Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROXECTO CORDINADO EN VIGO POLO CETMAR

Un dos primeiros prototipos para sacar enerxía das ondas probarase en Galiza

A plataforma podería subministrar enerxía para 5.000 fogares e triplica a eficacia das boias actuais

Manuel Vilas - 14:30 21/08/2007

Pipo Systems, unha empresa catalá, está a desenvolver un dos primeiros prototipos no mundo capaz de aproveitar a enerxía das ondas do mar. Os seu plan é probalo fronte á costa galega no verán de 2009.

Trátase dunha iniciativa pioneira a nivel mundial, pois na actualidade non hai ningún sistema de explotación da enerxía maremotriz que funcione a nivel comercial, segundo explica a enxeñeira de Pipo, Elena Ibañez.

Triplica á eficiencia dos anteriores sistemas
Unha das primeiras boias de Pipo acaba de ser probada nos laboratorios da Universidade Politécnica de Cataluña con “resultados moi positivos”. A plataforma está deseñada para aproveitar ao máximo a enerxía das ondas.

Faino até tal punto que triplica a eficiencia dos sistemas existentes ata agora. Por exemplo, o prototipo que se vai probar en Galiza podería producir enerxía abondo para unha vila de 5.000 habitantes, explica a enxeñeira.

Búscase que non teña impacto na pesca

Un dos puntos máis complicados é achar o mellor lugar no que ancorar a plataforma, que debe ter un máximo de 70 metros de profundidade e estar a unhas dúas millas da costa.

Por iso un equipo de científicos das universidades de Vigo e A Coruña, coordinados dende o CETMAR de Vigo, traballa na localización dun lugar que non prexudique á pesca de baixura. Ibañez explica que se descartan as zonas con “intereses comerciais e con protección mediomabiental”.

Un proxecto dun millón de euros
As posibilidades de adaptación desta tecnoloxía son moi elevadas, e Pipo Systems xa traballa nunhas boias que, no lugar de producir enerxía, aprovéitana para desalgar auga.

O desenvolvemento desta prometedora iniciativa ten un custo elevado, dado o seu alto grao de innovación. Máis dun millón de euros están a ser invertidos. A Consellería de Innovación e Industria aporta a metade dos cartos aproximadamente, en virtude dun convenio asinado no outono de 2006.


3,57/5 (7 votos)


Comentarios (7)

Jatopardo #1 21/Agosto/2007 Jatopardo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Galiza é excedentaria en electricidade, pero todos os inventos para producir enerxía eléctrica (pero poucos postos de traballo) póñennos aquí. Nos ríos centrais hidroeléctricas. No campo centrais térmicas. Nos montes parques eólicos. ¿E agora no mar a menos de dúas millas da costa? Plataformas para a producción de electricidade coas ondas do mar.

Como será o impacto que terá sobre o medio ambiente que eles mesmos recoñecen que terán que buscar sitios onde o "impacto sexa menor" e onde non se pesque, ¿acaso hai algún lugar da costa galega onde non se pesque?.

Por certo, ¿de donde é a empresa que sacará os beneficios?, ¿galega? ah non, catalana.

Anxo #2 21/Agosto/2007 Anxo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Jatopardo, poñerannas nas praias, que aí non se pesca asi teremos unhas preciosas praias cheas de cables para transportar a enerxia xenerada. Esperemos que cando nos bañemos non nos den descargas eléctricas, e se é así e millor así sairemos chamuscadiños e xa non teremos que tomar o sol, e máis sequiños.

outrolector #3 22/Agosto/2007 outrolector
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cantos máis medios rendibeis e realizábeis de produción de enerxía eléctrica renovable teñamos, máis argumentos haberá para que os nosos fillos ou netos non teñan que apandar cunha ou dúas nucleares, cando o petroleo se esgote ou se poña a prezos imposibeis. Apoio a participación e a supervisión da C. de Industria, que representa como parte do goberno a os intereses de Galiza. Saúdos.

Gaias #4 22/Agosto/2007 Gaias
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cando veñen para aqui e non para zonas coma Catalunya, Valencia,Euskadi,etc e que non e algo bo.
Todo o que contamina (e case non crea emprego) ven para aqui.
Ata cando imos seguir permitindo este destrozo que fan do noso territorio!

Loure #5 22/Agosto/2007 Loure
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Paréceme ben que se instalen en Galiza centrais eléctricas renovables, as que sexan, pero sempre e cando sexa para substituír ás non renovables, que chegue o día en que se desmantelen as centrais térmicas de As Pontes, Meirama e Sabón. O problema é que parece que non van por aí os tiros.

Jatopardo #6 22/Agosto/2007 Jatopardo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Outrolector, a enerxía eólica nunca cerrará ningunha central térmica nin nuclear pola razón de que non é unha enerxía fiábel. Depende do tempo que faga para que produzan electricidade, e tanto se hai moito vento (hai que deter os muiños) como se hai pouco vento (paran sós), os muiños non funcionan. Polo tanto, sempre se necesitarán centrais doutro tipo en stand by, preparadas para funcionar cando os muiños estén parados.

En outras zonas, como Navarra, tamén teñen problemas con estes parques eólicos, http://www.gurelur.org/eolica....

Hai que ter moito coidado coa enerxía eólica, porque non é tan inocua como nos queren facer ver.

fanecabrava #7 6/Outubro/2007 fanecabrava
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Lendo o teu comentario, Jatopardo, deduzo que es defensor acérrimo da enerxía nuclear. Eu supoño que o que haberá que facer é estar atentos (desde o goberno) a que estas investigacións se fagan con xeito e, no caso de que a produción de enerxía con eses trebellos sexa viable, repercuta nos intereses do país. Así de simple.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Recreación da plataforma que se probará en Galiza / Pipo Systems
Recreación da plataforma que se probará en Galiza / Pipo Systems



Locais:
GZ-Sete