Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Declaracións de Méndez Romeu

"Non é posíbel un desenvolvemento estatutario fóra do marco do Estado"

O conselleiro da Presidencia sinalou que "un novo estatuto de autonomía forma parte do desenvolvemento constitucional do noso país".

Redacción - 12:45 11/08/2007
O conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu

O conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu, dixo este venres que "non é posíbel concibir un desenvolvemento estatutario fóra do marco do Estado" e, por iso, "cómpre sempre facelo con lealdade" a este "e a todas as súas institucións".

Ademais, afirmou que se debe asumir que o desenvolvemento estatutario "nos implica sempre no diálogo construtivo con todos os poderes existentes en Galiza".

Méndez Romeu fixo estas declaracións no Castelo de San Felipe de Ferrol, no acto de homenaxe a Xaime Quintanilla, alcalde durante a Segunda República, con motivo do 71 cabodano do seu pasamento.

"Desenvolvemento constitucional" de Galiza

O conselleiro lembrou ademais que "é necesario asumir que o desenvolvemento, a construción e a redacción dun novo estatuto de autonomía forma parte sempre do desenvolvemento constitucional do noso país, desa Constitución que define un estado social e de dereito."

Neste senso, declarou que Quintanilla defendeu a importancia do Estatuto de 1936 no marco da Constitución da República, defendeu que o estatuto sería unha ferramenta que permitiría modificar as condicións económicas dos asalariados e dos labregos galegos.

Romeu engadiu que, en 1980, cando se inician os traballos para a redacción do actual Estatuto, "dáse unha situación na que de novo se presenta, dende as posicións da esquerda política, a necesidade de ir cara a un estatuto que permita trocar as condicións económicas do noso país e inserirnos entre o grupo das rexións máis desenroladas do noso Estado".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: