da nosa Idade Media, que soan a trobador ou raíña, como Aldara, Ximena, Héitor, Artur, Fernán, Roi, Nuno, Paio... Con todo, os nomes preferidos polos pais para os seus fillos en Galicia son os que teñen formas coincidentes en castelán e en galego; por exemplo, Lucía, Paula ou Daniel. Mesmo hai quen recorre a formas tradicionais que perviviron como apelidos (Airas, Lois, Xurxo, Fiz), hipocorísticos como Catuxa (de Catarina), Sabela (de Isabel), Xela (de Ánxela),ou Xandra (de Alexandra), ou topónimos e hidrónimos (Antela, Irimia, Aldán), ademais de formas procedentes de mitos, como Suevia, Breogán, Artai, Maeloc, ou Celtia. Tamén na web poderemos escoller nomes en galego.


5/5 (1 votos)


Comentarios (11)

LOIS_DE_SILAN #1 29/Maio/2007 LOIS_DE_SILAN

MÁIS PROPAGANDA PARA CUBRIR AS COSTAS! Isto só vos é facer que se fai!
Despois aínda lles vos han botar a culpa ós proxenitores.
Ós proxenitores, ascendentes e demais interlocutores dos nasciturus háichelles que dar, por unha banda, interlocutores cualificados en galego...empezando polos obstetras que lles segan o preñe e demais persoal sanitario!, e, por outra beira háichelles que dar argumentos para que consideren a lingua galega unha lingua principal, útil, necesaria...tan valiosa e digna coma calquera! E, para iso ó mellor había que falar con valentía e senso da responsabilidade de substituir o castelán por outra lingua común ou universal que permita a calquera de calquera comunidade lingüística comunicarse directamente con calquera de calquera outra. Ó mellor había que falar de bilingüísmo necesario (LINGUA PROPIA + LINGUA UNIVERSAL COMÚN) para que por NECESIDADE os proxenitores e demais interlocutores deles e do seu nasciturus se agarrasen á lingua propia como lingua primeira sen necesidade de campañas inútiles de "recomendación" de uso do galego.
Os proxenitores, por moito que che queiran o galego, máis che lles queren ós seus fillos....e se non consideran máis útil, necesario o galego que o castelán pouco che lles vai durar o amor pola lingua propia!

Erasmo #2 29/Maio/2007 Erasmo

Chegoume vía correo-e a seguinte CONVOCATORIA PARA PROFESORES
de TÓDOLOS NIVEIS –CENTROS PÚBLICOS E PRIVADOS- A UNA REUNIÓN DE PROFESORES QUE SE CELEBRARÁ NO

I.E.S. SANTO TOMÉ DE FREIXEIRO DE VIGO,

ESTE XOVES DÍA 31 DE MAIO, ÁS 18:00 HORAS.

POLA LIBERDADE LINGÜÍSTICA NO ENSINO!!!

Barcelos #3 29/Maio/2007 Barcelos

Carallo. Xa era hora de nacer. E agora choro, porque o que non chora non mama.

OBSERVADOR #4 29/Maio/2007 OBSERVADOR

hahahahahaahhahaahahahah!!!!!!!!!!!!!!!!!

Como se dão por "vencidos" quando o neno é grande, querem "atacá-lo" onde não se pode defender!

Isso é que é ter colhões! Biba a publicidade subliminar y la madre que la parió!

Barcelos #5 30/Maio/2007 Barcelos

Erasmo, non te chegaría ¿POR LA LIBERTAD LINGÜISTICA EN LA ENSEÑANZA?

spider #6 30/Maio/2007 spider

Non quero polemizar, pero un grave problema do galego e que SOBRE TODO as nais e mailas avóas non falan en galego ós nenos cando entre eles (adultos é a súa lingua habitual); cando se dirixen á crianza mudan ó castelán, e iso é un problema. Eu sempre dixen que a responsabilidade empeza nun mesmo, e eu o meu picariño de mes e medio, fálolle en galego.

Barcelos #7 30/Maio/2007 Barcelos

Tamén se poden pór nomes de directores de orquestra como "Bon Carallán"

Gaviotero #8 31/Maio/2007 Gaviotero

Estoy deseando que me envíen a mí ese material para metérselo por el c... a la conselleira que se ha propuesto semejante majadería, por racista y xenófoba.

Fer #9 31/Maio/2007 Fer

#8 Podes mete-lo ti polo cú, é umha proposta. Para aliviares um pouquinho essa tensom sexual que tés meu rei...

Xeonllo #10 31/Maio/2007 Xeonllo

Ben, deixando de lado os prexuizos e tópicos que nos veñen dados pola educación de tantos anos e séculos neste país que é Galiza, eu paso a propoñer unha adiviña:

Dentro da normativa oficial do galego, que eu asumo na maior parte polo menos de momento, hai polo menos unha contradicción á que nunca lle encontrei explicación. Existen na lingua palabras procedentes do castelán que se dividen en dúas clases: por unha banda, os préstamos lexítimos porque veñen cubrir unha eiva ou porque están tan introducidos que xa se admiten e, por outra banda, aquelas palabras que non se aceptan porque hai palabras galegas que son as lexítimas.

Pois ben, hai un caso que se trata dunha palabra que non estivo no galego ata ben entrada a segunda metade do século XX e, aínda así, é admitida, mentres que outras, como a palabra "Dios", non se admiten malia que son moito máis antigas na súa introducción (Dios sustitúe a Deus, e paréceme ben que se siga a manter Deus como a lexítima porque o contrario é colaborarmos coa liquidación do galego para a súa disolución final dentro do castelán, como se fosen a mesma lingua).

A palabra á que eu me estou a referir e que se admite oficialmente malia que non está nin en Rosalía, nin en Castelao, nin nos diccionarios de galego ata a segunda metade do XX nin no galego falado nas aldeas ata hai poucas décadas, galego das aldeas que sempre foi o mellor conservado, é unha palabra que ten moito uso hoxe en día. Penso que é unha desas palabras que comezaron a usarse nas cidades para que o galego falado non parecese tan "aldeán". ¿Que palabra credes que é?

Barcelos #11 31/Maio/2007 Barcelos

Gavioto. Ensinar a un embrión a falar en galego non é xenófobo é un milagre.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: