Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
XXX Romaxe de Crentes Galegos

O DÍA 8 DE SETEMBRO, VÉMONOS NA VIRXE DO MONTE!

Baixo o lema “A Terra quer lentura” e acollidos polas xentes das parroquias
de Santa María de Coiro, Santa Baia de Chacín, San Xoán Bautista de
Mazaricos, San Cristovo de Corzón e Divino Salvador Coluns o sábado 8 de
setembro celebraremos a ¡30 romaxe de crentes galegos! no lugar mazaricán
chamado “Virxe do Monte”.

P. Claude Lacaille - 01:25 17/08/2007

Estaremos “na nosa casa”. Explícovolo un pouco polo miúdo:

  •  A festa da Virxe do Monte é denominada pola xente do lugar “A Romaxe”: ¡30 anos de Romaxe na Romaxe!
  •  Dende alí vese o mítico “Monte Pindo” que a xente do contorno chama cun apelativo moi entrañable para todos e todas nós: o Pedregal.
  •  Os montes do contorno, ademais de lugares de produción foron tamén “lugares de resistencia” pola presenza significada de Maquis: ¡30 anos despois Irimia segue resistindo e tratando de ser política esocialmente “incorrecta”!
  •  Na época francesa houbo “resistencia eclesial” dado que o crego de Mazaricos levantou á xente contra os franceses e el acabou decapitado: ¡A romaxe leva 30 anos de “resistencia eclesial” ofertando unha liturxia alternativa centrada no valor comunitario!
  •  Preto está o fermoso miradoiro da cascada do Ezzaro e o encoiro de Santa Uxía, actualmente “negocio alleo”: ¡levamos 30 anos denunciando todo signo de explotación económica e de maltrato da Nai Natureza!
  •  No contorno xurdiu Feiraco coma cooperativa, e tamén se fixeron os primeiros intentos de concentración parcelaria: ¡levamos 30 anos apostando por iniciativas que acaben con visións “minifundistas” e creen redes solidarias!
A acollida será ás 11 da mañá para comezar a Celebración ao mediodía.
Despois do xantar teremos un momento de festa cos nosos amigos de A Quenlla. E entorno ás seis e media da tarde, no miradoiro do areal de Carnota faremos a oración de despedida. Estase a preparar todo, pero o principal é que esteades todas e todos vós, os que fixestes posible que 30 anos despois, o segundo sábado de setembro sexa
unha data de encontro, compromiso e festa rachada.

Como chegarmos

ROTA 1:
Esta rota é moi cómoda para todos os que teñan
acceso a A6.
Xa moi preto do remate da autovía está ben indicada
a conexión coa autopista Coruña-Carballo
(AG55), seguila ata a fin, saída 35 cara Fisterra. A 2,9
qm desvío á esquerda que indica Santa Comba.A
20,2 qm chégase ó cruce de Santa Comba, vírase á
dereita (un sinal indica Mazaricos, Outes, Muros), a
0,3 qm vírase á esquerda entrando na CP7702 a 2,1
qm incorporarémonos á dereita na AC400 cara
Muros e Pino de Val; ós 4,9 qm pásase pola rotonda
de A Pereira e séguese de fronte e ós 12,2 qm estase
na rotonda de Pino de Val (qm 74 da AC400). A partires
de aquí séguese cara a Muros pero xa haberá
sinais indicativos do punto de encontro.

ROTA 2:
Para os que veñan pola autopista dende o sur
pola AP9 teñen dúas opcións:
1ª: Sair en Padrón e cóllese cara a Santiago na rotonda
pasado Padrón (ó carón do hotel Escala) seguide de
fronte e a, escasamente 2 qm, virade á esquerda (hai
unha illa que permite o xiro) e seguide cara
Bertamiráns. Chégase a outra rotonda e seguide de
fronte, pasando Brión incorporarédesvos á esquerda a
carreteira de Bertamiráns a Negreira (AC544) -(neste
tramo descoñezo os puntos quilométricos)- pasaredes
por unha rotonda ó pé da cooperativa Feiraco e tras
pasar o río Tambre hai unha nova rotonda (0,7 qm) e
colledes cara a Cee (AC544), (isto evítanos entrar en
Negreira). No remate deste vial (5,2 qm) atoparedes
outra rotonda e collede cara a dereita dirección A
Pereira ( 12,4 qm pola AC546), chegados aquí hai dúas
rotondas seguidas temos que chegar á 2ª (0,3 qm)e alí
virar a esquerda dirección Muros, Pino de Val (ver arriba
ó final da rota 1).
2ª Saíde da AP9 en Santiago Sur, Milladoiro e collede
cara a Santiago e tras pasar o viaducto da Rocha,
collendo o carril da dereita subide á rotonda e xirando
a esquerda collede dirección Noia (AC543). Despois de
8,3 qm chégase a rotonda do centro de Bertamiráns (só
hai esta) virade á dereita dirección Negreira (AC544) e
xa seguides as indicacións da opción 1ª.

ROTA 3:
Para os que entredes por Santiago norte collede
a circunvalación sempre cara Pontevedra, o
pouco de pasar a Rotonda de Conxo xa está indicado
o vial a Noia e xa se coincide coa opción 2ª
da rota 2.

ROTA 4:
Para os que vivan na comarca do Barbanza o
máis cómodo é coller vía rápida á primeira saída
de Boiro, seguir dirección Noia e unha vez alí
cara Muros. En Serra de Outes virar á dereita
onda a Casa da Cultura que se recoñece de lonxe
pola arquitectura e tomar a CP 3404 e tras once
fermosos Km chégase a Pino de Val.
Indicade tamén á xente que se vai poder comprar
o bo pan desta terra na Romaxe e que tamén
haberá onde mercar bebidas.
O que si sería oportuno e se nos puidesedes indicar
un número aproximado de asistentes interesados
no pan para que os panadeiros non fagan de
máis nin de menos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: