Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A cita de Castelao, escóitase na ONU

"Non hai peor desterro que o que se sofre no propio país"

Ana Miranda, membro do Consello Nacional do BNG e vicepresidenta da Alianza Libre Europea, acudiu esta semana ao Comité das Nacións Unidas sobre Descolonización.

R. Noguerol - 12:10 11/10/2007
Ana Miranda, vicepresidenta da ALE e integrante do Consello Nacional do BNG

Ana Miranda, vicepresidenta da ALE e integrante do Consello Nacional do BNG



"Roubáronlles a auga a terra e o aire", afirmou Ana Miranda durante a súa intervención. Ao fío da cita de Castelao, "Non hai peor desterro que o que se sofre no propio país", frase escrita polo galeguista en Nova York, a representante galega lembrou que o pobo saharauí é un pobo "desterrado" ao que se lle privou "da súa terra, do seu mar e aire, dos seus recursos naturais". "Marrocos está explotando ilegalmente os recursos naturais do Sáhara Occidental", subliñou, nunha semana onde a diplomacia marroquí despregara toda a súa capacidade de presión para diminuír o impacto do debate nas Nacións Unidas.

Histórica intervención na ONU
"Galiza ten unha profunda vocación internacional, pola súa diáspora presente en todo o mundo, e un compromiso cos dereitos dos pobos e en especial coa loita do pobo saharauí e da Fronte Polisario, a súa lexítima representación política", explicara Ana Miranda ao fío da súa participación este martes en Nova York no IV Comité de Políticas Especiais e Descolonización, das Nacións Unidas.

"Non se pode deixar un pobo no deserto durante tres décadas tendo un país con recursos", laiouse Miranda. A representante do BNG acudiu a esta comisión xunto con outros cinco integrantes do Estado e en representación da Federación Estatal de Institucións Solidarias co Pobo Saharauí. A experta galega sinala que a ollada internacional cara ao Sáhara Occidental "ten que mudarse definitivamente", xa que "non se trata exclusivamente dun problema humanitario como se lle quere facer crer á opinión pública mundial, senón dun tema político de descolonización".

"É precisamente esta institución, a ONU, o lugar axeitado para a procura dunha solución pacífica", defende Ana Miranda. Por este motivo, na súa intervención insistiu na necesidade da celebración do referendo de autodeterminación que leve definitivamente "á descolonización do Sáhara Occidental".

"Chamamos súa atención para que esta situación ilegal mude, cunha ollada cara o futuro, cara o Pobo Saharaui e en especial cara esas nenas e nenos, aos que se lle cortou a esperanza no deserto, e que teñen dereito a vivir, a medrar e a formarse no seu pais. Para ver o seu mar, as súas árbores, súa terra e sobre todo, o horizonte da liberdade nun país libre e soberano, o Sahara Occidental", concluíu na súa intervención.


Poden ler aquí o discurso completo de Ana Miranda na ONU (.pdf / 74Kb)


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: