Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Segunda xornada

A marcha de apoio a Bastida acada o ecuador da viaxe

Mariscadores e cidadáns de Ferrol percorren 89 quilómetros a pé para pedir a liberación do patrón maior da confraría da cidade.

Redacción - 13:03 09/06/2007

s duascentas persoas que partiron o venres a pé dende o peirao de Curuxeiras, en Ferrol, até a prisión de Teixeiro, continúan o sábado a marcha coa intención de acadar o seu destino o domingo ao mediodía.

A marcha, encabezada polo Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol e os mariscadores da zona, demanda a posta en liberdade do patrón maior da confraría ferrolá, Bernardo Bastida, que se atopa no cárcere por ter participado no bloqueo dun gaseiro con destino a Reganosa.

Á saída da marcha, o venres, os opositores a Reganosa pediron a participación cidadá na protesta, coa que se pretende chamar a atención sobre o encarceramento «dunha persoa que o único que fixo foi loitar polos traballadores e acatar a decisión que tomaran en asemblea co Comité de Emerxencia», explicou Xaime Gabarri.

Os participantes, que levan camisetas co lema «Bastida liberdade» están a ser acompañados por coches e furgonetas de apoio nun percorrido de 89 quilómetros a pé que o sábado os levará de Pontedeume a Betanzos, onde teñen previsto xantar, e de alí até Ois, onde pasarán a noite nun pavillón, aproximadamente a partir das sete da tarde.

Calcúlase que cheguen a Teixeiro o domingo a partir das dúas da tarde, onde se concentrarán diante da prisión. Até alí tamén se desprazarán máis cidadáns de Ferrol en autobuses que partirán ás doce e media da mañá dende Correos.


4.6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: