Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón

Galiza e Asturias compartirán unha nova Reserva da Biosfera

A área protexida convértese na cuarta do país en ser recoñecida pola súa variedade paisaxística e a súa diversidade.

Redacción - 10:47 19/09/2007
Vista da ría de Ribadeo / Flickr: Flipao

Vista da ría de Ribadeo / Flickr: Flipao

A Unesco aprobou a declaración da área do Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón como Reserva da Biosfera. É a primeira zona con esta distinción compartida entre dúas comunidades autónomas, neste caso Galiza e Asturias, polo que precisará da coordinación entre os dous gobernos.

O novo espazo protexido abrangue catorce concellos, sete galegos e sete asturianos, con case 33.000 habitantes e 160.000 hectáreas de extensión. A mesa do Consello Internacional de Coordinación do Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco tivo en conta o gran valor paisaxístico e ambiental do Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón por conteren tanto paisaxes de media montaña como fluviais e marítimos.

Galiza xa contaba con outras tres reservas da Biosfera: Os Ancares e Terras do Miño, tamén na área luguesa, e Allariz, en Ourense. A partir de agora, deberase crear un consorcio, un comité técnico de seguimento e un consello reitor da reserva que deberán desenvolver un Plan de Acción de Desenvolvemento Sustentábel.

As reservas da Biosfera son áreas xeográficas representativas dos diferentes hábitats do planeta, tanto terrestres como marítimos, seleccionadas polo seu interese científico para a preservación da súa biodiversidade, ao tempo que se fomenta o seu desenvolvemento económico e humano. A Unesco aprobou este martes incluír 25 novas candidaturas na rede mundial de Reservas da Biosfera, entre elas a galego-asturiana.


5/5 (4 votos)


Comentarios (3)

ecoe #1 19/Setembro/2007 ecoe

Ale, a Xunta xa ten nova carta blanca para a destrucción, mesmo a do Courel, espacio de moitísima maior valía que os Ancares "galegos"!

galeguzo #2 19/Setembro/2007 galeguzo

Os meus parabéns ao senhor Lastra, regedor de Taramúndi, quem na entrevista desta manhã na Rádio Galega falou num galego precioso.

O_Castrexo #3 19/Setembro/2007 O_Castrexo

Por que terá o ser humano que facer "reservas da biosfera"? Iso demostra a nosa incompetencia innata para convivir co resto de criaturas deste mundo.

Somos un ser completamente antinatural (en todas as súas acepcións) por natureza e ao carallo...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: