Ducias de milleiros de persoas foron vítimas nos últimos vinte anos de desaparicións forzadas. De xeito máis recente, a escusa antiterrorista serviu para agravar o problema.
Paquistán é exemplo de país onde apenas se coñecían as desaparicións forzadas antes de que comezase a bautizada "guerra contra o terror" desde os ataques en Nova York do 11S en 2001. "Agora son un fenómeno crecente, estendéronse máis aló dos presuntos terroristas e aféctanlle a outros grupos de persoas" á beira dun aumento progresivo doutras violacións dos dereitos humanos, expoñen desde Amnistía Internacional.
O colectivo aproveita a xornada deste 30 de agosto, Día Internacional dos Desaparecidos, para chamar a atención sobre o problema. Desde comezos de 2006 arredor de mil persoas foron vítima de desaparición forzada en Sri Lanka, e entre 3 e 5 mil persoas desapareceron desde 1999 en Chechenia. Os 138 sindicalistas desaparecidos en Colombia son tamén exemplo da denuncia.
Ao fío, o voceiro do colectivo en Galiza, Alberto Estévez, recordou este xoves que Amnistía publicou o pasado mes de xuño unha lista cos nomes de 39 persoas desaparecidas "no marco da guerra contra o terror encabezada por Estados Unidos". Sábese que estes desaparecidos estiveron nalgún momento recluídos en segredo baixo custodia estadounidense e descoñécese o paradoiro actual. Amnistía láiase ao respecto de que nalgúns casos, o exceso nesas prácticas levou mesmo a reter a parentes dalgúns detidos, as súas parellas e incluso fillos.
Longa loita para que a ONU faga presión contra esas prácticas
Amnistía Internacional defende a Convención Internacional para a Protección de Todas as Persoas contra as Desaparicións Forzadas, aprobada pola ONU en decembro de 2006, como instrumento para a prevención destas prácticas e ao tempo para a aclaración das desaparicións, reparación ás vítimas e familiares e para que os responsábeis rendan contas no seu caso. Na actualidade, varios gobernos iniciaron os trámites para a ratificación deste convenio, entre eles o goberno español.
Desde o colectivo recordan que este tipo de desaparicións non captaran a interese até que "a conciencia internacional viuse sacudida pola desaparición de miles de persoas no contexto das ditaduras latinoamericanas" nos anos 80. Así e todo, e malia a presión de parentes de persoas desaparecidas e ducias de asociacións en todo o mundo, houbo que traballar vintecinco anos para sacar adiante o novo tratado nas Nacións Unidas. "Para que todo este esforzo non sexa en balde, polo menos vinte Estados deberan ratificar de inmediato a Convención", confía Estévez.
no nome do 11S estanse facendo moitos abusos
Foi criado só para iso, para facer saltar máis aónda as supostas legalidades dos países.
Quén salva ós cidadáns de calquera país da orbe, mesmo de éste, do mundo do ANTITERRORISMO dos Estados? Hai algún xuíz que esté preocupado por estes feitos incontestables e xa que logo alarmantes?