Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN

And the winner is: Pescanova

"Fáiselle fácil deslocalizar moitas das súas plantas a países onde as condicións laborais e medioambientais son moi fráxiles (...)". Un artigo de Gustavo Duch Guillot, director de Veterinarios sen Fronteiras.

Redacción - 09:30 09/08/2007

Desde estas liñas quixera propoñerlle aos directores de The Economist ou Financial Times o recoñecemento á traxectoria empresarial da firma española Pescanova. Moitos son os premios que se outorgan hoxe en día, pero, que eu coñeza, non existe ningún especializado en laurear as empresas e corporacións que mellor saben sacarlle rendemento aos principios neoliberais que rexen no mundo, a saber: maximizar por encima de todo os beneficios, competir sen límites nin protección, universalización do intercambio comercial e liquidación das culturas autóctonas.

Pescanova, con todas as dificultades que supón abrirse camiño desde unha economía fóra do G8, é dicir, fóra da liga dos galácticos, empregou as mellores tácticas para merecer o premio en cuestión e poñerse á altura de cracks como Nestlé, Monsanto ou Exxon, nun sector tan pouco punteiro como é a pesca. Dobre mérito.

Destaca a súa capacidade para obter acceso a axudas públicas que financian -en ocasións preto do 100 por cento- os seus investimentos en Chile, Portugal ou Namibia, esgrimindo argumentos de favorecer o desenvolvemento das zonas onde implanta novas piscifactorías ou explotando novos caladoiros. Con estas axudas, ademais de reducir costos propios, fáiselle fácil deslocalizar moitas das súas plantas a países onde as condicións laborais e medioambientais son moi fráxiles, asegurando así cumprir co precepto número un: maximizar os seus beneficios.

En setembro de 2006 Pescanova absorbeu o grupo francés Seabel SAS, propietario da firma Krustanord, líder no mercado galo de lagostinos. Neste último ano Pescanova comprou unha das empresas de maior produción de langostinos de cultivo en Mozambique, e en xuño fixo o mesmo coa máis importante empresa estadounidense deste crustáceo, pasando a ser a propietaria das súas plantas en países coma, México, e tamén en Guatemala, Honduras e Nicaragua, entre outros. En breve todo este esforzo de Pescanova alcanzará o seu obxectivo ou precepto número dous: competir sen límites. Pescanova será sen dúbida o rei do langostino nun exquisito exercicio de concentración empresarial.

O terceiro fito a recoñecerlle é a súa enorme facilidade para xerar intercambios comerciais con brillantes beneficios económicos para os seus accionistas. Só falando de pescadas, e que ninguén se ofenda, Pescanova, mediante unha empresa mixta que ten capital local, captura case todas as pescadas capturadas en Namibia, e sen descoidar ningunha, todas viaxan cara a Europa e Estados Unidos. Sen tratar os efectos ecolóxicos e sociais que o libre mercado provoca, e que os canons neoliberais prohiben contabilizar, esta trasfega de pescadas é un dos responsábeis da crise dos pescadores da especie en Galiza, precisamente onde se atopa a sé central de Pescanova, que os está obrigando a desprendérense do produto que pescan este verán. As pescadas atlánticas (as propias de Galiza) pican, pero os prezos caeron en picado.

Historias similares ocorren no sur de Chile, onde Pescanova pode facer gala de transformar a paisaxe e a cultura desas rexións. A pesca artesanal de pescadas e a recolleita de moluscos ten que deixar paso á impoñente presenza da industria do salmón de cultivo para a exportación. É dicir, construíronse entre os fiordos balsas-gaiola para a cría e engorde de salmón, poténciase a presenza da pesca de arrastre en alta mar para substraer o maior número posible de peixes tipo bocarte e sardiñas, que procesados en industrias fariñeiras dispersas pola costa alimentarán aos salmóns, para finalmente seren procesados en frías fábricas por mulleres en precarias condicións laborais.

Un premio destas características debería ser entregado por Johnny Depp, interpretando o lendario Jack Sparrow de Piratas do Caribe. Eu sería o primeiro en felicitar a Pescanova, e propoñería outros candidatos para futuros galardóns. Todos eles, os novos amos do mundo, que usurparon a soberanía dos pobos para decidiren as súas fontes de alimentación, agredindo sen piedade os bens naturais e comúns. Á abordaxe.

Gustavo Duch Guillot é director de Veterinarios sen Fronteiras.
(O artigo foi publicado orixinariamente no diario mexicano La Jornada)


5/5 (11 votos)


Comentarios (2)

Xiurisma #1 9/Agosto/2007 Xiurisma

Parabéns. Unha análise ben reflexiva, intelixente, perspicaz malia que... desalentadora.

ecoe #2 10/Agosto/2007 ecoe

O Duch pode ir facendo xa a seguinte con Calvo, claro!, en Sudamérica. Mesmo auspiciando seudofascismo contra os seus traballadores organizados!

Viva o Mal, viva o Capital (Bruxa Avería)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: