Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
PETICIóN DE INDULTO

Os 'tres do Eixo' non camiñan sós

Presentan 12 mil sinaturas, avaladas polo Parlamento e polo Concello de Santiago, para que se indulte a tres composteláns condenados pola agresión a un policía nunha protesta veciñal.

Fernando Arrizado - 20:00 15/10/2007

O 14 de xullo de 1998 comezou un pesadelo para Simón Márquez, Xosé Moreira e Xesús Montoiro do que levan máis de nove anos tratando de espertar. Non están sós na súa loita, nunca o estiveron. Tras deles toda unha parroquia, a compostelá de Santa Lucía do Eixo. E, agora tamén, o goberno do Concello de Santiago, o Parlamento de Galiza e 12.000 cidadáns que asinaron unha petición de indulto, presentada este luns en Madrid no Ministerio de Xustiza.

O vindeiro 31 de outubro, Montoiro, Moreira e Márquez terán que ingresar na cadea para cumpriren cunha pena de sete anos de cárcere. Os tribunais consideráronos culpábeis dun delito de lesións (seis anos de prisión cada un e 156.620 euros de multa) e outro de atentado (un ano de prisión cada un) por golpear un axente da Policía Nacional no transcurso dunha manifestación.

O Consello de Ministros xa rexeitou unha vez, o pasado 20 de abril, concederlles o indulto, mais daquelas só entregaran 5.000 sinaturas e non había o apoio institucional actual. Ademais, este domingo está convocada unha manifestación polas rúas de Compostela que partirá ás 12.30 horas dende a Alameda, e que contará coa presenza de máis dunha trintena de asociacións locais e nacionais.

No cerne do suceso

Os feitos remóntanse a finais do ano 1997, cando o Ministerio de Fomento decide construír un terceiro carril na estrada N-525 Santiago-Ourense ao seu paso polo Eixo. Este tramo, duns dous quilómetros, atravesa a parroquia pola metade, e até daquelas a velocidade no mesmo estaba limitada a 50 km/h.

Os veciños opoñíanse a este novo carril de subida, dado que Fomento non prevía a construción de pasos para os peóns nin doutras medidas de seguridade, nunha zona onde os nenos debían coller o bus do colexio. Tamén, o paso as fincas dun e doutro lado ficaba bloqueado. As protestas dos veciños caeron en saco roto até que despois de varias mobilización conseguen que se paren as obras.

Ante esta situación, Fomento entrégalles un documento aos afectados onde se compromete a que, se lle permiten finalizar a obra, manterá inutilizado o terceiro carril cunhas boias até a construción dos pasos reclamados.
Nun primeiro momento o ministerio cumpre coa palabra dada, mais chegado o verán de 1998, coas infraestruturas prometidas por facer, decide abrir o carril da discordia. Os veciños reaccionan e, dado que en poucas horas de traballo pódese acondicionar a vía, deciden montar gardas de mañá e de tarde para impedilo.

Pola mañá, mulleres e nenos, e pola tarde, todos xuntos, vixían a estrada, baixo a atenta mirada, a súa vez, de efectivos da Policía alí despregados. Unhas dúas semanas manteñen este ritmo, até que o 13 de xullo, as Forzas de Seguridade do Estado presuntamente reciben a orde de finalizar coas protestas. Esa mañá, varias mulleres son empurradas e golpeadas o que provoca a indignación dos habitantes do Eixo.

A tensión vai en aumento. Tal é así que ao día seguinte, desprázanse até o lugar dous furgóns da Policía procedentes da Coruña para evitar que se corte a estrada. Os veciños deciden marchar por ambas as dúas beiravías berrando consignas. Uns metros por detrás sitúanse os axentes.

É entón cando un dos manifestantes, un cativo duns 13 anos, irmán de Simón Márquez, insulta a un dos policías, que acto seguido decide detelo e levalo a un dos furgóns policiais, case que a rastro debido a resistencia que opón o neno. Algúns veciños, alarmados pola situación, abalánzanse sobre o axente. Outros policías acoden ao tumulto, e o grupo acaba por caer a rolos por un terraplén. Como consecuencia, o primeiro dos axentes resulta ferido nun ollo e no nariz e ten que ser trasladado ao hospital.

Sentencia "inxusta"

Xosé Manuel Bocija, secretario da Asociación de Veciños Domingo Cepeda, relata a súa lembranza daqueles feitos poucas horas antes de se reunir co voceiro do BNG no parlamento español, Francisco Rodríguez. Esta enmárcase dentro dunha rolda de contactos que a directiva da asociación está a manter con varios representantes públicos para conseguir o máximo de apoios posíbeis para lograr o indulto a Moreira, Márquez e Montoiro.

Bocija lembra tamén que quince días despois daquel suceso, a policía volveu aparecer polo Eixo e, porta por porta, foi visitando aos veciños da parroquia. Ao final seis foron acusados, tres absoltos -"os que menos solvencia económica tiñan", afirma- e os outros tres condenados nun xuízo onde as testemuñas presentadas pola defensa non foron tomadas en conta, "por seren amigos e familiares", e en troques si o foron as da fiscalía, "porque o xuíz presupón que os policías no exercicio do seu deber non menten".

A multa de máis de 156.000 euros xa foi abonada, requisito imprescindíbel para solicitar un indulto, graza en grande parte a contribución dos veciños que pagaron un terzo do total. Agora, Bocija pide o apoio de toda a cidadanía para que acuda o domingo á manifestación de Compostela, e "que saiban en Madrid que somos moitos".


Ligazóns

4.37/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: