Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comisión de investigación da Cidade da Cultura

Pérez Varela evita dar contas da "rede de intereses" tecida arredor do Gaiás

Cruzáronse duras palabras Xesús Pérez Varela e o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, logo de que o nacionalista dese detalle dos "negocios" presuntamente tecidos polo ex conselleiro arredor do proxecto do Gaiás.

Redacción - 14:40 29/10/2007

"Vai máis aló dun proxecto de partido, é de pobo, de país, de nazón", afirmou o ex conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, nun inicio da súa intervención onde non reparou en cualificativos para unha obra que definiu como "a máis emblemática" e a "máis importante" para "o presente e o futuro de Galiza". Perez Varela presumiu de que o proxecto do Gaiás fora até dúas veces nos programas electorais do PPdeG e as dúas "apoiado maioritariamente nas urnas".

Un sorrinte Xesús Perez Varela relatou na súa comparecencia que o proxecto fora deseñado "milimetricamente" por un equipo "interdisciplinar". "O primeiro que se pensou foi na biblioteca central, aínda que outros prefiran chamala nacional", explicou. "Somos o país máis nidio e diferenciado do Estado, por que non imos ter logo unha gran biblioteca nacional que sexa un símbolo?", indicou. Referiuse a continuación á Hemeroteca Nacional, o Museo da Historia e o edificio das novas tecnoloxías como chanzos seguintes do proxecto. De seguido, sinalou que o teatro da música e a ópera fora proxectado coa convicción de que "podía ser rendíbel" se Galiza era capaz de "liderar o noroeste peninsular: Braga, Porto, Asturias, Valladolid" sumando así "masa crítica suficiente" para traer "as grandes obras de Milán, Barcelona ou París e non as miniaturas que se traen agora".

Dun edificio por cidade ao "contrapunto entre o Santiago clásico e a nova arquitectura"
"Chegouse a pensar en poñer un edificio en cada cidade", recoñeceu o ex conselleiro referíndose ás supostas diferencias de opinión que dentro do propio goberno Fraga había sobre a iniciativa, e destacando que se escollera Santiago como "chegada do Camiño e representante xenuína de Galiza fóra de Galiza".

Falou Pérez Varela ao respecto de dúas grandes finalidades coa idea da Cidade da Cultura, a primeira delas "fixar e consolidar a enorme corrente turística que Galiza tivo nos últimos quince anos". A maiores, o ex responsábel de Cultura na Xunta referiuse á necesidade de "facer unha icona e rachar cos tópicos de minifundismo, atraso secular e falta de multiculturalidade". "Un símbolo que coloca un pobo na esfera internacional", afirmou.

O ex conselleiro evita responder sobre a rede "tecida" á beira do Gaiás
"Podiamos rir co seu relato", reprochoulle o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, ao ex conselleiro de Cultura, "pero nesta altura non nos fai ningunha gracia o que hai por baixo da súa actuación e imposturas". "Vostede vende un proxecto que non existiu", engadiu Aymerich acusándoo de ser o principal responsábel "da desviación orzamental e concentración de contratos en diversas empresas" desde o día en que fiel ao mandato do ex presidente Manuel Fraga, expresara publicamente "bendito sexa deus, imos tirar para adiante con este tema".

"Vostede é artífice da rede de intereses tecida arredor da Cidade da Cultura", subliñou Aymerich. Ironizou o deputado do Bloque sobre o suposto equipo "interdisciplinar" ao que se referira Pérez Varela, exemplificando co acontecido co grupo asesor para o edificio de novas tecnoloxías, toda unha serie de altos cargos que dun día para o outro "póñense a montar empresas".

"Como e canto incrementou vostede o seu patrimonio durante os anos de xestión na Xunta?", preguntoulle o voceiro do BNG a Pérez Varela, recordando ademais a empresa que en 2005 constituíu xunto con súa muller. Aymerich acusou o ex conselleiro dun compromiso "impostado" coa cultura galega, denunciando que o seu interese principal eran "os cartos e o gran negocio persoal e político no que se convertería o Gaiás". Na opinión do deputado nacionalista, as contratacións e privilexios outorgados pola Consellaría liderada por Pérez Varela fixeron concesión con "todos os sectores", desde "o birrete de Pontevedra", até "a boina de Lugo e Lalín".

Cara á fin da intervención de Aymerich, e cando este o interrogaba sobre o aumento do seu patrimonio de forma paralela aos seus anos no goberno, Pérez Varela adicoulle ao actual deputado o cualificativo de "miserábel". Aymerich retrucoulle ao ex conselleiro definíndoo de "delincuente". O tirapuxa continuou despois, con Xesús Pérez Varela falando da "ruindade dalgúns que mentres sigan así non se consolidarán como demócratas". Ao fío, Carlos Aymerich apúxolle a Pérez Varela que non pretendese "dar leccións de demócrata", recordando os textos dos anos 80 onde o que foi conselleiro con Manuel Fraga "brindaba con Tejero polo éxito do golpe".

"Temos dereito os galegos á verdade?"
Así llo preguntou ao ex conselleiro o voceiro do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, facendo un repaso polas irregularidade sobre as que o socialista insistiu en que Xesús Pérez Varela é "persoa decisiva" á hora de dar explicacións. O deputado do PSdeG criticou por exemplo as declaracións en prensa do ex responsábel de Cultura nas que este aseguraba que o chimpo do orzamento até os 284,5 millóns de euros era coñecido por opinión pública e Parlamento desde tempo atrás. Recordoulle Leiceaga que, paradoxalmente, as adxudicacións realizáronse estando o goberno en funcións e co Parlamento disolto.

Lembrou tamén o deputado socialista a ausencia de explicacións e comparecencias do ex conselleiro durante a súa etapa no Goberno, na que evitou dar contas e explicar o detalle do proxecto no Parlamento. Recordou por exemplo que o propio Pérez Varela manifestara no seu momento que "o importante é o proxecto e co tempo xa se verá o seu uso". "E cando as ponencias facían cambios, avaliábase economicamente as implicacións que terían ou había barra libre", ironizou Leiceaga.


4,18/5 (11 votos)


Comentarios (9)

Curuxa #1 29/Outubro/2007 Curuxa

¿Cando nos decataremos da realidade? Estes elementos do PP (e máis algúns dun outro partido) ven totalmentes lexítimo facer proveito privado do eido publico. Os que estamos errados somos os demáis.
O que non lle podo admitir a ese PPartido é que vaia dando leccións de democracia. Na súa bocaza verbas coma "democracia" resultan obscenas.
Xogan con avantaxe, porque os cidadáns que eles perseguiron e perseguen, aldraxaron e andan a aldraxar, estafaron e seguen a estafar, negaron e continúan a negar non pediremos a súa ilegalización nen criminalización, xusto á contraria do que eles fan e gostarían de facer: voltar ó partido único, Movemento neo-Franquista que tantas boas lembranzas e mellores negocios lles reportaron a eles e máis ás súas prominentes familias.
O Gaiás: a última vergoña por agora destes franquistas.

Riominho #2 29/Outubro/2007 Riominho

Xa que está de actualidade hoxe, aquí vai o mítico vídeo de Pérez Varela:
http://es.youtube.com/watch?v=...
Que vos guste

Gaviotero #3 30/Outubro/2007 Gaviotero

Curuxa, afortunadamente, hoy en día, esos del PP pueden dar lecciones de democracia con la cabeza muy alta a todo el mundo, y entre ellos, muy especialmente, a algunos totalitarios fascistoides y amigos de Batasuna que se encuentran dentro del BNG.

carlosroca #4 30/Outubro/2007 carlosroca

Primeiro a escoitar a trapallada de acusación PPera.
http://www.youtube.com/watch?v...

Segundo a darmonos vergoña allea da patética intervención dun señor que, sendo xenerosos, foi un apoia golpes de estado...

Terceiro a súa pouca dignidade non respostando a ningunha das perguntas que se lle fixo.

E para remate unha patética intervención recordando o moito que traballa e como mandou a Madrid aos seus fillos, e o moito que sufren. Que terá que ver coa Cidade da Cultura e a súa xestación....

E ainda por encima eses galeguistas de cartón pedra falando en español...

trapalleiro #5 30/Outubro/2007 trapalleiro

el Pp no puede dar lecciones a nadie hasta que no condene el franquismo

OBSERVADOR #6 30/Outubro/2007 OBSERVADOR

Ai que vídeo!!! ahhahahahaha!!! Mas está incompleto, falta CarmiÑa Burana na relação de músicos. Imperdoável.

Que banda de desvergonhados e incompetentes. Não me estranha nada que andemos como andamos...

outrolector #7 30/Outubro/2007 outrolector

Dan auténtico noxo. Mira que levo anos aturándoos, e non se me dá feito o callo. E que non se lle faga a ninguén, que é o que queren: chupar, vivir ben a conta do traballo dos demais, que ninguén proteste e que sexamos moi ben educados, como bos criados/discípulos. Pois non. Vergoña para ese delincuente de Perez Varela, e para quen lle deu ese posto.

Magoa da pouca xente honrada e competente - ainda que moi despistada ,ou moi insolidaria- que hai na militancia ou na simpatía dese partido. Pensarei mal e acertarei: Algo terán que gañar ou que manter. Pero vaise acabando o conto, abofé!!!

gaviotera #8 30/Outubro/2007 gaviotera

afortunadamente, hoy en día, esos del PP pueden dar lecciones de democracia con la cabeza muy alta a todo el mundo...jajaja, perdón, no sé porque me dio la risa floja siendo el tema tan serio...

baltar69 #9 30/Outubro/2007 baltar69

ah, coño, sempre lembrando os amigos de etaaaabatasuna, como dí acebes. tódolos camiños levan a roma: eta, batasuna, zapatero, moratinos. e felipe gonzález sen dimitir.
xa estou hasta o carallo de este rollo: que si o terrorismo, que si a legalidade internacional, que sí o dereito mercantil, a propiedade privada e o dereito de cada quén a falar a língoa que lle peta...
pero péselle a quen lle pese, aymerich fáixase ben e uns cantos andamos a escoitalo. con interés. e non somos do bloque, anque o mellor si somos, cómo era a cousa?, fascistoides totalitarios e amigos de batasuna. etaaaabatasuna pajarito?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: