Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Anxo Moure, o "Carballo con botas"

"Hai que usar a imaxinación como ferramenta de concienciación"

"Ola son Anxo Moure, coñecido como Carballo con Botas e de profesión atrapador de contos, paso a respostar algunha das vosas preguntas".

Redacción - 21:00 01/06/2007

Anxo Moure é un traballador incansábel no ámbito do activismo ecolóxico. Axudou a botar adiante colectivos como Xevale, Papaventos ou Bicis pola Paz. A partir deste último colectivo, promoveu tamén xunto con outra xente o proxecto Contos Solidarios, que en sete anos leva percorrido cincocentas escolas e estimulado milleiros de rapaces e rapazas co obxectivo de sensibilizar e concienciar sobre os valores da solidariedade, a xustiza e a liberdade. Podedes saber máis del na web de Contos Solidarios.



Preguntan os rapaces:


Que che parece Ponte nas Ondas?

Pois é un proxecto que coñezo hai moitos anos a través da miña colaboración con "Barcas do Minho" xa que visitei escolas de todos os concellos do rio Minho, cargado de maquetas de barcas tradicionais no proxecto Embarcaescola e sempre tentei unir Galiza con Portugal a través da miña bici e os nosos contos dun carvalho com botas.


Acórdaste do Colexio Carlos Casares?

Ben que me lembro, foi unha mañá de chuvia intensa, non sabía onde estaba Alxén e cando cheguei achei uns nenos xogando ao fútbol, entrei no voso marabilloso mundo e descubrín unha escola cun público encantador -como todas as que participaron- e lémbrome con todo o cariño do mundo dos seus nenos e profes.


Como se che ocorreu o de Bicis pola Paz?

Dende pequeniño gustei da bicicleta. Eramos catro irmáns e compartiamos dúas bicis, facíamos quendas e grazas a ela descubrín primeiro o meu pobo, Chantada, a natureza, e despois empecei a pedalear por toda Galiza e Portugal (fun a Lisboa en tándem) descubrindo ese marabilloso país que temos a obriga de coñecer e coidar. Como tamén amo a solidariedade xunguimos a bici coa paz e naceu Bicis pola Paz no ano 1.989.


Cantas bicis levades repartido?

Pois hoxe son mais de 1.300 bicicletas entregadas en 23 paises de América Latina, Asía, África e para inmigrantes no Estado español. A maior parte delas foron financiadas grazas aos contos. Xa vedes, os contos son máxicos cando saen das escolas convértense en bicicletas solidarias, para mestres e médicos..


Cres que o patrimonio inmaterial galego-portugués ten futuro?

Todo depende de nós, se somos capaces de seguir loitando unidos pola defensa da nosa identidade común, se usamos a imaxinación como ferramenta de concienciación e educación podémolo conquerir.


Que habería que facer para mellorar as relacións entre Galiza e Portugal?


Rachar coas fronteiras mentais que aínda existen e pensar que somos un mesmo pobo, unirnos na defensa dos espazos comúns, os ríos, os bosques, as montañas, a cultura e a lingua.


Lembras o Carballo con botas que deixaches no CEP Carlos Casares? Está moi ben plantado!

Para Paula do CEP Carlos Casares. Lémbrome da árbore que deixei no Carlos Casares, era un castiñeiro contacontos que plantei nunha vella bañeira que ían tirar ao lixo, naceu e pensei que non habería mellor destino que a vosa escola, para que vos conte moitos contos, porque xa sabedes que as árbores tamén falan.


Atrapaches máis contos? Nós unha chea deles pois tamén fixemos varias árbores atrapacontos. Aprendemos moitísimo coa túa visita. Moitos bicos.

Para nenas e nenos do CEP. Atrapei moitos mais contos, ducias, centos, e agora mesmo contratei un cociñeiro italiano "Carballini con Bottinis" para que os cociñe. Como fixestes atrapadores permitídeme que vos dea a benvida ao CRACE (Consello Regulador de Atrapadores de Contos Ecolóxicos), quedades oficialmente nomeados Atrapadores de Contos de Alxén.


Son Jorge, do CEIP Carlos Casares, Atrapaches máis contos? Aínda tes aquela area?

Ola Jorge, ainda teño a area do Sáhara, area que conta contos do deserto, e area que un dia recibiu 40.000 lapiceiros para as escolas saharauís froito da viaxe de Vento e Juja, contos do deserto.


Ola, son Vanesa, Que tal vai o teu carballo? O meu tira que ti non vexas!
Ola Vanesa, o meu carballo multiplicouse, agora son moitos, xa que este ano co que choveu naceron moitos. Ao teu fálalle de cando en vez.


Ivan pregunta: Gustouche a revista NEBOA, e as páxinas que che adicamos?

Ola Ivan, encantoume NEBOA, e emocioneime cando vin que vos lembrabades de min, sodes encantadoras e encantadores.



Saudos e moitas grazas a todas e todos polo voso cariño e amizade, lembrade que en Chantada tedes a un atrapador de contos que sigue plantando carballos nas botas e abrazando as árbores. En especial para Ponte nas Ondas, por confiar en min agasallándome con esta inesquencible viaxe ata os ollos das máis de 1.400 nenas e nenos que atraparon contos, coñeceron ao carballo con botas, descubrindo que en vos aínda habita a esperanza por soñar.


Anxo Moure "Carballo con Botas"(Atrapador de contos)


2.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: