Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India VII

Países machistas?

María Reimóndez reflexiona sobre o machismo na India: os homes implícanse no curso de formación sobre xénero, pero aínda quedan moitas barreiras.

María Reimóndez - 10:00 03/08/2007

Países machistas?

Pola tarde o curso de formación de xénero está enfocado aos homes. Uns trinta reúnense no templo co equipo de formación. Yanira comenta que lle parece incrible xa só que asistan, e eu sei o traballo que custa organizar estas cousas. Coma sempre insisto e en contra dos nosos cansantes prexuízos occidentais, a mentalidade da xente dos suburbios é moito máis aberta ao cambio cá das nosas sociedades acomodadas. Gustaríame saber a min cantos homes dun barrio, vila ou aldea de Galicia asistirían a un curso de formación sobre xénero. Pero iso non é unha cousa de mulleres? E con esa pregunta quedaría demostrada a grande necesidade urxente do curso.

Xénero na universidade

Este mércores, se cadra por ser Día da Patria Galega, o meu programa altérase lixeiramente. Manimekalai convídame a impartir unha conferencia durante a cerimonia de inauguración do club de estudos de xénero. Esta é outra desas iniciativas das que temos moito que aprender no norte. O club reúne a alumnado de todas as carreiras universitarias para analizar cuestións de xénero e poñer en marcha accións concretas para sensibilizar á poboación e cambiar os patróns de xénero existentes.

O grupo que conforma o club é certamente nutrido. Falamos primeiro de xeito informal. Hai moitos rapaces, cousa que resulta sorprendente. Primeiro porque é unha actividade "extraescolar" (xa me gustaría a min saber cantos rapaces das nosas universidades estarían dispostos a botar ese tempo precioso neste tema) e segundo porque todas e todos asisten cunha curiosidade abraiante por saber, por entender, por poñerse en marcha no cambio.

No relatorio Manimakalai pediume que falase dunha perspectiva global sobre o xénero e falo dos mitos da cultura occidental tal e como se usan aquí, coa palabra "occidentalizada" coma unha guillotina enriba das mulleres que loitan polos seus dereitos (que os homes leven pantalóns ou garabata non é occidentalización, é que están máis cómodos ou teñen mellor status pero cando unha muller quita o sari entón está "occidentalizada").

Falo tamén do concepto de "cultura india" que se intenta impoñer dende o patriarcado como algo estático (substitúase se gustar, dado que estamos no día propio, por "cultura galega") e sobre todo como algo que intenta restrinxir o papel das mulleres ao tradicional e evitar a maior revolución de calquera cultura, o feminismo. Falo tamén das mulleres indias que traballaron e traballan por este fin, da pouca visibilidade que teñen e do feito de que en todas as culturas as mulleres que loitamos polos nosos dereitos e por unha sociedade máis xusta recibimos apelativos de todo tipo, dende bruxas a putas pasando por tolas (en occidente con histerectomías incluídas grazas á nosa deusa a medicina).

Nas caras de moitas rapazas e rapaces vexo a dúbida sementada con respecto ás familias, á sociedade, ao respectable (falo de sexo e de homosexualidade, palabras que case fan que lles dea un infarto a algunhas raparigas de boa familia mantidas en formol patriarcal durante toda a súa vida). Con isto estou máis que satisfeita.


3.5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os homes participan no curso de xénero. Foto: María Reimóndez
Os homes participan no curso de xénero. Foto: María Reimóndez