Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barbanza

Edición xestionada por Adolfo Muíños
RSS de Barbanza
EDUCALDEA PREMIADO CON 10.000 EUROS

O Colexio Brea Segade de Taragoña inaugura a exposición do seu proxecto no Museo do Pobo Galego

O Colexio Público Brea Segade de Taragoña, gañador da IV Edición do Proxecto Didáctico Antón Fraguas na súa modalidade de ensino primario, expoñerá o seu labor a partir do sábado 6 de outubro nunha exposición que se instalará no Museo do Pobo Galego en Bonaval. Dotado con 10.000 euros o proxecto Educaldea do Brea Segade cristalizou entre outros na creación dunha aula museo (Castelao), que acolle unha exposición permanente de fondos patrimonais e etnográficos cedidos polo alunado e veciños de Taragoña e outras parroquias de Rianxo. Xunto á creación do museo desenvolveu un intenso traballo na Biblioteca do Centro e na horta ecolóxica, poñendo en valor estes espazos e dinamizándoos para faceren deles uns lugares vivos para as crianzas.

Redacción - 12:31 01/10/2007
Tags:
Actividades de animación á lectura no Brea Segade

Actividades de animación á lectura no Brea Segade

Especial relevancia no museo ten o apartado musical pois alberga partituras para gaitas e bandas de música, unha gaita orixinal do artesán compostelán Basilio Carril, cedida polo gaiteiro local Sr. Carou, fotografías antigas de formacións rianxeiras, etc. Moitos destes recursos completan un cancioneiro rianxeiro que se ofrece na bitácora do proxecto. Pola súa banda a biblioteca do centro amosa unha Biblioteca Virtual de autores rianxeiros, con obras de difícil acceso ao público como as Décimas ao Apóstolo Santiago de Martín Torrado. Un motivo de parabéns e ledicia para esta comunidade escolar afectada polo mal estado das súas instalacións educativas.

O Brea Segade recolle así a testemuña no Barbanza deixada polo CEIP de Xuño, galardoado noutra edición. Este galardón foi instituído co propósito de lembrar a figura de don Antón Fraguas Fraguas na súa dobre vertente de pedagogo e etnógrafo. Impulsa proxectos de investigación e coñecemento do patrimonio cultural desenvolvidos dende as escolas e institutos mais procurando inserir a toda a comunidade educativa. O proxecto gañador na modalidade de secundaria é O Patrimonio, un recurso endóxeno ameazado e esquecido do Instituto de Ensino Secundario Pontecaldelas


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: