Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O 17 DE FEBREIRO, MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA

'Galiza non se vende' preséntase con duras críticas ao bipartito

A rede "Galiza non se vende", que agrupa a máis de sesenta colectivos ecoloxistas, sociais e veciñais de todo o país presentouse publicamente este venres.

Redacción - 17:25 16/11/2007
A. Carrodeguas, Mabel Rivera, Xosé Reigosa e Tino Quintela

A. Carrodeguas, Mabel Rivera, Xosé Reigosa e Tino Quintela

"Desamparados", "desprotexidos", "defraudados". Cun rotundo "quedamos sen espazos de oposición" os colectivos que conforman a rede Galiza non se vende resumiron os dous anos de goberno bipartito, ao que acusaron de defender un "modelo enerxético depredador, en contra dos intereses dos cidadáns". Galiza non se vende sitúa entre os principais problemas do país o plano acuícola elaborado pola Xunta, a Lei de Minaría, a Lei de Portos Deportivos, o urbanismo salvaxe, a destrución do entorno provocada polos parques eólicos, ou a contaminación xerada polas centrais térmicas. E esixe un modelo de desenvolvemento distinto, así coma un cambio nos modelos de participación, de xeito que a cidadanía gañe en capacidade de decisión.

Os representantes dos colectivos que conforman a rede Galiza non se vende amosánse defraudados coa política exercida por PSOE e BNG dende o goberno: "os políticos que agora mandan cambiaron os postulados que defendían na rúa". E denuncian así mesmo unha "fenda" entre a administración e os cidadáns, unha procupante falta de diálogo, salientando que "nós, os cidadáns, non nos movemos, seguimos ocupando un espazo de reivindicación que eles abandonaron". Asemade, advírtenlles aos partidos do goberno de que se está producindo un cambio na sociedade galega, un punto de inflexión no que os cidadáns comezan a mobilizarse esixindo diálogo, transparencia e unha política distinta: "vai haber un momento no que terán que abrir as portas dos seus despachos e comezar a escoitar, a escoitar o que eles mesmos dícían antes".

O xermolo da plataforma foi a Rede Litoral Vivo, nacida hai uns meses e que en maio convocou unha gran manifestación en Compostela baixo o lema, precisamente, de "Galiza non se vende". En Litoral Vivo aglutinábanse xa un bo número de colectivos en defensa das rías ou da costa, ou en protesta contra a especulación urbanística, a construción incontrolada no litoral, os recheos, os vertidos ou a ubicación de Reganosa no interior da Ría de Ferrol. Pero non só a costa está ameazada, como quedou claro nas accións locais en defensa do Courel ou da Serra da Grova. Así pois, a rede abriuse a outros colectivos e hoxe agrupa xa a máis de sesenta asociacións. As entidades que conforman a rede comparten o obxectivo de "acadar unha xestión máis sustentábel e solidaria dos nosos recursos naturais e pular por unha ordenación do territorio racional e socialmente xusta". A rede está aberta a calquera colectivo veciñal, cidadáns ou ecoloxista, de ámbito galego ou local, pero non admite a integración de partidos políticos ou sindicatos.

Obxectivos
Os obxectivos da plataforma son intercambiar información e experiencias, así como apoiar conxuntamente as mobilizacións sociais en defensa do entorno que se produzan en calquera punto do país, como xa fixeron o domingo 4 de novembro en Corrubedo. En definitiva, trátase de xerar sinerxías que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.

Tamén para facilitar o acceso e a capacidade de influencia sobre os medios de comunicación. Considérase prioritario que a coordinación dos distintos grupos permita unha mellor comunicación pública dos problemas que combaten, asegurando unha meirande sensibilización social. A este respecto, o representante do Comité Cidadán en Defensa da Ría de Ferrol puxo como exemplo o xeito en que os medios de comunicación comezaron a facerse eco do malestar social coa ubicación da planta de gas en Mugardos, grazas ás accións levadas a cabo por mariscadores e veciños.

A rede vai tomando forma. De feito, onte comezou a funcionar a páxina web que servirá de punto de encontro e de voceiro de todos os colectivos. A primeira gran cita da Rede sitúase o 17 de febreiro, na manifestación nacional convocada en Compostela pola defensa do entorno natural. Máis a curto prazo os obxectivos son estender a rede a máis colectivos, e mellorar a coordinación entre eles. Asimesmo, mobilizaranse de xeito conxunto para apoiar todas as accións que os distintos grupos convoquen a nivel local. Esta fin de semana, por exemplo, representantes de moitos dos colectivos estarán presentes na Feira Terractiva, en Arzúa, com tres stands nos que ofrecerán información sobre as súas actividades.


4,83/5 (35 votos)


Comentarios (15)

dumiense #1 16/Novembro/2007 dumiense

Que fago? voto ao BNG porque non hai outro que chegue ao mínimo ou mando a todos á merda?

ecoe #2 16/Novembro/2007 ecoe

Pergúntate se chega ó mínimo!

lura #3 16/Novembro/2007 lura

ou pregúntate contra quén prefires pelexar. a desilusión do pobo ante a subida ao poder do BNG semella o que aínda nos doe da traizón no estado de felipe e os seus

meendinho #4 16/Novembro/2007 meendinho

Talvez vai sendo hora de apoiar a um verdadeiro partido ecologista galego. o bng é já dentro do pensamento único economicista.

