Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O SLG convoca unha manifestación en Ourense

Mobilízanse contra a zona de protección de aves da Limia

Esíxenlle á Consellaría de Medio Ambiente que reconsidere o proxecto dende o inicio, "dialogando e deixando participar no seu deseño ás comunidades afectadas".

Redacción - 09:30 18/08/2007
A manifestación será o vindeiro venres diante da delegación de Medio Ambiente de Ourense

A manifestación será o vindeiro venres diante da delegación de Medio Ambiente de Ourense

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organizou este xoves unha nova asemblea en Xinzo de Limia, para tratar a "problemática" da declaración dunha Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA), "debido á negativa da Consellaría de Medio Ambiente a informar ás persoas afectadas".

A asemblea decidiu convocar unha manifestación diante da delegación deste departamento en Ourense, o vindeiro 24 de agosto ás 11:00 horas. Dende o SLG convidan a toda a poboación da Limia a secundar a protesta, xa que "o problema, aínda que afecta de cheo á actividade agrogandeira, tamén é moi preocupante para diversos sectores económicos da bisbarra", tal como coutos de caza ou empresas de maquinaria, entre outros, afirman.

"Actitude arbitraria e escurantista"

Con este acto, o SLG quere denunciar "a actitude arbitraria e escurantista da Consellaría de Medio Ambiente no proceso de declaración de 10.000 hectáreas na comarca da Limia como ZEPA". Segundo a central sindical, a medida imporá graves restricións aos aproveitamentos agrícolas e gandeiros tradicionais da comarca limiá.

"Na delegación de Ourense descoñecían totalmente este asunto", afirman, polo que a principios de xullo solicitaron unha entrevista co director xeral de Conservación da Natureza para coñecer as razóns da consellería para levar adiante o proxecto, xuntanza que non se produciu.

"Plan coherente coa realidade socioeconómica"

A declaración da ZEPA esta amparada en diversas directivas europeas que obrigan á elaboración de plans de xestión coherentes coa realidade socioeconómica da zona a protexer. Segundo o SLG. "resulta esperpéntico que a argumentación científica para incluír 10.000 hectáreas se basee na definición da Limia como unha 'estepa', onde hai presenza ocasional dalgunha especie pouco frecuente de aves, e se teñan excluído zonas de veiga de maior interese faunístico e ornitolóxico".

É por isto que o Sindicato Labrego demanda -"ante a falla de diálogo e a pouca consistencia para esta actuación de tanta envergadura"- que se amplíe o período de alegacións, que está previsto remate o 2 de setembro. Ademais, esíxenlle á Consellaría de Medio Ambiente que reconsidere o proxecto desde o principio, "dialogando e deixando participar no deseño do mesmo ás comunidades afectadas".


3,33/5 (3 votos)

Comentarios (2)

ecoe #1 18/Agosto/2007 ecoe

Sin participación, i en especial dos afectados, non hai democracia (que tampouco).

aris #2 20/Agosto/2007 aris

Ordia, nin sequera aos que lles toca están de acordo. Hai que falar!
Aos que rexeitan esta declaración tranquilizalos, parece que no regulamento da Rede Natura en preparación se vai poder facer case todo, creo que cemiterios nucleares non, pero se esta a estudar

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: