Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nun informe presentado este luns en Compostela

Greenpeace salienta a potencialidade de Galiza para as enerxías renovábeis

No estudo Renovables 100%. Un sistema eléctrico renovable para a España peninsular e a súa viabilidade económica indícase que Galiza reúne as "mellores condicións" para xerar electricidade con enerxía eólica e mareomotora ao menor custo.

Redacción - 18:20 09/07/2007

O informe ofrece solucións ecolóxicas para frear o cambio climático. Nel aparecen as comarcas galegas entre as mellores da península para produciren electricidade a menor custo en 2050, por medio da enerxía eólica terrestre ou mariña, mareomotora e xeotérmica. Renovables 100% conclúe que as tecnoloxías de menor custo no 2050 serán as que funcionen con enerxías renovábeis. A combinación entre varios destes sistemas de xeración permitirían cubrir a demanda de electricidade.

Greenpeace encargoulle o estudo ao Instituto de Investigación Tecnolóxica da Universidade Pontificia Comillas. As conclusións conseguen demostrar a viabilidade técnica e económica dos sistemas de xeración 100% renovábeis para cubriren a demanda eléctrica total da península. Ademais, os custos que carrexaría son asumíbeis e mesmo favorábeis, segundo Greenpeace. A asociación solicita que o Goberno estabeleza uns obxectivos de cumprimento obrigatorio para a planificación enerxética, a medio e a longo prazo. Prevese que a contribución das enerxías renovábeis á xeración de electricidade acade a metade do total no ano 2020, e o 100% no 2050.

É posíbel evitar o cambio climático

Raquel Montón, responsábel da campaña de Cambio Climático de Greenpeace, amosouse optimista: "é posíbel evitar un cambio climático perigoso se poñemos en marcha unha revolución enerxética para lograr que as enerxías renovábeis substitúan ás sucias".
Con este informe, Greenpeace achega novidades ao debate sobre o cambio climático: logo de confirmaren o grupo de expertos das Nacións Unidas (IPCC) a gravidade dos impactos do cambio climático provocado por queima de combustíbeis fósiles, esta investigación achega a esperanza. "As barreiras non son técnicas, senón, fundamentalmente, de vontade política".

O informe constitúe o elemento central da campaña Revolución Renovábel, coa que Greenpeace pretende mobilizar á sociedade: "o cambio empeza aquí, a campaña ten como obxectivo facer chegar a toda a sociedade en xeral, e en particular aos responsábeis de tomar decisións sobre política enerxética, a información necesaria para asumir que un modelo enerxético limpo é posible".A gran achega consiste en que o estudo pon ás claras a viabilidade técnica e económica dos sistemas de xeración 100 % renovábeis. Son necesarios aínda procesos de análise, pero xa está demostrado que é factíbel. Xa na primeira parte do estudo (Renovábeis 2050) demostrábase que no territorio peninsular disponse de fontes renovábeis abondo como para se producir 56 veces a demanda de electricidade proxectada en 2050.


Ligazóns

4,33/5 (6 votos)


Comentarios (3)

Jatopardo #1 9/Xullo/2007 Jatopardo

Por suposto, aínda podemos por máis muiños de vento en Galicia. De feito, ¿qué sería unha montaña en Galicia sin o seu correspondente parque eólico?

Galicia produce moita máis enerxía eléctrica da que consume, pero temos que ser solidarios co resto do estado, e alí donde non poñan unha urbanización ou unha piscifactoría, podemos poñer unha destas eólicas.

Por certo, ¿estes de Greenpeace din que son ecoloxistas, non si?

zougan #2 10/Xullo/2007 zougan

A potencialidade xa é realidade. Agora necesitamos que isto vaia con sentidiño

Ornitologo #3 10/Xullo/2007 Ornitologo

O que nos faltaba,Greenpeace apoiando a mercantilista política enerxética da Xunta. ¿Quén dixo que mais eólicos significaban reducción do quencemento global? Polo de agora, significan mais cartos para as empresas que producen CO2,non reducción do consumo de enerxias "sucias". E significan coartada para non poñer freo ao galopante crecemento do consumo de enerxía. Xa basta de demagoxia. Nin un eólico mais.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: