Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O 'ENXEMBRE' TAMÉN FOI ACUSADO DE PESCA ILEGAL

Denuncian ameazas aos mariñeiros do barco galego retido en Escocia

Segundo a ITF, existen “mafias” para traer indonesios aos pesqueiros galegos por soldos de 150 dólares

Manuel Vilas - 15:08 27/08/2007

O pesqueiro de capital galego retido en Escocia podería ser liberado nos próximos días. Para logralo, os donos do 'Enxembre' -que segundo a Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF) teñen a base na Coruña- abonarían unha fianza de máis de 100.000 euros.

Como adiantou Vieiros, a xustiza retén o 'Enxembre' por presuntamente explotar laboralmente a seis mariñeiros indonesios. Os traballadores din ter cobrado 200 euros en dez meses de labor, cando teñen contratos de 800 euros ao mes.


É máis, o coordinador da ITF en Escocia, Norrie McVicar, alerta de que directivos da armadora, Elcon Leisure, e o capitán ameazaron aos mariñeiros para que abandonen o preito.

Madrid lava as mans
Pola súa banda, dende o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca desenténdese do conflito. Un voceiro aseguran que non é competencia súa, ao estar o 'Enxembre' abandeirado nas illas caribeñas de Saint Kitt e Nevis.

Precisamente foi o recente cambio de bandeira e de nome do buque -antes baixo bandeira británica e chamado 'Atalaya'- o que animou aos mariñeiros a denunciar polo temor a ser abandonados en porto. Polo de agora, é a ITF quen está a pagar o seu sustento e o avogado.

Denuncias de pesca ilegal
O mesmo barco de Elcon Leisure tamén está implicado na pesca ilegal no caladoiro do Atlántico noroeste, segundo un informe da ONG Oceána.

Casos deste tipo son frecuentes na flota do país. A inspectora da ITF en Vigo, Luz Baz, indica que en Galicia existen “mafias” que traen mariñeiros estranxeiros en condicións “dramáticas”.

Explotación na flota galega
“Prometénlles montes e moreas pero ao final non chegan a cobrar nin a cuarta parte do pactado”, laméntase Baz. Salarios de 150 dólares -dos que unha parte queda para a axencia que os trae- son habituais nos pesqueiros do país.


De feito, a inspectora explica que os armadores galegos están deixando de traer mariñeiros de Latinoamérica porque estes, ao coñecer o idioma, comezan a defender os seus dereitos.

Portugueses para rescatar o barco
A lexislación europea só se preocupa para por protexer os recursos e non pensa nas condicións de traballo dos mariñeiros”, quéixase o seu colega britránico Norrie McVicar. De feito, a ITF ten en marcha unha campaña contra as bandeiras de conveniencia, que vai presentar ante o parlamento escocés e a Unión Europea.

McVicar explica que a armadora vai enviar esta semana tres mariñeiros portugueses para, unha vez aboada a fianza, partir do porto de Ullapool, con ou sen os mariñeiros indonesios.


5/5 (15 votos)

Comentarios (3)

breixoak #1 27/Agosto/2007 breixoak

A esta xentiña si que lle fai falta o complemento dos 14.000 euros. Que mal repartido está o mundo, papá-macho

O_Castrexo #2 28/Agosto/2007 O_Castrexo

A dar vergoña allea coma sempre, non?

ecoe #3 29/Agosto/2007 ecoe

Expropiación

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O 'Enxembre' retido no porto escocés de Ullapool / Foto: N. McVicar
O 'Enxembre' retido no porto escocés de Ullapool / Foto: N. McVicar
O 'Enxembre', cando se chamaba 'Atalaya', no porto da Coruña / Foto: Shipspotting.com
O 'Enxembre', cando se chamaba 'Atalaya', no porto da Coruña / Foto: Shipspotting.com