Na concentración, impulsada por Medio Rural, participarían activamente Caixanova e Caixa Galicia
Unha das máis vellas reivindicacións do agro galego está máis cerca ca nunca de facerse realidade. Segundo puido saber este xornal, as negociacións, auspiciadas pola Consellaría de Medio Rural, están xa moi avanzadas. Leite Río e Feiraco conformarían o núcleo duro do novo grupo, ao que se sumaría Cooperativas Lácteas de Galicia (Colaga). O proxecto conta co imprescindíbel apoio das dúas caixas galegas.
A unión da industria auctóctona é unha das grandes promesas do Goberno que se comprometeu en 2005 a traballar a prol desta concentración empresarial. Dende aquela, o departamento de Medio Rural foi o encargado de sentar as bases para un entendemento entre as partes e deseñar o xeito de facilitar incentivos públicos.
En setembro do ano pasado, responsábeis de Medio Rural recoñecían publicamente que se abría unha quenda de contactos, mais os mesmos xa comezaran meses antes. Un dos principais temores era a tradicional oposición das familias lácteas españolas. A razón era evidente: evitar que dende Galiza, que produce máis do 35% do leite do Estado, se puideran fixar prezos do leite.
A maior parte do leite galego, máis do 85%, comercialízase por medio de empresas foráneas que utilizan a miúdo o produto para “marcas brancas” (as máis baratas do mercado). A filosofía do novo grupo sería radicalmente distinta. A finalidade é ofrecer tamén produtos de valor engadido, tan en voga hoxe no mercado, e que permiten un notábel incremento das plusvalías. A aposta pola calidade vai acompañada dunha necesidade de fortes investimentos. Aí entrarían en xogo Caixanova, Caixa Galicia e a Xunta.
Unha historia sen finais felices
Os intentos de concentrar a industria láctea do pais remóntanse a hai xa dúas décadas. Dende aquela, as preto de cen mil familias que vivían a conta dunha granxa leiteira tiveron que enfrontarse a sucesivas reconversións que as reduciron ás pouco máis de 14.000 que quedan na actualidade.
En 1987 a viguesa Larsa apostaba por ser punteira a nivel estatal favorecendo absorcións. Mais a idea truncouse por falta de apoio político e finaceiro. En 1991 o Parlamento insta unanimente ao goberno Fraga a traballar por un grupo lácteo. O daquela presidente mantivo entrevistas empresas que lle pediron que non se metera "no libre mercado".
Pouco despois houbo motivos para esperanza, Leyma fusionouse con Colaga e con RAM para crear un grupo lácteo pero a falta de apoios das caixas e a morna postura do executivo fixo que todo o conglomerado acabara en mans da andaluza Puleva. Anos despois Leite Río volvería mercar parte daquel grupo.
En 2003 un empresario de Valencia, Antonio Marchal, fixo unha forte aposta para nuclear un grupo lácteo arredor de Leite Celta. Mais a Xunta non viu con bos ollos a iniciativa e Celta acabou en mans da multinacional Dean Foods.
por fin, avante coa idea, xa era hora de que os sectores productivos deste País concreten ideas e estratexias para afronta-la competencia estranxeira, cada dia máis presente en Galiza, para cando un grupo de distribución de alimentación (supermercados) forte e 100 % galego...?
¡Non me estrañaría nada que o montaran cando en Galicia non haxa vacas!
O que hai que seguir é o exemplo de CAPSA, a súa marca "Central lechera asturiana" é punteira no mercado de leite envasado e produtos derivados, cunha forte presencia nos médios e implantación en todo o mercado "nacional", porque os galegos non podemos competir con iso ? témolo todo para facelo, so cómpre un pouco de interese e coma sempre, apoio institucional para botalo a andar.
Moi ben! e agora que imos, deixar aínda máis impunes os verquidos tóxicos é demáis irregularidades???
LENCE PRISÓN! e tódolos ricachóns esnaquizadores da natureza
Por min que non quede, son consumidor de leite FEIRACO, voto en falta outros produtos derivados do leite producidos en Galiza, pero estou disposto a votar unha man.
A solución está na unión para facerlle fronte ao mercado e non só no leite, que tamén é importante. Hai sectores como o textil, ou como o da horta que son auténticos minifundios nas mans das multinacionais que son as que sacan as ganancias neste mundo globalizado. Fai falta vontade política
E un Eroski galego! Mais galego galego, non un sucedáneo rexionalista de capital galego mentalmente colonizado.
Unha boa nova, espero que saia adiante, xa que desta vez contan co apoio económico das Caixas, e os cartos son moi importantes para levar a cabo estes proxectos, ogalla non queden só no sector leiteiro e podamos ver máis exemplos noutros sectores como os que xa se comentaron aqui tales como os da alimentación, téxtil, etc.
Se esta nova chegara hai quince anos, seguramente hoxe as comarcas rurais serían outra cousa. Hai unha responsabilidade política histórica evidente. Pasamos de ter a ducias de milleiros de familias vivindo no rural a ter só pensionistas e poucos A ver se desta sae adiante, aínda que ben seguro que ha de haber presións das grandes industrias. Por intentalo que non quede...
boa idea! a ver se sae adiante...por fin
Alegra-me esta notícia! Alegra-me que Medio Rural possa fazer algo... sem que tudo se lhes ponha em contra... Acho que grande parte da batalha para a revalidação do bipartido se joga nas conselharias do BNG, nomeadamente na que dirige o Suárez Canal... pessoalmente estava interessadíssimo em que fossem capazes de levar adiante algumas das ideias têm postulado: pela sua importância estrutural e também pela sua importância moral... Seríamos capazes de demonstrar que podemos ganhar o nosso futuro mesmo num contexto adverso... Dar-lhe vida ao interior é dar-lhe vida ao País!