Aos berros de "Planta de gas fóra da ría" ou "Liberdade para Bastida", milleiros de persoas acudiron á manifestación deste domingo en Ferrol.
Durante máis dunha hora escoitáronse nas rúas ferrolás frases coma "somos cidadáns, non somos terroristas", "en Teixeiro, ten que estar Tojeiro" ou "a ría é nosa e non de Reganosa",. Nas pancartas lemas como "a verdade non se cala nin con porras, nin con balas, Ameijeiras dimisión" ou "defendamos a vida, a ría e a legalidade".
O Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol subliña que a planta de gas de Reganosa non cumpre a legalidade vixente, ao estar anulada a súa declaración de impacto ambiental polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha sentenza recorrida pola empresa e a Xunta de Galicia ao Tribunal Supremo. Lembran tamén que non existen plans de emerxencia exterior, que en caso de accidente os buques metaneiros non poderán abandonar o interior da ría e que, a xuízo do colectivo, a instalación non podería iniciar a fase de probas actual por non finalizar as obras.
O manifesto lido na Praza de Armas referiuse a Reganosa coma "o maior desastre" da época actual, e o maior exemplo de "corrupción política, mediática e económica da democracia". Ao fío, os convocantes recordaron o espírito do Nunca Máis, para asegurar que, como no caso do Prestige, tamén coa planta de gas "os cidadáns, en ausencia e sen o amparo das administracións, tivemos que tomar a iniciativa".
Ao respecto, cualificaron a construción desta planta como "a maior fraude cometida no país" e advertíronlle ao actual executivo e ao goberno español de que teñen a responsabilidade de que" non se converta na maior traxedia". Rexeitan ademais que a problemática da planta de gas se solucione con acordos económicos cos mariscadores polas perdas provocadas ao sector pola actividade de Reganosa, xa que "o diñeiro non poderá pagar o perigo en que poñen os cidadáns".
"Bomba" de reloxería a pé das casas
"É unha bomba dentro da ría". Así definen desde o Comité Cidadán de Emerxencia a planta construída a pé das casas no interior da ría ferrolá. Malia as presións políticas e empresariais, os cidadáns non renuncian á reivindicación e o peirao ferrolán é escenario este domingo dunha nova mobilización contra a planta de gas. Desta volta, a marcha incluíu tamén o lema "Liberdade para Bastida", lembrando que o patrón maior da Confraría de Pescadores de Ferrol está preso despois da denuncia de Reganosa polas presuntas perdas causadas polas accións dos mariñeiros para frear a entrada dos buques cargados de gas.
Reganosa forzou xa a entrada de dous buques coa fin de realizar probas na planta de gas. Desde o Comité lembran ao respecto que coas obras sen finalizar esas probas non deberan ser autorizadas e denuncian que Reganosa incumpre os trámites de seguridade necesarios. Por outro lado, desde a Xunta recoñecen que a planta non dispón de plan de emerxencia, aínda que lle atribúen a responsabilidade ao Ministerio de Industria, que non ten prevista a existencia de tal plan até que as obras estean completamente rematadas. Por este motivo, desde o Comité Cidadán insisten en solicitar a dimisión de Francisco Barroso, director da Área de Enerxía e Industria, dependente deste ministerio, quen asinou unha autorización solicitada pola empresa que os veciños cualifican de "ilegal".
Estes eran as formas de atuación dos grises, eran outros tempos?
PSOE e BNG xa nos esquecemos?
¡Fora Bastida da cadea!
E as últimas declaracións de Touriño, Blanco, Irisarri, etc, non serán constitutivas de delito de prevaricación?.
Non pode sair gratis dicir que a ubicación non é a axeitada pero que non facemos nada para mudala de sitio.
Pero toda esta xentiña non ten agora resposabilidade de goberno?
Os cazadores negocian un seguro que cubra os accidentes de tráfico con especies cinexéticas
Edición xeral
"Vexo con moita preocupación o futuro dos indios, dos illados, dos non illados, e tamén o noso"
Edición xeral
En outono dará comezo o trámite para a creación do Parque Natural de Pena Trevinca
Canal Verde