Avante com a PEGA!

xoca #5 16/Novembro/2007 xoca

Do PSOE non vou dicer nada, só espero que o BNG tome boa nota do que pensan os seus votantes

xaviersouto #6 16/Novembro/2007 xaviersouto

A triste história de sempre. Já veremos por quem votamos, mesmo levam uma surpreesa.

lostrego #7 17/Novembro/2007 lostrego

O BNG deberia de mudar de actitudes, v.g. cómo é posibel o aumento de soldo no concello da Coruña para os seus edís?
Ultimamente medran as papadas dalgúns membros do BNG e as linguas dalgúns "bieitos"...
Que pais!

Infidel #8 17/Novembro/2007 Infidel

Eu entendo que hai que diferenciar a actividade de crítica, de denuncia da actuación dos partidos de goberno, a reivindicación de políticas menos populistas e demagóxicas, políticas menos pendentes da inmediatez do voto, da actividade relativa a creación ou non de novas alternativas políticas, particularmente no famento eido chamado nacionalismo.

polaesquerda #9 17/Novembro/2007 polaesquerda

ESQUERDA UNIDA reclama a oportunidade para o PARLAMENTO GALEGO.
Penso que é necesaria a súa presenza, eso sí , impulsando o seu ideario ECOLOXISTA,REPUBLICANO, AUTODETERMINACIÓN DOS POBOS..ETC que así contempla nos seus estatutos galegos.
Lembrar que somos a única FORZA política que loita contra a PLANTA DE GAS na Ria de FERROL.
Queremos a confianza para reforzar a voz cidadá no Parlamento Galego, REPRESENTANDO UNHA NOVA VARIANTE DE FORZA POLITICA DIFERENCIADA que discrepe do actual DISCURSO parlamentar.
Non hai alternativa de ESQUERDAS claras en temas SOCIAIS , MEDIO AMBIENTAIS, COINCIDINDO ESCANDALOSAMENTE NUHNA ESPECIE DE TRIPARTITO do Gas ao servizo de Tojeiro...
O MONTE GAIÁS, outra SANGRÍA ECONOMICA, partindo dunha herdanza FRAGUISTA- que sen máis contemplacións habería que triturar este MAUSOLEO da dereita... a semellanza do novo VAL DOS CAÍDOS GALEGO.

SAÚDE, FORZA E REPÚBLICA.

lute #10 18/Novembro/2007 lute

Assim se fai país, arrimando o hombreiro ... com crítica constructiva, coa participaçóm activa na vida social, dando ejemplo no seu lugar de trabalho e fora del, ...

Polo que se le nos comentários anteriores, parece como se viviramos num país rico e normalizado hai séculos e governado polo nacionalismo de sempre por maioria absoluta.

Alguns parece que confundem a Quim co senhor dos aneis, e a capacidade actual do autogoverno galego num bi-partito em minoria, co poder absoluto.

E sempre haverá quem tente tirar talhada, como em Ferrolterra ... porque ali os máis premiados forom os máis implicados históricamente co futuro da comarca, nonsi?

Parabéns para os de GZ nom se vende,que acredito que tentam contribuir á saúde do país ponhendo em contacto á gente do país coa realidade de moita gente de a pé; sempre é bom e necessário contribuir á concienciaçóm do país á margem do poder.

E sentidinho para quem vive na utopia dos seus sonhos. Somos poucos e pariu a avoa. Di-vos algo esta frase: "que ninguém lhe ponha chata á obra mentes nom esté rematada".

Tarelo #11 18/Novembro/2007 Tarelo

A polaesquerda. En Esquerda Unida non existe democrácia interna, malamente a habería externamente. Non sodes distintos os do BNG ou PSOE, só é cuestión de acadar un postiño. Yolanda, CEN, CPN, CPCs¡demisión!

Kropotkin #12 18/Novembro/2007 Kropotkin

Como anuncia o comunicado de GNSV:"un dos mais grandes obxectivos que un pobo poida procurar: unha terra viva e unha vida digna para tod@s."
Nada fácil se temos en conta a situación social do noso país. O Capital goberna e a cidadanía aínda non acadou un alto grao de conciencia, necesaria esta para poder exixirlle ao goberno galego que defenda os intereses da sociedade galega en lugar de someterse aos imperativos dos empresarios. Os galegos somos capaces de demostrar que non estamos dispostos a comulgar con rodas de muíño, léase a crise do prestige, pero tamén somos capaces de tolerar certos abusos do poder presentados como irremediabeis. E a degradación do territorio non é algo irremediábel; ao contrario, é preciso antepoñer esta defensa do hábitat a calquera outra problemática. Por asegurar un futuro que cada vez se presenta máis gris, un gris de cemento e de mediocridade. Temos unha clase política que non sabe interpretar os desexos dos cidadáns, obnubilada como está polas proclamas do capital.
Se non somos capaces de cambiar este rumbo, ninguén o fará por nós.

Gaviotero #13 18/Novembro/2007 Gaviotero

Con Anxo Quintana "Galicia no se vende", SE PRIVATIZA. La verdad es que los empresarios están más contentos con el BNG que con el propio PP y no es para menos...nunca anduvieron manejando tanto dinero de la cosa pública con tan pocas críticas como ahora. Pero haya tranquilidad, porque en un par de años van a aflorar cosas muy, pero que muy turbias...

teixugo #14 18/Novembro/2007 teixugo

NINHADA DE RATOS!!!!!!!!!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: