Os veciños da Plataforma O Cruceiro de Meá seguirán pechados na casa consistorial até se entrevistaren con Clos e Touriño.
A empresa Reganosa, titular da planta regasificadora de Mugardos, asegura que as instalacións cumpren “estritamente” a distancia que debe existir coa poboación e cualificou de “moi remota” a posibilidade de incidentes. Nun comunicado, di que as “modernas tecnoloxías” que usa garanten que as “remotas” incidencias que se poidan producir teñan efectos só no “propio recinto da terminal”.
Segundo o Regulamento de actividades molestas, insalubres e perigosas (Raminp), a distancia de 2.000 metros entre a planta e o núcleo de poboación é “orientativa a condición de que se adopten as medidas que se requiran en cada caso”. A competencia de determinar a distancia é da Xunta, segundo os Reais Decretos 1254/1999 e 1196/2003. Segundo o estudo de perigosidade, que avala o Goberno, as “áreas vulnerábeis” só afectan aos límites de Reganosa coa empresa veciña, Forestal do Atlántico.
O comunicado de Reganosa tamén conclúe que se trataron “axeitadamente” os potenciais efectos recíprocos entre as dúas empresas, e que se cumpren as ordenanzas municipais, que estabelecen que na zona onde se atopa a empresa están autorizados “o almacenamento e regasificación de gas natural licuado”.
Marcha dos veciños
Os representantes dos veciños da Plataforma O Cruceiro de Meá, pechados dende o 23 de xullo no concello de Mugardos en protesta contra Reganosa, entrevistáronse o martes ao mediodía en Madrid co director xeral de Política Enerxética e Minas, Jorge Sanz. Os veciños solicitáronlle que non lle conceda a autorización de funcionamento comercial á planta, pois consideran que non garda a distancia de seguridade.
A presidenta da plataforma, Luz Marina Torrente, declarou a Europa Press que a autorización que concedera o ministerio á planta regasificadora estabelecía que os buques gaseiros puidesen saír rapidamente e polos seus propios medios no caso de accidente durante a descarga, que se cumprisen as distancias á poboación que figuran na Lei Seveso II, e que o circuíto de refrixeración do gas fose pechado.
Os veciños, que levan 44 días pechados no consistorio, anunciaron que seguirán coa protesta até que os reciban o ministro de Industria, Joan Clos, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Por outra banda, Reganosa recibirá este venres o seu sétimo buque gaseiro, LNG Oyo, con 63.681 toneladas de gas natural licuado.
Visualizar o mapa ampliado
Se se tivera preguntado durante a construción da planta, cal era a posibilidade de que ardera un tanque, imaxino que nos dirían que remota. E mais ardeu. (Ver o video de 'O salario do silenzo')
E máis aínda... non había un plano de actuacións para accidentes na súa construción: en Mugardos non hai bombeiros (ao parecer); chamaron aos de Ferrol, eles non sabían moi ben se lles competía actuar ou non, (ou máis ben non lles competía) por que non é do Concello e non foran informados, e non tiñan nengún dato do que alí se estaba a "cocer"; bateron cun tanque ardendo feito con illantes combustibles -e non ignífugos- e sen espazo de acceso na estrutura de formigón para a intervención en caso de accidentes... como normalmente a probabilidade é remota!
E agora alguén pretende que traguemos que no caso de REGANOSA se poida rebaixar a distancia regulamentaria de seguranza. Estamos a falar dunha planta regasificadora (nada menos!) que nun radio de menos de 1500 m ten unha petroquímica (xusto a carón), un arsenal militar (cargadiño de foguetes), unha cidade de 80000 habitantes (libre de obstáculos e con vistas preferentes)e unha vila de 7000 habitantes (tamén a carón). Ou se engañaron co expediente, e teñen o dunha fábrica de gaseosas ou pensan que somos parviños de todo. Por se a alguén non reparara... estas cousas -os metaneiros e os depósitos de gas- ao estoupar non hai posibilidade de medias tintas, évos como as bombonas de butano, estoupan de vez, todiño o que levan dentro. Aínda non vin ninguén que fixera a equivalencia en megatones e bombas de Hiroshima e esas cousas das que gustan calcular os físicos. Sería interesante.
Ah! e de paso extraen a enerxía para a regasificación da auga da ría -baixando a temperatura da auga uns graos- para ir poñendo os peixes á fresca; e esterilízana con lixivia para matar o plancto ...todo moi fresquiño e moi limpo para a ría, os peixes e o marisco. Escusan poñer máis depuradoras na ría, por que xa non se van precisar máis. Que pasou co circuito pechado de refrixeración?
E para os de Vieiros, xa sabemos que os teletipos andan a fume de carozo, mais este titular botou 45 minutos xustos. Como continúe a ese ritmo sae da capa que non se entera nin a rede "echelon" dos americanos, que non se lle escapa nada!
Só faltaba que afirmaran quie a posibilidade é alta! Pretenden que a población se chupe o dedo. Os políticos do COLLEOSCARTOSECORRE son así de espabilados!
O que é moi remota é a posibilidade de que sobreviva alguén en toda a ría, incluído Ferrol e Koruña, como ese accidente ocorra.
Lei da calamidade: "Cando algo é moi remoto que ocorra, ocorre"
Exemplos: New Orleans, Torres Xemelgas, O Prestige, O Mar Egeo, O Urkiola...