Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Encontros Terra de Tod@s

Diversos colectivos amosan en Cerdedo o seu rexeitamento ao AVE

Os participantes na xornada critican unha infraestrutura que illa as zonas polas que pasa e só se xustifica en chegar antes a Madrid.

Redacción - 19:15 14/08/2007
Os participantes na xuntanza

Os participantes na xuntanza

Os problemas que causará o trazado do AVE pola Terra de Montes centraron a quinta edición dos encontros Terra de Tod@s, organizada pola asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido, e que desta volta levou o título de “AVE de mal agoiro”. A xuntanza tivo lugar no local da cámara agraria de Cerdedo e contou con representantes de Adega, Vaipolorrío, Verdegaia, das asociacións Outeiro e Caleidoskopio, o sindicato CGT, a Coordinadora Anti-autopista e o centro de estudos Chamoso Lamas.

Todos os colectivos coincidiron en rexeitar a infraestrutura, que consideran innecesaria e non axeitada ás necesidades de transporte do país. As súas conclusións foron que a obra ten un gravísimo impacto ambiental, provoca fortes niveis de ruído e de consumo enerxético, empobrece e illa as poboacións polas que pasa ao tempo que polariza a riqueza nas cidades, e supón un custo económico excesivamente alto para unha mínima rendibilidade social.

Da reunión acordouse apostar polo ferrocarril como transporte público, ben conectado e como medio de cohesión do territorrio e, ademais, abrir un debate social sobre o futuro dos camiños de ferro e as necesidades reais do país. As asociacións anunciaron que empregarán as vías legais ao seu alcance para frear a iniciativa ou ben minimizar o seu impacto negativo.

Os participantes tamén amosaron o seu descontento polo posicionamento das forzas políticas, que apoian unha iniciativa da que as beneficiarias son as empresas adxudicatarias das obras, e que xustifican a infraestrutura na necesidade de chegar a Madrid en menos de tres horas.

No acto tamén interveu Dionisio Pereira, quen asegurou que o mesmo alcalde de Cerdedo é o que está a crear o lima propicio para que se atente contra a pedra, en paralelismo coas vítimas da represión da Besta, no mesmo lugar onde asasinaran a Francisco Arca e a Secundino Bugallo.


5/5 (6 votos)

Comentarios (8)

Trovador #1 15/Agosto/2007 Trovador
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esta liña non está xustificada ou polo menos non é prioritária porque para Vigo seria mais importante unir-se con Porto e Lisboa mediante un tren de alta velocidade de verdade (350 km/h e non con melloras que os poucos anos ficarán anticuadas). Os vigueses poderam ir a Madrid por Santiago-Ourense quase no mesmo tempo e sen gastar todo este diñeiro. Os clientes do FF.CC. están no Eixo Atlántico e non nas viaxens a Madrid. Ese diñeiro poderia-se destinar para fazer un aceso ferroviário ao aeroporto de Lavacolla e continuar a liña Santiago-Lugo, fazer a liña Ourense-Monforte-Sarria-Lugo, fazer o Coruña-Betanzos-Ferrol e continuar esta liña polo norte de Lugo, etc.

Mas o que é falso son afirmacións do tipo: "...a obra ten un gravísimo impacto ambiental, provoca fortes niveis de ruído e de consumo enerxético, empobrece e illa as poboacións polas que pasa ao tempo que polariza a riqueza nas cidades...". Estas afirmacións non teñen o menor rigor técnico nen científico polo seguinte:
1.º) Os caminhos-de-ferro son as infraestruturas con menor impacto ambiental, ocupan menos territorio (a terceira parte da largura duma autoestrada), o transporte de mercadorias por ferrovia reduze o transito de camión polas autoestradas, reduzen-se o número de acidentes, os motores eléctricos non contaminan, etc.
2.º) Os trens eléctricos son silenciosos. Parece que esta xente o único que viu na sua vida son as máquinas 333 con motor diesel que nada teñen que ver con a alta velocidade. O transporte ferroviário é o de menor consumo enerxético dos transportes terrestres: sempre é menor ao do veículo privado e ao número de camións equivalente a un tren de mercadorias. Por suposto é muito menor que ao do avion.
3.º) Os camiños-de-ferro modernos non isolan as vilas polas que pasa, pois aproximadamente cada 700 m pode-se atravesar a liña por pasos superiores, inferiores, baixo as pontes ferroviárias ou por riba dos túneis. Outra coisa son as ferrovias anticuadas inzadas de cruzamentos ("pasos a nivel") onde sempre houve muitos acidentes. As liñas de alta velocidade deveriam levar estacións intermedias porque polas referidas liñas alén de circular o AVE tambén poderian circular trens rexionais modernos con parada nas estacións (Isto non se está a fazer no actual deseño das liñas). A rendibilidade social do camiño-de-ferro é máxima, muito mais que a de ter tres aeroportos, ou a de fazer o porto exterior da Coruña ao lado doutro porto exterior (de Ferrol) sen estrear, ou a de gastar o diñeiro no auditorio de Vigo ou na Cidade da Cultura.

Penso que as críticas negativas deverian fazer-se contra esta liña de Cerdedo (porque non está xustificada socio-economicamente) mas non contra a Alta Velocidade Galega en xeral.

ecoe #2 15/Agosto/2007 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Dos centos de miles de desprazamentos que se producen cada día na Galiza, ningún se verá beneficiado no máis mínimo, mais sí moitos obstaculizados, polo trazado e existencia de un medio de transporte que para ninguén de aqueles serve,100% alleo ós intereses galegos nin da maioría, que á sua vez, está a destripar por onde lles peta ós "inxenieiros e políticos" (morralla da mesma caste)a nosa Terra, nunha nova fenda aberta "por terra de ninguén".

Ningunha oposición pública en toda a GZ, salvo ésta que se produce en terreo nemigo para as asociacións auspiciadoras, contra este grandioso i espectacular despilfarro económico, que só nos vale ós galegos para unha cousa: PARA QUE NOS MARCHEMOS E CHEGUEMOS CÁNTO ANTES...Á EMIGRACIÓN!

Xa ouvín na miña aldea louvanzas sin par polo ben que pagan os terreos, e mesmamente ó alcalde pesoísta e máis ó ex, bloqueiro!. Deus nos pille confesados!!

ecoe #3 15/Agosto/2007 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E non quixera abusar si falamos da cualidade e trazado das vías das estradas ou da inexistencia da rede rodoviaria Compostela (Coruña)-Vigo, entre outras temáticas adxacentes

bcngz #4 15/Agosto/2007 bcngz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Un profesor da miña facultade sempre dicía que hai tempo todo o mundo se opuña á autovía do atlántico. Os seus detractores son os primeiros que arestora a utilizan. Se queremos AVE ten que haber impacto ecolóxico: é contradictorio senón. Son os custos do progreso. Senón, pecaremos de vivir na inopia (invento galego o da inopia) e quedaremos sen AVE.

cerdedense #5 16/Agosto/2007 cerdedense
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O que non dicía o teu profesor da Facultade é que a xente que loitou contra a autopista acadou múltiples pequenas vitorias que minimizaron o impacto social e medioambiental desa infraestructura, construída ás veces con métodos brutais, como o daquela casa de Salcedo guindada abaixo cunha anciana cega dentro. O que non che dixo tampouco o teu profesor, é que a famosa autopista agudizou un desequilibrio territorial entre a Galiza litoral e a Galiza do interior, que hoxe é dramático. E o que non che dixo tampouco o teu profesor é que a construcción e reforma dunha rede de estradas que comunicaran ben o interior e a costa, sería daquela moito máis barata e moito máis útil socialmente que a construcción da famosa autopista. En conclusión, que a rendibilidade social da autoestrada do Atlántico, habida conta do seu altísimo custo de oportunidade, deixa moito que desexar. Non así, evidentemente, para as constructoras e a empresa concesionaria. O progreso foi, maiormente, para eles. Para as zonas rurais por onde pasa, nada que ver co progreso. E para os usuarios, coma sempre o mal menor: xa que non hai Dios que transite por unhas estradas mal coidadas e afogadas de tráfico, pois a pagar autoestrada e a queimar gasofa a eito.
Facede o favor, leede de vagar o artigo de Adela Figueroa sobre o transporte ferroviario, e preguntádevos se o famoso progreso ten que se facer a costa da xente que aínda vive no interior, esnaquizando (125 metros de anchura, protexidos a ambos lados por un valado) e incomunicando as súas terras (Trovador, para conseguir eses pasos subterráneos na construcción da auoestrada, moita xente houbo de sacrificarse e pasalas canutas durante anos, loitando contra a constructora, os xuíces, a garda civil...), destruíndo unha paisaxe que é un recurso fundamental para o turismo cultural, mudando o curso dos mananciais, enchendo de ruído a súa existencia (Trovador ¿en qué mundo vives?), atentando contra a fauna....Todo iso para qué?. Para implementar un transporte, caro, de élite, que non contempla as mercadurías, que só beneficia a capas minoritarias daquelas cidades inicio e final de traxecto, xa habituadas a viaxar en avión. ¿E non pensades que o famoso AVE é a outra cara da moeda da desfeita do ferrocarril convencional, de maneira que a alta velocidade vai encher aínda máis as estradas dos antigos usuarios daquel?. E se aos motores eléctricos son menos contaminantes que os motores de explosión, a enerxía eléctrica sae dalgún lado: das térmicas, maiormente (as maiores produtoras de CO2 do Estado) e tamén dos encoros, que acabaron cos ríos do noso país. E algún xa está a defender as nucleares, non nos vaia pasar o que a Barcelona cos apagóns. Ademáis, o consumo enerxético por usuario do AVE é inferior ao dos avións (o do transporte por estrada, non ten sentido comparalo, xa que o AVE non é unha alternativa nin real nin pretendida) tan só se consideramos que os trens van ir cheos, cousa difícil se o billete vai, como pouco, triplicar o do tren tradicional, e tamén se esquecemos o despilfarro enerxético e a desfeita medioambiental da propia construcción en si. E así poderíamos seguir.
O perigoso é que a cidadanía identifique o progreso co beneficio duns poucos: para o país no seu conxunto non é progreso. Repito, leede as alternativas de ADEGA: eso sí é progreso para a maioría social do país.

ecoe #6 16/Agosto/2007 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Totalmente de acordo e graciñas pola tua detallada explicación.

A Autopista do Atlántico -que agora queren desdoblar con outra de Pontevedra a Porriño, manda truco! -que liberen ésta de Audasa e que desaparezan as concesionarias e asunto arranxado, bueno non: qué van cobrar os políticos e os partidos?!- que nunca debeu ir polo val ata Rande, nin polo medio de Chapela, pretendeu pagar, sempre protexida pola GC, o mato a 9 pts/m2.

Si vamos a elaborar progreso o seu trazado non iría por onde a fixeron -por onde lles petou-, cecais millor polos montes da outra banda da Ría de Vigo, e o Morrazo levaría a sua dorsal polo monte recorrendo alto desde Pontevedra a Rande, etc.

Pero era e é o asunto impór os intereses e negocios da burguesía sobre os intereses da maioría social

Trovador #7 16/Agosto/2007 Trovador
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Surpreenden-me as afirmacións de cerdendense.

A rendibilidade social da autoestrada do Atlântico está fora de toda dúvida e hoxe a infra-estructura que vertebra a maior parte de Galiza. É ridículo propor como alternativa a reforma das corredoiras que existian nos anos 70 pois estradas propriamente non havia. Afortunadamente o que se fixeron foron autoestradas, que agora também comunican o interior (Coruña-Lugo) ou (Ourense-Vigo), outro tema é porque estas non se fixeron antes, e o noso país ficou fora do primeiro Plan de Carreteras. E haveria que falar da trangallada das vias rápidas que fracasaron pola sua inseguridade, pois o que havia que fazer desde o principio era autoestradas (CON CALZADAS SEPARADAS) e non estradas convencionais (como as vias rápidas do PP).

O camiño-de-ferro que está a construir non ten efeito barreira pois é permeável cada 700 m como mínimo e a disposición de valados a ambos lados impide que as pesoas ou os animais cruzen a via por onde non deven e non polos pasos dispostos para iso (tanto peonís como de fauna).

Vaia experta que deve ser a Adela Figueroa se afirma que uma ferrovia ocupa 125 m. Deverias saber que a plataforma con a que se construe o Eixo Atlântico mide 13,3 m de largura (ou "anchura" en castellano) e tendo en conta os taludes 3/2 poderian ser 45 m no pior dos casos (de grandes desmontes ou aterros). A vantaxen do ferrocarril respeito à autoestrada é que só ten uma plataforma e non duas, por iso ocupa menos da metade.

As ferrovias non estragan a paisaxe e temos exemplos de todo o contrario. Por toda Galiza temos muitos vales atravesados por pontes de extraordinária beleza (como a ponte Ulla,...), o camiño-de-ferro ten o seu romanticismo e a sua beleza. Há que ter a sensibilidade suficiente para apreciá-la !

O camiño-de-ferro non muda os cursos de agua porque iso se estuda pormenorizadamente nos proxectos e dispoñen-se as obras de drenaxe necesarias (e quase sempre sobredimensionadas para as cheias que puidesen acontecer).

O camiño-de-ferro é o meio mais silencioso con diferenza (xa non existe a via con xuntas pois agora o carril é continuo e alén diso as máquinas eléctricas son silenciosas). Algo de ruido fai, mas tambén o fan as árvores con o vento e non por iso as mandamos cortar.

A Alta Velocidade non é cara nen elitista: o tren rápido é o único tren do futuro pois o ferrocarril do século XIX (ou convencional) non é competitivo e ninguén se sobe a ele. Na Galiza temos exemplos: Coruña-Betanzos-Ferrol ou Monforte-Lugo-Coruña que nos custa a todos os galegos mais de 400 millóns de ptas ano trás ano (Iso si que é caro). As liñas modernas reduzen o percurso en km nun 20 ou 30 % e en tempo nun 75%, pois non dan tantas voltas e é mais rápido, con a conseguinte diminución de custos. Por que vai ser entón mais caro?

A enerxia eléctrica é a mais eficiente (aproveita-se o 99% ao non ter perdas por calor) e a mais ecolóxica (porque se produz en centrais localizadas onde se pode controlar mellor as emisóns e non en milleiros de motores de veículos privados que contaminan mais). Por algo será que nas cidades se pretende utilizar buses eléctricos ou tranvia. Pois a enerxia nuclear ten algo mui positivo: non produze CO2, non destrue a capa de ozono nen aumenta o efeito invernadoiro (De feito existen eoloxistas que a defenden como mal menor)

O tren compite con o avión en distancias médias (até 500 km) mas sobre todo compite con o transporte por estrada: ou que non podemos ir de Coruña a Santiago, en 20 minutos, nun tren moderno (Teremos que ir en avion?). Iso de que van ir valeiros... No Eixo Atlántico xá ciruculan cheios a pesar do pésimo servizo que se oferece. Os que circularán valeiros serán os buses dentro de 3 ou 4 anos.

Non sei a que desfeitas te refires durante a construcción das obras, se queres podemos ir ver algún tramo en construcción e que nos acompañe a tua musa (Adela Figueroa), que sempre aprenderedes algo...

Por certo muitos viziños teus de Cerdedo traballaron e traballan no ferrocarril, pois há muitos anos Ramón Cachafeiro que era da zona fundou uma empresa chamada MZOV que depois foi absorvida por CUBIERTAS e hoxe está integrada en ACCIONA. O mellor eles non están mui de acordo con as tuas ideias que pretenden ser ecoloxistas mas son todo o contrário.

O ferrocarril foi no século XIX sinónimo de PROGRESO e nos nosos dias o tren de alta velocidade é de novo sinónimo de PROGRESO e DESENVOLVIMENTO SUSTETÁVEL !!!

ecoe #8 16/Agosto/2007 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Uff, chegou o técnico no asunto,acabáronse os razonamentos

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: