Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Francisco Jorquera, coordinador executivo do BNG

"O acordo marco non contempla ningunha singularidade para Lugo e A Coruña"

O máximo representante nacionalista na negociación co PSdeG, comenta con Vieiros algunhas das claves dos pactos de goberno nos concellos.

F. Arrizado - 13:12 11/06/2007
Francisco Jorquera

Francisco Jorquera

O pasado venres á noite, socialistas e nacionalistas chegaban finalmente a un acordo marco a nivel nacional que lles permita formar goberno nos 71 concellos do país onde ningunha forza política acadou a maioría absoluta, e a suma de concelleiros do PSdeG e do BNG posibilita unha alcaldía de esquerdas.

Que valoración global fan do resultado final da negociación desde o BNG?

O acordo marco é satisfactorio por varias razóns. En primeiro lugar dá como resultado a consecución duns criterios programáticos comúns, que para nós era o principal motivo desta negociación; non consistía nun simple repartimento do poder. Tratábase de darlle resposta ao pedimento da cidadanía, que o pasado 27 de maio decidiu non outorgarlle maioría absoluta a ningunha forza política nas localidades máis importantes do noso país. A sociedade apostou por gobernos de coalición, cun programa en común e con dous referentes políticos.

E en segundo lugar, constátase que a translación do mapa político estatal -con dous grandes partidos diferenciados- a Galiza fallou.

Cal son os puntos clave do acordo marco? Que vai suceder en Lugo e na Coruña?

O acordo marco de goberno estabelece -e leo textualmente- a vontade do BNG e do PSdeG para formar goberno nas cidades da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Non se contempla ningunha singularidade con respecto a Lugo e A Coruña. O que si contempla é certa flexibilidade para que nestes concellos, se as dúas forzas se poñen de acordo, cheguen a contemplarse outras formulas para a formación de goberno.

Mais insisto, non se recolle singularidade ningunha nas cidades. Existen unhas directrices comúns fixadas, isto é: a alcaldía para a forza máis votada das que conforman a coalición; a segunda forza máis votada ostentará unha tenencia de alcaldía única; o reparto de áreas será proporcional ao numero de concelleiros acadados por cada un dos dous socios de goberno; e estabelécense uns principios comúns de gobernabilidade, é dicir, un único programa, mais coas características específicas de cada forza.

Semella que esta flexibilidade a que fai referencia deixa en papel mollado o acordo marco nas cidades de Lugo e A Coruña, onde o PSdeG aparentemente quere ir por libre...

Non é así. O acordo marco está aí e estabelece unha directrices de referencia claras. Se o PSdeG-PSOE en Lugo ou A Coruña prefire gobernar en minoría e contar con apoios do PP en temas puntuais estaría a romper o pacto e a incumprir a vontade do electorado. O que parece é que algúns aínda non asumiron que perderon a maioría absoluta... De calquera xeito será algo que deberá de solucionar internamente o propio PSdeG-PSOE.

Que vai ocorrer naqueles outros concellos como Corcubión, O Carballiño, Chantada ou Foz onde a priori podería haber problemas para que BNG e PSdeG se poñan de acordo?

É certo que nalgúns concellos, malia que existe unha clara vontade de que o acordo marco se cumpra, o grao de conflictividade existente entre os grupos municipais pode dificultar unha coalición de goberno. Porén, isto tamén quedou reflexado no acordo marco, onde se di que no resto de concellos (fóra das cidades antes citadas) tratarase de formar coalicións de goberno ou nos seu defecto acordos de gobernabilidade.

A quen vai beneficiar máis o pacto, ao PSdeG ou ao BNG? Non corre risco o Bloque de ser 'fagocitado' polos socialistas?

O acordo a quen beneficia máis é á sociedade. Eu coido que non hai perigo de que ocorra esa situación de 'fagocitación'; a propia práctica vénnos a dicir que non é así. O PSdeG-PSOE partía nestas últimas eleccións municipais coa vantaxe de estar á fronte da Presidencia da Xunta, no entanto os resultados do BNG foron bos, xa que conseguimos cotas máis elevadas de representación, e malia que é nas autonómicas onde historicamente acadamos mellores resultados.


4,22/5 (9 votos)

Comentarios (10)

Anxo #1 11/Xuño/2007 Anxo

Que ven se ve a palla no ollo alleo e non se ve a viga no propio, quizais en A Coruña, parte da culpa de que non haxa acordo PSdG-PSOE/BNG, non sexa parte de so de unha, duas ou tres persoas e quizais non sexan so de PSdG-PSOE. Recomendolle ao Sr. Jorquera que se queren mellorar os resultados do BNG en A Coruña, vai sendo hora de que muden ao seu candidato por alguen mellor.

galaico #2 11/Xuño/2007 galaico

Si, si, dacordo con Anxo, e de paso a parte de mudar o candidato que muden algo máis que falta lle fai...Fede algo a rancio.

Brais #3 11/Xuño/2007 Brais

Non teño nada, nada claro que o pacto global co PSOE seña o que máis lle convén ao nacionalismo. O tempo dará e quitará razóns

Calidonia #4 11/Xuño/2007 Calidonia

Vaia vaia, sres. Anxo e Galaico, ou sexa que o resultado do BNG na Coruña é malo, porque baixaron 2 puntos (cando foron máis de 4 puntos menos no conxunto das cidades) e porque mativeron o nº de concelleiros/as (cando xa se sabe o que pasou por aí con outros candidatos, mesmo con algún de novo cuño).
Estaría ben que repartírades críticas de forma máis obxectiva e construtiva e deixárades de publicitar consignas...

Anxo #5 11/Xuño/2007 Anxo

Quizais os de "novo cuño" é porque non son de tan "novo cuño" e a xente esta farta, pero os de "vello cuño" é que xa levan anos colleitando malos resultados e incluso cando baixan os que ti chamas de "novo cuño", non son capaces nin de gañar votos, quizais sexa que a xente esta farta de Tello e as suas "telladas", sei de xente do BNG que non o vota ou se empadroa fora de A Coruña, por non votar ao BNG de A Coruña. Pero se ti pensas que esos son bos resultados noraboa! e que sexan por moitos anos máis así que xa veras como acaba por desaparecer o BNG de A Coruña.

Anxo #6 12/Xuño/2007 Anxo

Vaia parece ser que Tello ameazou a Losada con negociar con Negreira se este non pactaba con él, será un farol ou tantas ganas de poder ten Tello?. Quen vería ao PP-BNG xuntos da man gobernando esta cidade. Se que donde hai principios nótase, quizáis esta sexa a "forma constructiva" de gobernar de Tello.

txari #7 12/Xuño/2007 txari

gemte joven, lenha verde, todo fume...nótase a idade de certos autores/as dos comentários, cando culpan a o cabeza de lista e solucionan segando a cabeza, non conhecen posiblemente o valor do trabalho encadeado de anos e anos, os resultados nom sempre son producto dos últimos catro anos e a ilusión , ás vezes nom ven precisamente da lenha verde...A Corunha é tan singular como a personaxe que a gobernou dende fai lustros, e o borrón e a conta nova é moi doada de predicar, nom así dar alternativas...

Anxo #8 12/Xuño/2007 Anxo

Non sei se o dis por min pero doume por aludido, cando falo de Tello me refiro a Tello e os seus colaboradores integrantes das listas do BNG tal como Mario López Rico, personaxes que levan anos encabezando as listas do BNG de A Coruña, e facendo un tipo de política que non gusta. Quizais xente xoven e a que necesite o BNG para que nos represente no concello. Non sei Txari se es de A Coruña pero vouche poñer un exemplo da política do BNG na cidade, cando se proxectou e empezou a executar o porto exterior o BNG encabezado por Tello, armou unha das súas decindo que onde se facía o porto era zona protexida, que se destruia unha zona ecolóxica, que o porto estaba mal proxectado que non ía funcionar que debido aos temporais estaría pechado a metade do ano. Cando grazas as políticas do PP e de xente que poñía atrancos ao proxecto e estivemos a punto de perder a axudas da UE, Tello puxose á cabeza a defender o porto exterior como a obra máis necesaria e importante para a cidade e defendeu o proxecto a ubicación, e todo o que fixese falta. Esa falta de credibilidade e a que ten Tello, o mesmo ca estación intermodal, cando o AVE se sabe que chega a San Cristobo que estan xa en obra os tramos Uxes-Pocomaco e Pocomaco-Lonzas, vai e pide a estación intermodal en San Diego, proxecto rexeitado polos veciños das Xubias (e apoiado polo BNG) que verían circular un tren de alta velocidad preto das súas casas e cando se sabe que Renfe xa vendeu eses terreos. Esa é a política de Tello e dos que a respaldan, a de decir a todo non e propoñer cousas un día e todo o contrario ao día seguinte.

Calidonia #9 12/Xuño/2007 Calidonia

Algúns quedaron con gañas de cortar cabezas. Era visto.

Anxo #10 13/Xuño/2007 Anxo

Eu non teño ningunha gana de cortar cabezas, eu so expoño o que é latente nesta cidade, e esta cidade non apoia ao BNG porque non gusta dos seus representantes, quen o queira ver, que o vexa, e o que non o quera ver que tape o nariz e mire para outro lado.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: