O compromiso da igualdade como "sinal de identidade da acción" de goberno, no acto oficial da Presidencia da Xunta e a presentación da guía de boas prácticas contra a desigualdade nas organizacións, por parte da Vicepresidencia, destacaron na axenda deste martes.
"Non se trata hoxe de afirmar verbalmente a igualdade, senón de facela real na vida cotiá, de plasmala en todos os ámbitos das esferas pública e privada", comentou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante o acto d'A Véspera, celebrado este ano por segunda vez e dedicado ás mulleres e á igualdade. O obxectivo, segundo o Goberno, é recoñecer o "esforzo continuado" que as diferentes asociacións veñen realizando a prol deste "reto de país".
Así, a residencia oficial do presidente en Monte Pío recibiu a visita para este acto das representantes dun total de 119 asociacións e 8 federacións de colectivos que desenvolven diversas actividades no ámbito da muller. "Grazas pola vosa loita, o voso traballo, o voso exemplo de dignidade, a vosa esperanza", expresou Pérez Touriño, "sodes as mulleres, colectiva e individualmente, as que estades a liderar, en Galiza e no mundo, a loita pola igualdade e sen vós a nosa sería unha sociedade irremediablemente coxa, deficitaria e inxusta".
A "igualdade como marca de Galiza"
Do mesmo xeito que o fixo Touriño, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, tamén recordou este martes as dúas leis aprobadas recentemente, a Lei para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, e a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, dous textos dos que destacou o "proceso participativo" da súa elaboración e a súa importancia como "instrumento básico" para facerlle fronte á violencia de xénero e para que as traballadoras galegas teñan as mesmas oportunidades que os seus compañeiros.
Fíxoo Quintana durante a presentación da guía de boas prácticas para a excelencia empresarial en igualdade. Trátase dun documento creado para que as empresas e organizacións estean en mellores condicións de "identificar os factores de desigualdade que operan nas súas estruturas" e de introducir medidas positivas no camiño da igualdade. O vicepresidente afirmou confiar en que a ferramenta sirva para pular pola "adecuada representación de mulleres nas diferentes categorías profesionais dos cadros de persoal e a equiparación de homes e mulleres a nivel de retribucións".