Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Luita Verde alerta sobor da progresiva desaparición nestas últimas tres décadas do monte baixo e de matogueira na península do Morrazo.

S.O.S.matogueiras do Morrazo

Áreas recreativas, tendidos eléctricos de alta tensión, excavacións, recheos, construcción de pistas de tiro ao prato, de aeromodelismo e de motocross, construcción e ancheado de pistas forestais, masiva presenza de vehículos motorizados, monocultivo de árbores forestais e incendios forestais, son en xeral as principais causas por efecto humano polo que estes ecosistemas naturais están desaparecendo a pasos axigantados na comarca. Lugares de gran importancia na comarca con monte baixo coma o monte da Paralaia, o monte Gagán, Chan das Bolas, Chans de Cela ou Chans de Pastoriza, ó igual que outras áreas como Cabo Udra, Outeiro do Cruceiro ou o Alto da Esculca, están a ser agredidos nas últimas décadas ata a actualidade, en especial dende o último lustro, por moitas das causas mencionadas, a maioría dentro de monte comunal.

Luita Verde - 22:32 16/07/2007

Estas áreas naturais existentes dende a beiramar ata os 500 metros de altitude, nos montes, integradas na actualidade en áreas protexidas a nivel de solo rústico de espazos naturais (Carballal de Coiro, Montes do Morrazo e Cotorredondo), forestal, de costas e na Rede Natura (Cabo Udra e Costa da Vela), e que tradicionalmente se adicaron ás labores do pastoreo e á silvicultura agrogandeira (na actualidade en proceso de abandono por modificación dos usos e falla de incentivos), pasan por ser ecosistemas propios de gran valor ecolóxico debido a súa rica biodiversidade faunística e florística e pola súa función reguladora e rexeneradora dos seus solos pedregosos e ácedos. A interacción destes ecosistemas polas causas citadas, está a provocar erosión do terreo, perda de capa vexetal, soterros, ruídos, contaminación atmosférica, verquidos de lixo, introducción de vexetación alóctona, e nos monocultivos forestais (eucalipto e piñeiro), por engadido, degradación a medio-longo prazo, nun proceso de varios anos donde ás árbores crecen ata cubrir totalmente o terreo, eliminando e modificando a vexetación orixinaria por exceso de competitividade pola luz, auga e nutrientes, pola cantidade de biomasa caída dende os seus talos e ramas sobre o solo que inhiben que o mato poida crecer ao seu abeiro e cabe tamén a posibilidade por causa da utilización de agrotóxicos para acelerar a súa desaparición. Comunidades vexetais tan representativas como as uces , as toxeiras e as xesteiras, donde vive unha fauna asociada e outra que depende exclusivamente destes espazos abertos para alimentarse, estanse vendo fortemente agredidas e alteradas dende entón. Especies de avifauna no máis alto da rede trófica coma o miñato común, o miñato abelleiro, a gatafornela e o lagarteiro común e da escada media como o picanzo real, o picanzo vermello e a avenoiteira cincenta; pequenas aves como a chasca común, a papuxa montesa e a escribenta riscada; réptiles como a cobra lagarteira meridional, a lagartixa dos penedos e o esgonzo común; mamíferos coma o coello; prantas asociadas de ámbito mediterráneo coma o trovisco e a carpaza moura; de terreos pantanosos como a xanzá; invertebrados como a rara especie a nivel galego da bolboreta Maculinea alcon, entre outras moitas máis, parte delas ademáis endemismos ibéricos, poderán verse en maior ou menor medida no límite da súa extinción na comarca, de desaparecer o monte baixo de mato. Se está a afectar á agrogandería tradicional, ó fallar pastos naturais e a densa biomasa de mato que tradicionalmente se utilizou trala sua corta como un excelente abono orgánico en combinación con excremento animal; á apicultura por selas uces unhas das prantas preferidas polas abellas para a fabricación da súa mel; e á industria enerxética por ser o toxo un excelente biocombustible de futuro. Tamén se está a provocar a degradación da paisaxe, especialmente os monocultivos forestais, ocupando e tapando as excelentes panorámicas abertas e os lugares de interese xeolóxico, natural e socio-culturais nas proximidades donde en xeral están ubicadas as áreas de monte aberto e matogueira, moitas das veces verdadeiras atalaias e outeiros sobre os pobos e as rías.

Luita Verde rexeita polo tanto a xestión economicista e irracional que se está a levar a cabo nos montes do Morrazo, baseada na incontrolada “cultura do ocio” e o monopolizador “monocultivo de especies forestais de crecemento rápido” do sector madeireiro, a conta da ocupación e destrucción do monte baixo e de matogueira que están aquí dende hai séculos ou incluso milenios, e siguen tendo as súas funcións ecolóxicas naturais e as socio-económicas da agrogandería tradicional, xunto cun potencial en biomasa fertilizadora e enerxética de calidade no futuro. Denuncia que polo contrario a maioría dos montes da comarca, tanto mancomunados como privados, supoñen case o 60% do territorio comarcal e xa están de abondo reforestados con árbores dende hai décadas, pero mal xestionados, baseados no monocultivo de eucalipto e de piñeiro (máis 75% da superficie forestal), pasto de plagas de insectos e fungos que os merman, e que por engadido supoñen as principais causantes do espallamento dos incendios forestais, como os que asolaron a comarca en agosto do ano pasado, ó ser especies pirófitas. Tamén denuncia que tanto as administracións locais como a autonómica, e a pesar das distintas proteccións das áreas naturais donde están integrados os ecosistemas de mato e monte baixo, durante todo este tempo ata a actualidade non estiveron a facer nada, senón tódolo contrario, para que estes foran conservados e protexidos.

Luita Verde avoga pola posta en valor e a conservación do monte baixo e de matogueira, como asimesmo o fomento e incentivo das prácticas agrogandeiras e de roza nos mesmos (é necesaria ademáis como preventiva para que non haixa demasiada biomasa, polo perigo de combustibilidade da mesma e posible xeneración de incendios forestais), e por engadido un ordeamento máis racional e sostible dos montes, donde o arborado debe estar baseado nos cultivos mixtos e no fomento de especies nobles e autóctonas e donde as actividades humanas a realizar (forestais, agrogandeiras, culturais e de lecer) deben estar directamente relacionadas e respetuosas co medio, donde ademáis se reproba a práctica inexistencia de actividades afíns coma o ecoturismo e o sendeirismo. As actividades que incumpran esas condicións deben ser erradicadas dos montes e áreas naturais protexidas, buscando zonas alternativas e recintos fóra dos mesmos, máis acordes coa súa función, que deberían estar reflexadas e integradas nos respectivos plans de ordenación urbana dos concellos (PXOMs) e asumidas polas distintas Consellerías, dentro das súas competencias.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: