Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India VIII

Un algo especial

María Reimóndez segue a contarnos sobre a alfabetización das rapazas na India, e demostra como a prensa támil malinterpreta as súas palabras.

María Reimóndez - 09:45 04/08/2007

A prensa non dialoga

A miña participación na xornada de onte sae na primeira plana do xornal támil de Tiruchy (o cal manifesta claramente que teñen poucas noticias!). A entradiña comenta que recomendei aprender das mulleres occidentais. E considerando que precisamente a miña presentación trataba de ir en contra de tal concepto a cousa resúmese en ironía interesada. O diálogo resulta moi complicado cando as partes teñen a cabeza bloqueada con ideas preconcibidas da outra. A intérprete dixit.

Gayatri

Cando entro en C-Block teño unha única idea en mente: ver a Gayatri. En 2004 fora intensa a batalla campal coa súa mai, que defendía que total para que ía educar ás fillas (tres que ten), que as mulleres non debían saír da casa para traballar e outras lindezas, todo isto ante a cara de desmaio da súa filla maior, Gayatri, que asistía daquela ás nosas clases de apoio.

Eu podo ser moi testana cando quero, sobre todo cando está a ilusión (e a vida) dunha nena polo medio, así que botei a tarde de argumentacións sen saber moi ben cal sería o resultado a fin de contas. Pois ben, hoxe á fin vexo o resultado. Gayatri está para entrar nos dous cursos que levan á universidade, é unha alumna estupenda e as súas irmás seguen os seus pasos.

Mais o importante é sobre todo que a súa mai fala sen dúbida de mandala á universidade e de que teña un traballo. A satisfacción de ter participado ben modestamente neste proceso non pode expresarse con palabras. Se cadra porque quero gardalas para seguir argumentando. Á fin parece que nalgúns casos cambia a vida.

Un algo especial


Dalgunha maneira hai algo sempre que indica ese toque especial. Un brillo nos ollos, unha curiosidade, unha maneira de sentarse, de estar. Jamlat teno. Mentres debatemos coas mulleres que asisten ás clases de alfabetización, ela conta que nunca a mandaron á escola pero que aprendeu a ler escoitando aos nenos dos veciños, e que se anotou ás clases para corrixir erros e para aprender a escribir correctamente. Jamlat é tamén voluntaria sanitaria. Nótase que lle ferve ese algo que é o que marca os cambios


3.71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Gayatri coa súa familia. Foto: María Reimóndez
Gayatri coa súa familia. Foto: María Reimóndez