Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dous concellos máis para o Bloque

O BNG mantén a alcaldía de Manzaneda e consegue a de Castrelo de Miño

A Xunta Electoral central estima os recursos presentados por socialistas e por nacionalistas -que gobernarán co apoio do PSdeG-, e desbota as reclamacións do PPdeG.

Redacción - 18:20 11/06/2007

Os recursos presentados polo BNG ante a Xunta Electoral Central nos concellos de Manzaneda (Terra de Trives) e Castrelo de Miño (O Ribeiro) foron estimados pola Xunta Electoral Central, polo que ambos os dous concellos contarán con alcaldes nacionalistas en virtude dos acordos co PSdeG.

En Manzaneda, a Xunta Electoral de zona admitira unha reclamación do PPdeG que provocaría a repetición das eleccións nunha das mesas do concello. Porén, a Xunta Electoral central estimou o recurso presentado polo BNG, dando por válidos os resultados provisionais, que lle daban catro concelleiros aos populares, tres aos nacionalistas e dous aos socialistas. En virtude do acordo entre BNG e PSdeG, Antonio Núñez, candidato nacionalista á alcaldía, será o vindeiro alcalde deste concello. No entanto, fontes populares consultadas por Europa Press confirmaron que o PPdeG esgotará a última vía que lle queda, e presentará un recurso contencioso electoral.

No que respecta a Castrelo de Miño, a Xunta Electoral de zona estimara unha reclamación do PPdeG sobre a nulidade dun voto do Censo de Residentes Ausentes (CERA). A Xunta Electoral central, pola súa banda, estimou o recurso do BNG e do PSdeG que validaba este voto, co que a corporación resultante terá cinco concelleiros do PPdeG por tres do BNG, tres do PSdeG -que gaña un máis dos que tiña- e ningún dos Independentes, que perden a representación. Os nacionalistas, que obtiveron máis votos que os socialistas, asumirán a alcaldía na persoa de Xurxo Rodríguez Méndez.

Outro recurso aceptado

Ademais, no concello da Arnoia (O Ribeiro) foi estimado outro recurso do BNG, polo que se anula unha das mesas do concello debido ás numerosas irregularidades nos votos do CERA. Porén, o PPdeG manterá o goberno deste concello.

O secretario de Política Municipal do BNG, Roberto Mera, amosou a súa satisfacción pola consecución destas dúas alcaldías, "un exemplo do avance do nacionalismo no interior de Galiza, onde ademais o Partido Popular pretendeu gañar con subterfuxios o que non conseguiu nas urnas".


4.67/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: