Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Manifesto en lembranza do caso

Egin: nove anos despois dun peche que contribuíu a "criminalizar ideas"

A presunta vinculación coa ETA foi a escusa para o peche de Egin e Egin Irratia. A primeira das agresións á liberdade de expresión que seguiron contra Egunkaria e Ardi Beltza.

Redacción - 11:27 17/07/2007

"Non se poderá restituír nunca a liberdade de expresión de Egin e Egin Irratia, pero si se pode, e é necesario, dar os pasos para restabelecer os dereitos civís e políticos vulnerados por este proceso, que lle afectan ás persoas procesadas e a toda a cidadanía vasca", propón o manifesto feito público estes días en Euskadi.

O documento está promovido por xornalistas vascos e trata de achegarlle á opinión pública a "preocupación" dentro da profesión polo sumario 18/98, "especialmente no que máis directamente nos afecta, o referido á liberdade de expresión e información, pero tamén polo que pode supoñer respecto a outros dereitos civís e políticos en Euskal Herria".

Os promotores da iniciativa destacan que a construción do camiño cara á paz e a normalización política en Euskadi debe estar baseada no "respecto de todos os dereitos e entre eles o da liberdade de expresión e o dereito á información, e de todas as ideas e opcións políticas". Nese camiño, insisten, é necesario que a sentenza polo caso "sexa absolutoria".

A historia de Egin, cabeceira xornalística que en setembro desde 2007 tería cumprido 30 anos de historia, parou en xullo de 1998 coa operación promovida polo xuíz Baltasar Garzón, cunha acción que deixou no paro arredor de 150 traballadores. Once persoas, entre elas o director do periódico e varios membros do consello de administración, foron inicialmente ao cárcere. Posteriormente, o caso incluiuse no sumario coñecido como 18/98, e 17 persoas foron procesadas. O xuízo rematou en marzo pasado, e os imputados agardan sentenza.


4.33/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: