Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Breve biografía do Che

Corenta anos da súa morte, case corenta anos de vida

O 14 de xuño de 1928 nace en Rosario, Arxentina, Ernesto Guevara. Case catro décadas despois, en La Higuera, Bolivia, morre o Che.

Redacción - 17:30 08/10/2007

Breve biografía extraída do blog Patria Grande.

1928: Ernesto Guevara nace o 14 de xuño en Rosario, Arxentina. Aos dous anos de idade sofre o seu primeiro ataque de asma. A familia múdase en 1932 á cidade de Altagracia por recomendación médica.

1947: En decembro ingresa na Facultade de Medicina da Universidade de Bos Aires.

1952:
Viaxa por Arxentina, Chile, Perú, Colombia e Venezuela en compañía de Alberto Granados.

1953:
O 12 de xuño recibe o título de médico. O 6 de xullo parte rumbo a Venezuela, mais a situación que atopa en Bolivia e o seu posterior contacto con exiliados latinoamericanos en Perú faille cambiar de idea. En decembro chega a Guatemala.

1954:
En xaneiro coñece a Antonio Ñico López, participante no asalto ao Cuartel Moncada, co que estabelece amizade. Despois do golpe de estado que culmina co derrocamento do goberno democrático de Jacobo Arbenz, o Che parte rumbo a México.

1955: En xullo coñece a Fidel Castro e alistase como médico da futura expedición do Granma.

1956:
O 25 de novembro, os combatentes revolucionarios parten do porto de Tuxpan con rumbo a Cuba. O desembarco prodúcese o 2 de decembro e os rebeldes son sorprendidos poucos días despois en Alegría de Pío polo exército de Batista.

1957: O 17 de xaneiro participa no primeiro combate vitorioso dos rebeldes en La Plata. O 28 de maio obtense unha importante vitoria no ataque ao cuartel do Uvero. Segundo o Che, este combate marca a maioría de idade do Exército Rebelde. O 5 de xuño, noméano xefe da cuarta columna rebelde (en realidade, a segunda). Entre xullo e decembro fixa o seu campamento na zona de El Hombrito. Alí instala unha escola, unha fábrica de zapatos, unha talabartería, unha armería, unha ferraría e un forno para facer pan.

1958: O 21 de agosto, o Che recibe a orde de marchar con destino á provincia das Vilas para pórse á fronte das unidades do Movimiento 26 de Julio que operaban nesa zona. A columna invasora 8 Ciro Redondo parte o 31 de agosto dende El Jíbaro. O 8 de setembro chega a Camagüey. O 15 de outubro, logo de percorrer máis de 500 quilómetros, chega á serra de El Escambray. O Che instala a súa comandancia en Caballete de Casa. O 28 de decembro, como parte da ofensiva final do Exército Rebelde, inicia o ataque á cidade de Santa Clara. O 31 de decembro consúmase a toma da cidade e o triunfo da Revolución.

1959:
O 2 de xaneiro trasládase a La Habana. O 7 de febreiro é declarado cidadán cubano por nacemento. O 26 de novembro é nomeado presidente do Banco Nacional de Cuba.

1960: O 4 de marzo acode ao lugar onde estalou o barco francés La Coubre. Ao día seguinte, durante a despedida no funeral das vítimas da sabotaxe, o fotógrafo Alberto Korda inmortaliza a súa imaxe na máis famosa das súas fotografías. O 21 de outubro parte nunha viaxe cara aos países do campo socialista. Visita Checoslovaquia, a Unión Soviética, Alemaña Oriental, Hungría, China e Corea do Norte.

1961:
O 23 de febreiro noméano Ministro de Industrias. O 9 de abril publica na revista Verde Olivo un artigo titulado 'Cuba, excepción histórica o vanguardia en la lucha contra el colonialismo?'. O 16 de abril trasládase á comandancia de occidente en Consolación del Sur, Pinar del Río, pois a intelixencia cubana pensa que haberá unha invasión por esa zona, a máis próxima ao continente. O Che sofre un accidente coa súa pistola. O desembarco mercenario finalmente prodúcese en Playa Girón que perde a batalla en tan só 72 horas. O 2 de agosto viaxa á fronte da delegación cubana rumbo a Punta del Este, Uruguai, para participar na Conferencia do Consello Interamericano Económico Social. O día 8 intervén na quinta sesión plenaria e ataca a denominada Alianza para el Progreso. O 17 pronuncia un discurso na Universidade Nacional de Montevideo. O 19, tras concluír a súa visita polo Uruguai, viaxa á Arxentina e ao Brasil.

1962: O 22 de outubro, ao desencadearse a Crise de Outubro, asígnaselle a defensa da parte occidental do territorio cubano. O Che instala a súa comandancia na cordilleira dos Organos, Pinar del Río.

1963: O 30 de xuño viaxa a Alxeria para participar nas actividades polo aniversario da independencia.

1964: O 17 de marzo parte rumbo a Xenebra para participar na Conferencia Mundial de Comercio e Desenvolvemento.

1965: O 12 de marzo, o semanario uruguaio Marcha publica o artigo do Che titulado El socialismo y el hombre en Cuba. O 3 de outubro, no acto de constitución do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, Fidel le a carta de despedida do Che.

1966: O 3 de novembro chega a La Paz, Bolivia, co nome de Adolfo Mena González e pasaporte uruguaio. O 7 de novembro incorpórase á guerrilla.

1967: O 18 de abril publícase en Cuba a súa Mensaje a los pueblos del mundo a través de la Tricontinental. O 8 de outubro féreno en combate na Quebrada del Yuro. O 9 de outubro é asasinado na aldea de La Higuera.

1997: O 28 de xuño un grupo de expertos cubanos e arxentinos descobre unha fosa común en Vallegrande cos restos do Che e doutros seis guerrilleiros, aínda que nos últimos anos outras testemuñan negan que sexan os auténticos. O 12 de xullo é recibido no aeroporto de San Antonio de los Baños pola súa familia e os seus compañeiros. O Che descansa no mausoleo da praza Ernesto Che Guevara en Santa Clara.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: