Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
CRÓNICA

O abandono de Imaz revela a grave a crise interna do PNV

Quintana cre que deu unha lección ao antepór os intereses do partido aos seus persoais.

Redacción - 20:23 12/09/2007
Tags: crise Imaz PNV

A noticia do abandono político de Josu Jon Imaz colleu por sorpresa a case todos. Os principais dirixentes do PNV optaron por apagar os seus móbiles pouco despois de que trascendera a noticia á opinión pública. Aínda que as fortes divisións internas no partido eran de dominio público, ninguén agardaba unha decisión tan drástica.

Dani Álvarez, destacado xornalista galego de Radio Euskadi, confirmáballe pouco despois a Vieiros que a noticia sorprendeu a todos: “Era unha das posibilidades, aínda que parecía das máis remotas”. Para Álvarez non hai dúbida que a consulta que impulsa o lehendakari Ibarretxe é a consecuencia última da decisión de Imaz, que non se vía con folgos para xestionar esta nova etapa.

Dende o primeiro día da presidencia de Imaz saíron a frote as diverxencias cos sectores máis soberanistas capitaneados por Joseba Egibar. Imaz dubidou sempre da consulta impulasada polo lehendakaria e refugou calquera achegamento á esquerda independentista. Pola súa parte, o sector que lidera Egibar coidaba que chegara o momento de sumar forzas para dar un paso adiante na reivindicación nacional de Euskadi.

Mais alén das diferenzas ideolóxicas, o enfrontamento Imaz-Egibar era xa case persoal. Dani Álvarez cre que o paso dado por Imaz tamén fire gravemente a figura política de Egibar, que queda nunha posición moi incómoda para pelexar pola presidencia. Porén, cre que a figura emerxente nesta crise semella ser Íñigo Urkullu, voceiro da executiva do PNV. Curiosamente, este foi un dos que no seu momento convenceu a Imaz para que pelexase pola presidencia do partido.

Desmobilización da militancia
Os enfrontamentos internos no PNV desmobilizaron nos últimos meses a boa parte da súa militancia. O efecto inmediato foi uns insatisfactorio resultado nas últimas eleccións municipais. A análise dos mesmos foi contraditoria. Mentres o sector de Imaz consideraba que era preciso avanzar na “modernización” e no entendemento co estado, a ala máis soberanista coidaba que precisamente ese “pactismo” era a causa da desmobilización das bases.

O pasado 31 de agosto, nun acto en Zarauz e en presenza de Egibar, Imaz dixo que o peor cancro dun partido eran as divisións internas. Naquelas palabras algúns queren ver unha situación que daquela xa era límite.

Quintana destaca a súa condición de “amigo de Galiza”

O voceiro do BNG, Anxo Quintana, foi o primeiro líder galego en valorar a noticia. Asegurou que sinte un “profundo respecto pola decisión de Imaz, que demostra unha vez máis a súa enorme grandeza humana e política”. Quintana subliña que “foi na súa traxectoria, ademais dun gran nacionalista vasco, un gran amigo de Galiza e tivo unha contribución especial para consolidar Galeuscat”.

Para Quintana, Imaz deun unha lección “antepoñendo sempre os proxectos e a cohesión do seu partido á súa propia opción persoal”. Porén, matizou que “independentemente das persoas, a relación de fraternidade e solidariedade entre BNG e PNV continuará”


Documentos

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: