"Xa lle gustaría que lle contestase", apúxolle o alcalde de Vigo á súa compañeira de partido en Pontevedra, Teresa Casal. Mentres, a dirección provincial agarda que medien na lea desde o Goberno.
Á rápida resposta de Abel Caballero, quen saía ao paso da proposta do conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, descartando calquera posibilidade de conexión a través dun ente metropolitano entre as cidades de Vigo e Pontevedra, contestáralle a pasada semana a socialista pontevedresa Teresa Casal. Opinara Casal que a belixerancia de Caballero era mostra dun "viguismo desfasado" e "localismo" que supuña "a volta aos tempos de Leri", en referencia ao finado concelleiro vigués Antonio Nieto Figueroa 'Leri'.
Caballero apenas lle adicou tempo este luns a responderlle á súa compañeira de partido, deixando o desafío nun "xa lle gustaría que lle contestase o alcalde de Vigo" e subliñando simplemente que Casal "é concelleira dun municipio que está fóra da área metropolitana Vigo-28". O rexedor vigués dixo considerar que este modelo é o que xa funciona realmente "a nivel económico, social e sanitario". Salientou ademais que os alcaldes da zona apoian esa proposta. "Hai garantía de bo funcionamento porque xa está a funcionar", insistiu. Para ese proxecto, asegurou unha vez máis que conta co apoio expreso da Xunta, "co seu presidente á cabeza".
"O que dixo o conselleiro é indubidábel", insistía este luns Teresa Casal, quen aseguraba que se limitou a facerse eco da proposta oficial do Goberno. Ao tempo, en declaracións a Europa Press, chamou a Abel Caballero a ser un chisco "máis humilde". "Somos o que somos por ser persoas, non por ter un alto cargo", afirmou.
O PPdeG aposta polo Vigo-14
"É o único modelo que se pactou e é o único que non se está a defender", advertiu a voceira do PPdeG vigués, Corina Porro. Ao respecto, o rexedor olívico cualificou de "moi grave" a oposición dos populares ao formato de área metropolitana con 28 concellos. "Oponse á realidade", sostén Caballero, "ela mesma viviría fóra da área metropolitana con ese proxecto de 14 municipios".
Seica non se lle pegou aos psyco-sociatas de Vigo o talante do seu presi?
Mal andamos se mesmo entre eles se levan a matar!
Esperemos q este non sexa a repetición do principiño-Team dos anos 90.
A verdade non sei que pretenden ca creación das Áreas Metropolitanas, parece que buscan novamente liortas territoriais, Vigo-Pontevedra, A Coruña-Ferrol, non sei, a que ven este conto, as Áreas non terán razón de ser se non se eliminan as Deputacións e esto non pode facerse sen a modificación da Constitución Española, pretenden facer outro órgano máis de recadación con novos impostos para finaciarse, e que pasará con aqueles concellos que non esten preto dunha grande cidade, quedarán en terra de nadie, sen pertencer a ningunha Área e con Deputacións valeiras de contido como se pretende, se queren experimentar que o fagan con auga mentres de poñer a funcionar as Áreas deberían facer estudos e máis contar coa opinion dos concellos.