Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Publicado nunha revista especializada

Un novo estudo confirma que a limpeza do Prestige afectou á saúde dos traballadores

Pescadores, mariscadoras e voluntarios sofren síntomas respiratorios prolongados de até dous anos debido á exposición ao combustíbel.

Redacción - 10:24 15/09/2007
O estudo realizouse entre 7.000 traballadores

O estudo realizouse entre 7.000 traballadores

A limpeza do Prestige afectou á saúde respiratoria dos traballadores, nalgúns casos até dous anos despois da exposición, segundo un estudo dirixido por Francisco Pozo Rodríguez, do Servizo de Neumoloxía do Hospital Universitario 12 de Outubro de Madrid, que publica a revista American Journal of Respiratory and Critical Care Medicine.

Os traballadores e voluntarios que axudaron nos labores de limpeza de fuel realizadas na costa galega tras a catástrofe do Prestige no ano 2002 sofren síntomas respiratorios prolongados debido a esta exposición ao combustíbel.

Nas tarefas de limpeza da vertedura causada polo afundimento en novembro 2002 do 'Prestige', que alcanzou as 67.000 toneladas de fuel e que contaminou máis de 1.000 quilómetros de costa, colaboraron máis de 100.000 traballadores e voluntarios.

Primeiros labores de limpeza
Nas semanas que seguiron á catástrofe os pescadores locais e as súas familias realizaron os primeiros labores de recollida de chapapote. Segundo o estudio, este período inicial caracterizouse por unha forma "improvisada" de levar a cabo esta limpeza e unha carencia de equipamento de protección.

Entre xaneiro de 2004 e febreiro de 2005, máis de dous anos despois do desastre inicial, os investigadores administraron un cuestionario para determinar as implicacións a longo prazo da participación na limpeza da poboación de pescadores locais que se viron máis afectados.

Aproximadamente unha terceira parte das 7.000 persoas que responderon o cuestionario eran mulleres que traballaban en labores de marisqueo. A maioría, máis da metade das mulleres e dúas terceiras partes dos homes, participaran de forma directa na limpeza polo menos durante un día das primeiras sete semanas tras o vertido.

Segundo explicou Francisco Pozo Rodríguez, "as taxas de prevalencia dos síntomas do tracto respiratorio inferior e superior eran significativamente superiores entre os pescadores que participaran nas actividades de limpeza".

Tracto respiratorio inferior
Os que participaron nos labores de limpeza eran 1,7 veces máis propensos a experimentar síntomas do tracto respiratorio inferior. Os homes que participaron na recollida de residuos eran dúas veces máis propensos que os que non experimentaron tose crónica ou flemas ou asma no pasado ano, as mulleres eran 1,7 veces máis propensas ás flemas crónicas e 1,6 veces máis propensas a experimentar síntomas nasais.

Os investigadores descubriron que o aumento na prevalencia dos síntomas do tracto respiratorio superior e inferior persistía máis dun ano tras a actividade de limpeza, no entanto "aínda que significativas despois dun período de máis de vinte meses" as taxas mostraron unha diminución, o que suxire que os danos poderían ser en parte reversíbeis.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: