Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Normalización na Administración

O Rexistro Civil da Coruña comeza a funcionar en galego

Os rexistros de matrimonios e nacementos pódense realizar na lingua do país a partir deste luns, e antes de rematar o ano, tamén nas outras seis grandes cidades.

Redacción - 12:20 22/10/2007

O Rexistro Civil da Coruña pon en marcha este luns a aplicación informática Inforeg 4, que vai permitir que os cidadáns que así o soliciten poidan inscribir en galego a declaración de nacemento dun fillo, un matrimonio ou calquera outro trámite sobre o seu estado civil.

Aínda que hai anos que os rexistros civís entregan certificacións bilingües de nacemento, matrimonio ou defunción, os libros estaban redactados exclusivamente en español e, consecuentemente, todas as inscricións se realizaban nesta lingua.

Coa modificación do artigo 23 da Lei de Rexistro Civil, que obriga a este organismo á informatización e á inscrición na lingua oficial do territorio, esta situación pode ser mudada. No entanto, no da Coruña, onde o novo sistema xa levaba tempo en uso, a inscrición en galego non era posíbel porque a anterior versión do programa informático non era bilingüe.

Outros rexistros civís do país

A planificación do Ministerio de Xustiza, co que colabora a Consellaría de Presidencia, prevé que a informatización e a inscrición en galego nos Rexistros Civís de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol se realice de forma progresiva -unha semana cada un- a partir do vindeiro 29 de outubro.

A consellaría asumirá a formación para a posta en marcha da aplicación nos xulgados de primeira instancia dos demais partidos xudiciais.


Documentos

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: