Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Critican o negativo impacto "ambiental" e "económico"

Un milleiro de alegacións e dez mil sinaturas contra o Plan Acuícola

Desde a Consellaría de Pesca retrucan que conseguiron reducir ao mínimo, un 1,8%, a superficie ocupada en Rede Natura.

Redacción - 09:30 30/08/2007

Este xoves remata o prazo de alegacións para o Plan Galego de Acuicultura, en exposición pública desde o pasado 30 de xuño. No documento fíxanse todos os emprazamentos posíbeis para os proxectos de cría de peixes. Desde a Consellaría de Pesca salientan que as novas instalacións quedan fóra de espazos de Rede Natura e aseguran que "é exemplo do compromiso deste executivo co coidado do contorno natural". Defenden ademais que outro dos obxectivos foi darlle "seguridade xurídica aos empresarios de cara aos investimentos proxectados" e recordan que o propio sector quedara moi descontento co Plan deseñado polo goberno anterior.

Desde a Xunta afirman ademais que mentres o Plan anterior proxectaba o 27% da superficie dos parques dentro de Rede Natura, agora esa porcentaxe queda en só un 1,8%, espazo que ademais se correspondería "coas ampliacións de empresas xa existentes e localizadas en Rede Natura". "Demóstrase que se pode desenvolver a acuicultura respectando o contorno natural e paisaxístico", aseguran.

Adega, Verdegaia e os veciños denuncian o proxecto
A optimista avaliación do Goberno non é compartida polos ecoloxistas. Entre colectivos como Adega e Verdegaia e diversas plataformas veciñais, Corrubedo, Quilmas e outras, presentaron até un milleiro de alegacións e máis de dez mil sinaturas contra este novo plan acuícola, que consideran gravoso tanto desde o punto de vista ambiental como social e económico.

Ao respecto, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Fins Eirexas consideraba este mércores que o devandito plan é apenas "unha adaptación" do aprobado no seu momento polo PPdeG no seu último Consello da Xunta. Lembrou por exemplo que se mantén a "irregular" declaración de incidencia supramunicipal. "É un auténtico desatino", queixouse Eirexas na conferencia de prensa organizada á beira das plataformas pola Defensa do Patrimonio de Quilmas, Corrubedo e Seráns. Critican ademais que o presunto desenvolvemento social e económico que promoverían estas factorías "non é real" de acordo coas cifras de emprego xeradas até o de agora "con equipos inferiores a 50 traballadores, e máis dun terzo con menos de 10 empregados".

Outra estratexia posíbel: Modernizar e mellorar a calidade
Desde Verdegaia achegáronlle unha comunicación á Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellaría de Pesca onde lle expoñen a oposición ao documento polos "graves impactos ambientais" e porque "aposta por unha xeito de entender a acuicultura afastada do que debera ser unha xestión sustentábel do litoral e dos seus recursos mariños". Verdegaia propón que non se fagan novas instalacións, "permitindo exclusivamente a modernización das actuais" para as que propón unha estratexia baseada en mellorar a calidade dos produtos, "o tratamento eficaz dos efluentes e a integración das instalacións no contorno natural". Ademais, solicitan o traslado daquelas piscifactorías que lle afecten aos espazos naturais protexidos ou susceptíbeis de protección.


5/5 (3 votos)


Comentarios (3)

Dordo #1 30/Agosto/2007 Dordo

Seguridade xurídica para os empresarios e inseguridade
para o resto dos cidadáns, pois expropiase para
entregárllelo ás acuicolas. Non hai vergonza.

xoca #2 30/Agosto/2007 xoca

Eu teño escoitado moitas veces que: "PP e PSOE a mesma merda é"
Sobran exemplos para ver que están feitos da mesma pasta. O que máis me sorprende é que moitos votantes do PSOE pensan que se eles governan van mudar as cousas, cando na realidade o único que mudan son as persoas dos cargos políticos, a política é a mesma co PSOE que co PP, so pequenos matices os diferéncian , no substancial é o mesmo.

sozinho #3 31/Agosto/2007 sozinho

Vale que algúns enclaves teñan especial delicto, pero non hai un que sexa ideal para unha piscifactoría. Desenganémonos, non hai ningún partido que vaia ir en contra dese timo de riqueza que son as piscifactorías porque ao mar quédalle moito para estar suficientemente protexido, polo tanto os pensos saen "gratis" e nas piscifactorías "está o futuro". Se se pagasen as posibilidades turísticas e pesqueiras por parte do que estraga o litoral non habería nin piscifactorías nin exceso de portos (exteriores, deportivos...)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: