O colectivo Anduxía quéixase de que o plan director de portos deportivos lle adique apenas dez liñas a tratar o impacto ambiental dos peiraos.
"Pobres" e "pouco detallados", así lle reprochan á Consellaría de Medio Ambiente os datos ofrecidos cara ao Plan Director das Instalacións Náutico Deportivas Dependentes do Ente Público Portos de Galicia. O colectivo Anduxía, de Bueu, realizou unha análise do documento, e ao respecto, opinan que non se avaliou correctamente a situación actual dos amarres e infraestruturas náuticas e embarcacións deportivas.
Así por exemplo, refírense desde o colectivo ao paradoxal de que Galiza sexa un dos lugares de Europa con maior número de amarres por embarcación, un amarre por cada 1,66 embarcacións, moi por riba de países de recoñecida tradición náutica, como Francia ou Suecia "que só contan con 1 amarre para cada 9 e 13 embarcacións respectivamente". Xa que logo, e á vista de cifras como esta, opinan que a Xunta debera pensar na promoción dun ritmo de crecemento "racional" para o sector que aposte por inicialmente aumentar o número de embarcacións sen aumentar o número de amarres, na liña dun "desenvolvemento sustentábel". "Galiza xa ten demasiados amarres para o número de embarcacións que ten", subliñan.
Critican que o Goberno realizou unha frouxa avaliación do impacto ambiental
Outra das queixas principais de Anduxía é o apartado adicado á consideración dos efectos ambientais "previsíbeis". Así, denuncian que para Medio Ambiente en apenas cinco liñas queden avaliados os posíbeis impactos destas obras e ao fío recordan por exemplo os danos realizados nas praias do Silgar, Aguete ou Beluso. Láianse tamén de que se adiquen só catro liñas a tratar os efectos sobre a flora ou a fauna, máis cando se está falando de proxectos en zonas con importantes bancos marisqueiros e ecosistemas mariños. De feito, só dúas liñas falan do impacto posíbel sobre a pesca.
É que o do "desenrolo sostível" toritiano non che é máis que fachada ou o que é o mesmo, é o novo nome da DESFEITA!
Portos deportivos, parques eólicos, canteiras a ceo aberto, paseos marítimos, macropiscifactorías... ¿Hai algunha diferencia entre a desfeita da era Fraga da que ahora están a perpetrar os do bipartito?
Aquí pasan os políticos, pero os que seguen son os das inmobiliarias e constructoras facendo o negocio a costa da nosa terra.
Falan moito do himno galego, ¿de que nos vai servir o himno cando nos enterren en formigón?
Estase a cubrir de gloria o conselleiro de Medio Ambiente..