Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
30 anos de Preescolar na Casa

"O papel da familia na educación é importantísimo, con escola e sen ela"

Preescolar na Casa celebra o seu 30 aniversario con actividades a desenvolver no primeiro trimestre de 2008. En Vieiros falamos cos directora da Fundación, Ermitas Fernández.

A.R. - 10:30 23/09/2007
Preescolar na Casa leva 30 anos atendendo as familias

Preescolar na Casa leva 30 anos atendendo as familias

A Fundación Preescolar na Casa cumpriu trinta anos, mais aínda que xa o están a celebrar, teñen programado para o primeiro trimestre do ano que vén unha chea de actividades. Haberá concertos para bebés e mailas súas familias; un foro no que analizar a educación infantil; e a edición de varias publicacións que recollen as propostas e o pensamento de Preescolar na Casa dende a súa fundación, en 1977.

A presidenta de Preescolar na Casa, -que leva dende o comezao coa organización-, Ermitas Fernández, falou con Vieiros destes 30 anos e da tarefa máis importante que teñen os pais, "a educación dos seus fillos".

Vieiros: Aínda que non semella doado, que balanzo faría destes 30 anos de Preescolar na Casa?
Ermitas Fernández: Comezando a facer o balanzo a nivel social, creo que houbo certos cambios na sociedade dos que todos somos conscientes. Hoxe cambiamos máis rapidamente nun ano que o faciamos hai 30. Antes a sociedade mudaba máis lentamente; había outras dinámicas de actuación. A situación cambiou moito. Hai 30 anos había grandes concentracións escolares, e os nenos do medio rural eran transportados ás vilas, para ir á escola. Ademais, non eran escolarizados até os 6 anos. Hoxe os nenos comezan a escola aos 3 anos e introduciuse a figura do acompañante no transporte escolar. É unha situación totalmente distinta.

Falando xa dos cambios que experimentamos en Preescolar na Casa. A nosa fundación naceu no 1977 sendo consciente da desigualdade e marxinación daqueles nenos e nenas, menores de 6 anos, que non podían acudir á escola e que non tiñan a atención axeitada para eles. Nós comezamos daquela a tentar responder ás necesidades dos cativos nese momento das súas vidas, onde a parte fundamental delas é a familia. O papel da familia é importantísimo, con escola e sen ela, e érao daquela, como o é hoxe, sobre todo para aqueles nenos que aínda non ían ao colexio.

Había entón que responder, tanto naquela altura como agora, a unha importante demanda social para que a familia non dimitise do seu papel educativo. Os cativos e cativas de menos de 6 anos están nesa etapa da súa vida onde se van asentar as bases da súa personalidade, da súa competencia, dos seus afectos, das suas facultades cognitivas e sociais... de todos aquelas capacidades que nos condicionan como persoas. Os nenos van seguir desenvolvéndose, pasada esta etapa, mais este momento é fundamental.

V: Como cre que poderían mellorar as eivas do sistema educativo galego, de as haber?
E. F.: Hoxe o papel das familias, como foi sempre, é fundamental, mais enfróntase a unha chea de problemas como a conciliación da vida laboral e familiar. Baixo o meu punto de vista, a vida laboral está conciliada. Quero dicir que hai unha gran necesidade de programas de apoio ás familias para que poidan traballar e levar os nenos ao colexio a un tempo, mais eu considero que o que fai falla conciliar é a vida familiar.

Houbo melloras en relación á vida laboral -hai maior número de escolas infantís e introducíronse nelas novidades pensando na persoa que traballa e ten nenos. Mais para falta a outra parte, a vida en familia. O pai ou a nai chega a casa, canso de traballar, vai buscar o neno e logo ten que atender tamén os labores do fogar. Case non poden gozar de ver medrar os seus nenos, e moitas veces deixa as cousas pasar e non estabelece límites ou normas; deixa os pícaros estar, pensando que o de educar "xa o fai a escola". Non saben poñer límites nin facer que os nenos sigan unhas normas, que se acostumen a esforzarse, ou a respectar os máis. Esquécense os valores básicos nas familias e isto é o que hai que mudar, e polo que traballamos dende a Preescolar na Casa.

Cando se fala dos problemas educativos dos adolescentes, moitas veces esquecemos que case todos teñen a súa orixe nesta primeira etapa. Dende o nacemento do neno ou da nena vaise constituíndo a súa persoa. Sabemos que tamén inflúe a xenética, mais unha parte importante da personalidade dos pequenos vén do seu contorno, que é o que nós podemos mudar. Mais non hai que culpabilizar de todo á familia, hai que axudala. Outros países europeos, por exemplo, conseguen facelo; conciliar a vida familiar. Aquí tamén hai facilidades como os permisos que facilitan que os pais estean máis tempo cos seus fillos. Hai pasos dados, pero quédannos aínda moitos chanzos por subir.

Agora sabemos o que os pais precisan para poder traballar e ter os seus pequenos atendidos, mais, sabemos o que precisan os nenos?

V: Cre que nestes anos mellorou abondo o sistema educativo galego?
E. F.: Non sei se o que máis mudou foi o sistema educativo ou a sociedade. O que si penso é que o sistema educativo galego avanzou moitísimo e responde cada vez máis ás necesidades de pais, nais e alumnos. Pero dende Preescolar na escola defendemos que a familia é transcendental, e aínda hai que traballar bastante con ela e coas súas necesidades.

V: Que opina da creación das Galescolas? Veas como unha estrutura positiva na educación preescolar dos pequenos?
E. F.: Véxoas moi positivamente. Era unha necesidade da nosa sociedade para poder facer esa conciliación da vida laboral da que viñamos falando. Eran moi precisas e son beneficiosas para os nenos e nenas. Dende a fundación dámoslle moita importancia á creación das Galescolas, sobre todo porque teñen un momento dedicado á formación dos pais e nais, o que é moi importante. A lei recolle que os pais deben incorporarse á tarefa educativa das escolas e colaborar na coordinación e planificación da educación dos seus fillos nos centros, e nas Galescolas pais, nais e mestres traballan xuntos. Son un ben para Galiza.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe de Preescolar na Casa para celebrar o seu 30 aniversario
Imaxe de Preescolar na Casa para celebrar o seu 30 aniversario
Ermitas Fernández, cando foi elexida Galega do Mes en 2006, por El Correo Gallego / Imaxe: Gallego
Ermitas Fernández, cando foi elexida Galega do Mes en 2006, por El Correo Gallego / Imaxe: Gallego
Unha das imaxes do traballo feito dende Preescolar na Casa
Unha das imaxes do traballo feito dende Preescolar na Casa
Outras das imaxes de Preescolar na Casa
Outras das imaxes de Preescolar na Casa
Nenos xogando e aprendendo xuntos. Imaxe de Preescolar na Casa
Nenos xogando e aprendendo xuntos. Imaxe de Preescolar na Casa