Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O xenocidio na memoria

Doce anos despois: que ninguén esqueza Srebenica

Os sospeitosos seguen fuxidos, os superviventes non se senten reparados e piden que ninguén esqueza un dos maiores masacres de civís da Europa contemporánea.

Aída Sánchez /Canal Solidario - 09:00 11/07/2007

"Buscando eliminar a unha parte da poboación bosníaca musulmá, as forzas serbobosnias cometeron xenocidio. Seleccionaron para a súa extinción a corenta mil bosníacos musulmáns que vivían en Srebrenica, un grupo particularmente emblemático. Desposuíron a todos os varóns prisioneiros, tanto militares como civís, mozos como maiores, das súas pertenzas e identificacións; e deliberada e metodicamente elimináronos, unicamente en razón da súa identidade", son as palabras do xuíz do Tribunal Penal Internacional para a Ex-Yugoslavia (ICTY) que en febreiro deste ano, e 12 anos logo da matanza, recoñecía que os actos do 11 de xullo de 1995 en Srebrenica configuraron un xenocidio.

A matanza de Srebrenica é un dos capítulos máis atroces da historia e recórdase hoxe como un dos maiores masacres de civís na Europa contemporánea. Este mércores fanse 12 anos do día en que, logo de catro anos de guerra, milicias paramilitares serbias entraron na localidade bosníaca e mataron entre 7.000 e 12.000 persoas.

'Zona segura'
Os feitos producíronse nunha zona previamente declarada 'zona segura' polas Nacións Unidas e que nese momento atopábase baixo a protección de 400 cascos azuis holandeses. Aínda que se buscou especialmente a eliminación dos varóns musulmáns bosníacos, o masacre incluíu episodios de asasinato de nenos, adolescentes, mulleres e anciáns. A lista das persoas asasinadas ou desaparecidas elaborada pola Comisión Federal de Persoas Desaparecidas recoñece oficialmente 8.373 nomes.

Descubríronse centos de foxas comúns, a última hai apenas unha semana, e, aínda que os dous principais sospeitosos polo masacre de Srebrenica, o líder serbio-bosníaco Radovan Karadzic, e o seu comandante, Ratko Mladic, foron acusados hai doce anos, non foron aínda capturados e atópanse fuxitivos.

ONG e movementos sociais de apoio ao pobo bosníaco seguen denunciando a situación que vive a poboación civil. "Os anos transcorridos desde os acordos de paz de Dayton foron moi positivos para o país pero tamén puxeron de manifesto que a delimitación de fronteiras do tratado acabou lexitimando a inxustificábel limpeza étnica". [...] Ademais, a coexistencia pacífica en Bosnia aínda se atopa nun fráxil equilibrio, no que a resignación, o estancamento e a crecente pobreza ameazan a paz. Por iso, queremos facer presión para que se emenden os erros de Dayton", explican desde Xustiza e Paz.

Un aniversario especial
Para que a matanza de Srebrenica non se esqueza e para renderlle homenaxe ás vítimas e superviventes, cada ano teñen lugar en Bosnia actos que conmemoran o triste acontecemento. ONG e movementos sociais de todo o mundo solidarízanse e mostran o seu apoio ao pobo bosníaco. Cada ano realízase a marcha dos superviventes do masacre, na que familiares e amigos dos desaparecidos repiten a ruta que as vítimas fixeron hai 12 anos para escapar do asedio da zona.

Este ano, ademais, durante a cerimonia enterraranse os restos de 465 vítimas atopadas nunha das fosas comúns que aínda hoxe seguen aparecendo. Igual que as 2.400 vítimas que xa foron enterradas en Srebrenica, estas foron identificadas a través de análises de ADN antes de ser entregadas aos seus familiares. Salvo unha anciá de 75 anos de idade, todos eran varóns de entre 13 e 77 anos. Espérase que máis de 30.000 persoas asistan aos funerais, e entre os líderes e autoridades que participarán atópase a fiscal xefe do Tribunal Penal Internacional da ONU para a antiga Iugoslavia, Carla Del Ponte, baseada na Haia, onde algúns dos sospeitosos que foron detidos polos crimes están sendo levados a xuízo.

Chamamento na Rede
ONG de apoio ao pobo bosníaco, movementos sociais solidarizados coas consecuencias da guerra dos Balcanes e particulares sensibilizados co drama humano dos superviventes do masacre de Srebrenica levan tempo impulsando iniciativas nas que recollen información sobre os feitos e tratan de concienciar a sociedade.

Internet converteuse nunha boa plataforma de difusión dos seus coñecementos e opinións. Así, atopamos recursos como a páxina especial dedicada ao masacre: Srebrenica, a vergonza de Europa. Nela poden atopar informes, testemuños, imaxes, vídeos e ligazóns sobre a matanza. Ademais, podes compartir a túa opinión con outros internautas ou asinar as peticións para esixir responsabilidades.

A rede Trenkalòs tamén ten activas actividades de sensibilización e campañas de cooperación nas que todo o mundo pode participar na medida que desexe. Ademais de manter campos de verán e estancias de formación en cooperación internacional en Bosnia, esta mesma semana Trenkalòs súmase ao aniversario da matanza coa presentación do libro Homenaxe a Srebrenica, de Marta Catalan, Gloria Marcet, Angie Porcel e Jordi Rodri, e o disco Bágoas de Potocari de Laia Carreira. Este acto que terá lugar na Biblioteca Nacional de Saraxevo pretende ser un chamamento á memoria e un recordo para as decenas de miles de vítimas da traxedia.

Outras asociacións como a Asociación Amigos x Bosnia Badalona 2004, Mestres per Bosnia, Paz Agora ou Tarefas solidarias-caravana pola paz traballan habitualmente en iniciativas de cooperación con Bosnia.

O Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) mantén na súa web unha galería fotográfica realizada con motivo do décimo aniversario do masacre. Do mesmo xeito, o diario 20 minutos mantén a súa exposición virtual con algunhas das fotografías de máis impacto realizadas sobre a matanza de Srebrenica.


5/5 (10 votos)


Comentarios (3)

zougan #1 11/Xullo/2007 zougan

A memoria, sempre tan despreciada

Quicol #2 11/Xullo/2007 Quicol

Tremendas as testemuñas da mencionada páxina de "Srebrenica, a vergonza de Europa", e tremendas ás barbaridades ás que pode chegar o xenero humano e o pouco que valen as súas institucións para a "paz".
Mentras esto pasaba alí, aquí estabase criminalizando aos insubmisos por "insolidarios".

serbia #3 11/Xullo/2007 serbia

A xente en Serbia non sinte a máis mínima dose de culpabilidade: que alguén no nome do seu pobo cometese tal barbaridade.
O exército holandés asumíu as culpas pero os rangos militares franceses que puideron bombardear as posicións serbobosnias o día antes da toma do enclave non asumen a súa parte de responsabilidade.
O goberno Serbio oficialmente pide publicamente perdón polo xenocidio cometido (en BiH, en Croacia...) pero o goberno bosnio, pola súa parte, denuncia á metade da súa poboación (os serbios) por xenocidio para acadar 1.000 millóns de Euros en compensacións, poñendolle prezo aos seus mortos, no canto de mirar sen esquecer cara o futuro.
A perfecta descrición de todo isto, en compás de espera a se repetir, son as palbara de Naser Orić, xefe da milicia armada bosníaca que defendeu o enclave, xulgado e absolto n´A Haiâ: "os serbios estaban mellor equipados e fixeron o que fixeron. Noutras circunstancias teriamolo feito nós. É a guerra, e a guerra gáñase matando máis".
Por certo, o pasado mes de abril, os bosníacos de Srebrenica pregáronlle o goberno de Sarajevo a excisión da súa vila, territorialmente enmarcada na entidade serbia de Bonsia Hercegovina (Republika Srpska) recibindo unha negativa a tal petición. As veces é preciso ter un Auschwitz no canto de mirar para delante na procura da reconciliación.
Tampouco houbo nunca un comunicado oficial do presidente Alija Izetbegović; a investigación oficial holandesa acusou o goberno bosnio de non lles subministrar información de intelixencia (o que restaba operatividade ás súas tropas) sobre as intencións dos serbo bosnios naquela ofensiva. Moitas voces en Srebrenica critican que até certo punto Izetbegović permitíu a masacre para rematar a guerra rapidamente.
E abofé, o culpábel directo desta masacre anda solto: Ratko Mladić.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: