Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
XXX romaxe de crentes galegos

Editorial 747: Romaxe e Igrexa

Os tempos e o pensamento dominante foron cambiando tan lenta e sutilmente que a
penas o percibimos. A Romaxe segue máis ou menos onde estaba, bebendo do espírito
post-conciliar e dun renacer á galeguidade dun conxunto de cristiáns e cristiás de Galicia
que tomaron en serio que a Igrexa é asemblea do pobo de Deus e que a razón de ser da
Igrexa non é ela mesma, senón a causa de Xesús, iso que el chamaba Reinado de Deus. E
non dun deus calquera.

Redacción - 01:17 17/08/2007

Á luz daquel impulso para que a Igrexa se sentise “íntima
e realmente solidaria do xénero humano e da súa historia”,
de experiencias como os Coloquios, da letra dos
documentos emanados do Concilio Pastoral de Galicia,
das cartas pastorais de Monseñor Araújo, etc., o fenómeno
da Romaxe é algo inocente, moderado, mesmo considerado
folclórico e conservador polos máis avanzados.
Pero o que cambiou, entre tanto, foi a atmosfera da institución eclesiástica. Xa non quedan
taranconianos, comentaba alguén recentemente. E pode ser certo. Entre o bispado
foise facendo sitio a mediocridade, o pánico á laicidade, a nostalxia do nacional-catolicismo,
a falta de independencia de criterio, o seguidismo da dereita política, o medo a Roma
e, o que é máis triste, a perder o garavanzo e a cruz peitoral. Esa minoría dominante, encoraxada
polos aires vaticanos, fai enmudecer calquera outra voz entre os bispos e impón a
súa teima de dividir a sociedade en perfectos e imperfectos, invitándonos a escoller un
bando. E se hai que escoller, a cousa ten pouca dúbida desde unha sensibilidade cristiá.
A Romaxe mantén o seu curso: experimentar outra forma de celebración, explorar novos
símbolos para expresar e celebrar a fe, facelo desde o agradecemento por esta terra, este
pobo, esta fala. A Romaxe desenvolve o Concilio Pastoral de Galicia, abre camiños e
tende pontes. É dos poucos espazos onde os imperfectos poden celebrar a fe en Xesús, sen
sentirse condenados de antemán polo poder do Templo.


5/5 (6 votos)