Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"PerezHilton" triunfa na rede dos EUA

Un neto de galegos axita a bloguesfera "do corazón"

A súa bitácora é a máis coñecida peneira de ruxerruxes da internet estadounidense. O seu nome é Mario Armando Lavandeira, un neto de galegos que muda a cor do pelo "segundo o estado de ánimo".

Redacción - 11:40 28/08/2007

"Son gay, pero non tan pendón como Paris", pon no cabeceiro do seu perfil de MySpace Mario Armando Lavandeira, relatando que o nome co que asina a bitácora, PerezHilton, non ten relación con Paris Hilton ou Nicky Hilton aínda que asegura: "somos bos amigos". Mario Armando naceu en Miami, de pais cubanos con familia orixinaria de Galiza.

Na súa bitácora dálle aos internautas a benvida a "PerezHilton.com, o máis odiado sitio web en Hollywood". Asegura que ultimamente o seu blog pasou xa dos oito millóns de visitas diarias e medicións como a de Media Metrix colócana entre os blogs de maior crecemento nos Estados Unidos. A súa popularidade e a da súa páxina medra ao ritmo que axita ruxerruxes e se fai eco de anécdotas escoitadas en mentideiros e tapadillos varios. Afirma que a bitácora se alimenta ademais das achegas de ducias de amigos e confidentes, ás que el suma o seu particular punto de vista e a maioría das veces, un pequecho garabato sobre as fotografías tiradas doutros medios. O proceder xa lle supuxo varias rifas nos tribunais baixo acusacións de violación de dereitos de autor ou difamación, pero nesta altura, xa conta cun avogado ocupado de resolverlle esas leas. No artigo que a wikipedia lle adica a PerezHilton cóntase mesmo da referencia que a cantante Fergie, criticada polo blogueiro, incluíu sobre el nun dos seus temas. Desde este mesmo martes conta tamén coa súa entrada na Galipedia.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: