Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Todos os mércores, ás 22.00

Comeza a programación de outono no Cineclube de Compostela

Cinema soviético en outubro, documental antifranquista en novembro e autores como Marker e Passolini para decembro comezan o curso con forza.

Redacción - 11:07 17/10/2007

O novo e o vello, de Eisenstein, é un dos filmes que abren a programación este mércores 17:



O local da Rúa Santa Clara, en Compostela, acolle un ano máis as proxeccións do Cineclube. Nesta axeitada data, case noventa anos despois da Revolución de Outubro, achegarémonos ao cinema soviético da man de dous dos seus máximos representantes: o alma mater do Kino Pravda, ou Cinema da Verdade, Dziga Vertov, autor de referentes na historia do documental como O home da cámara.

Desta volta veremos a curtametraxe Xoguetes soviéticos, o primeiro filme animado soviético. De carácter propagandístico, esta baseado nas caricaturas políticas que Viktor Nikolaievich Deni realizaba para o xornal Pravda.

Achegarémonos tamén a construtivismo co seu máximo expoñente, Sergei Mikhálovich Eisenstein, autor do célebre Acoirazado Potemkin. iniciado en 1927, O vello e o novo pretendía promover as colectivizacións agrarias ao abeiro da Nova Política Económica na URSS. Mais o parón producido no filme por mor da realización de Outubro fixo por que a política oficial soviética mudara e enfrontou a Eisenstein con Stalin. Deste xeito, mudou tamén o título orixinal (A liña xeral) e o filme ficou relegado a un segundo plano na filmografía do realizador, considerabelmente menos coñecido que outros dos seus títulos. Porén, é un exemplo magnífico da aplicación das teorías da montaxe desenvolvidas por Eisenstein e da calidade do seu cinema.

O resto do mes de Outubro estará centrado na obra de Aleksandr Medvedkine, coa proxección do documental que sobre a súa figura realizara Chris Marker, A tumba de Alexandre (24 de Outubro), e, á seguinte semana, un filme deste director, A felicidade (31 de Outubro).

Novembro antifranquista

O 7 de novembro, poderemos ver tres curtametraxes realizadas desde a oposición política á ditadura franquista: Non se admite persoal de Antoni Lucchetti, O cuarto poder de Helena Lumbreras e Cantata de Santa Marí­a de Iquique de Lloréns Soler e Jaime Rodri). O 14 será proxectada unha gravación dun mitin do PCE que tivo lugar no exilio francés, realizada por Pere Portabella, Carles Durán, Manuel Esteban, Brigitte Dornés e o colectivo Dynadia de París, co título Parí­s, 20 de xuño de 1971 (Mitin en Montreuil).

As dúas últimas sesións do mes proxectarase Despois de..., de Cecilia Bartolomé e Juan José Bartolomé, que analiza o momento do primeiro postfranquismo e a restauración borbónica, coa primeira parte, Non se vos pode deixar sós, o 21 de Novembro e a segunda, Atado e ben atado, o 28.

O máis actual da sétima arte

Decembro é o mes dos grandes cineastas, cuxas súas propostas constitúen a máis actual modernidade do cinema: o día 5, a curtametraxe O peirao, de Chris Marker, e o documental A rabia, de Pier Paolo Pasolini; unha semana despois, a última obra de Víctor Erice, La morte rouge, e o documental que fixeron para a RAI Tonino Guerra e Andrei Tarkovski, Tempo de viaxe; e para despedir o outono, o 19 de Decembro , proxectarase Natureza morta, o filme de Jia Zhang-Ke premiado co León de Ouro no Festival de Venecia do ano 2006.

Todas as proxeccións, como a política do Cineclube, serán de entrada libre e gratuíta. Poden adquirirse abonos axuda para a colaboración económica, ou asociarse ao Cineclube. Os filmes serán todos presentados na súa versión orixinal e, na medida do posí­bel, con subtí­tulos en galego.


4.25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Cantata de Santa María de Iquique', de Llorens Soler e Jaime Rodri
'Cantata de Santa María de Iquique', de Llorens Soler e Jaime Rodri
'Sanxia haoren', de Jia Zhang-ke
'Sanxia haoren', de Jia Zhang-ke
Escena de 'La Jetée', curta de Chris Marker
Escena de 'La Jetée', curta de Chris Marker