Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Actividade de grande impacto

Xornadas sobre a Lei da Minaría de Galiza

blank_pageA Lei de Ordenación da Minaría de Galiza está xa en trámite parlamentario. A minaría a ceo aberto constitúe unha actividade de graves impactos sobre o patrimonio natural e ecolóxico, sobre a paisaxe e sobre o territorio e usos do solo, que en non poucas ocasións ten dado lugar a importantes conflitos sociais. Cáseque a totalidade das explotacións mineiras en activo do país carecen das autorizacións necesarias para o exercicio da actividade (avaliación de impacto ambiental, autorización autonómica, licenza municipal, etc.) prácticas que os anteriores governos parecen ter consentido e mesmo estimulado a xulgar pola escasa acción sancionadora e a nula eficacia das medidas tomadas. Triptico minaria.pdf Baixa o DÍPTICO

ADEGA - 14:40 15/10/2007
Tags:

Por outra banda, tampouco se pode negar que a minaría foi tamén - dende a extracción do ouro dos romanos ás minas de carbón de As Pontes e Cerceda, pasando pola minaría do ferro do século XIX e principios do XX, a minaría do wolfram e do antimonio do século XX ou a do caolín, o granito, a pizarra e o cuarzo de hoxe -, un exemplo da espoliación dos nosos recursos naturais por un capital sempre alleo aos intereses de Galiza. Deste xeito, mentres se apropia dos beneficios, non ten reparo en cargar sobre todos nós os enormes impactos sociais e ambientais dunha práctica que ten demostrado, alén de ben pouco respecto pola legalidade vixente, un desprezo case absoluto polo territorio e pola xente deste país.

Empezar por poñer os recursos mineiros ao servizo de Galiza pechando eiquí todo o seu ciclo produtivo; facer da minaría unha actividade ambiental e socialmente sustentábel, compaíbel co resto da actividade económica e coa imprescendíbel protección do patrimonio natural, e acabar cos abusos de lei que a minaría veu practicando nos últimos anos, nunha sospeitosa connivencia coa administración mineira, tiña, por forza, que ser un dos primeiros
cometidos dun governo compremetido en poñer todas as potencialidades de Galiza a disposición da cidadanía.

Se do primeiro borrador da Lei, redactado por unha equipa da Universidade, se pode decir que respostaba con meridiana claridade, a estes obxectivos, o texto que chega ao Parlamento de Galiza, coas modificacións que introduce á Lei do Solo e máis co procedemento administrativo que se propón para o outorgamento dos dereitos mineiros, distorsionan por completo aquelas primeiras intencións, ampliando os tipos de solo nos que se poden implantar as actividades sen necesidade de proxecto sectorial e de autorización autonómica previa. As
enmendas introducidas conxuntamente polos grupos parlamentarios do BNG e do PSOE fan que o texto final da Lei poda, despois do trámite parlamentario, resultar algo menos escandaloso, pero é de esperar que o clúster do sector da minaría reaccione cunha forte campaña de presión mediática e social orientada a que a esta Lei de Ordenación da Minaría empece por legalizar todas as explotacións actualmente en activo (neste senso vai a enmenda
á totalidade presentada polo grupo do PP); siga por poñer os menores impedimentos posíbeis á apertura de novas explotacións mineiras e acabe por habilitar os solos rústicos de especial protección agropecuaria e de augas para a actividade extractiva sen necesidade de tramitar o ata agora preceptivo proxecto sectorial.

Con estes antecedentes, unha primeira intención das xornadas tén que ser a de chegar a unhas mínimas conclusións sobre o texto da Lei de Ordenación da Minaría para, en nome de ADEGA e do Sindicato Labrego Galego facerllelas chegar aos grupos parlamentares para que poidan ser tidas en conta no trámite de debate en Comisión. Trataríase ademáis de, sobre estas mínimas conclusións, chegar a facer un traballo social coerente a favor das enmendas máis necesarias de forma que se poda contrarrestar a campaña que o clúster da minaría poda pretender levar a cabo en defensa dos seus egoístas intereses.

PROGRAMA:
Venres, 19 de outubro
15:30: Recepción dos participantes. Entrega de Documentación
16:00: Presentación das Xornadas a cargo de Adela Figueroa, presidenta de ADEGA, e Guadalupe Prado Losada, gandeira de Vilalba e responsable do sector leiteiro do Sindicato Labrego.
16:30: Inauguración a cargo da Consellaría de Innovación e Industria.
17:00: Relatorio Anteproxecto da Lei de Minaría, a cargo de Alba Nogueira López, doutora en Dereito e profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago.
18:00: Coloquio.

Sábado, 20 de outubro
9:30: Recepción dos participantes.
10:00: Relatorio Anteproxecto da Lei de Minaría de Galiza, a cargp de Xosé Antonio Domínguez Varela, subdirector xeral de Recursos Minerais da Consellaría de Innovación e Industria. Impactos da minaría. Afectad@s
10:30: María Pardo Barbeito. Labrega. Cerceda
10:50: Henar Román Fernández. Gandeira. Abadín.
11:10: Representante d@s afectados das concesións de cuarzo, que Erimsa ten na Terra Cha.
11:30:. Orlando Gregorio Álvarez, de SOS Caurel
11:50 a 12:10: Descanso
12:15: Daniel López Vispo, vicepresidente de Adega
12:45: Margarida Prieto Ledo, responsable do Sindicato Labrego Galego na Terra Cha
13:15: Relatorio: Transcendencia e impactos económicos da minaría, a cargo de Xoán Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía
14:00: Xantar.
16:00: Mesa redonda. Participantes María Pardo Barbeito, Henar Román Fernández, representantes d@s afectad@s das concesións de cuarzo de Erimsa na Terra Cha, Orlando Gregorio Alvarez, Daniel López Vispo, Margarida Prieto Ledo, Ángel Bernardo Tahoces (portavoz de Industria do Grupo Parlamentario do PP), Carlos Fernando Blanco Parga
(portavoz de Industria do Grupo Parlamentario do BNG).
17:00: Coloquio.
18:00 a 18:30: Descanso para que unha comisión elabore unhas conclusións.
18:30: Exposición das conclusións.
19:00: Clausura a cargo de Adela Figueroa, presidenta de ADEGA, e de Lidia Senra, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: