Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
A MEMORIA HISTÓRICA, PROTAGONISTA DO ÚLTIMO NÚMERO DA REVISTA

Editorial de TEMPOS Novos: Daqueles pos, estas lamas

Os editoriais do número de novembro da revista TEMPOS Novos ocúpanse do proceso de recuperación da memoria histórica no país, da malleira que un rapaz de quince anos propinou a outro de catorce en Boiro e do desafecto federalista que está a amosar Zapatero diante da proximidade da cita electoral.

TEMPOS Novos - 13:50 20/11/2007

Un país sen pasado carece de identidade. Recoñecérmonos en todas aquelas mulleres e homes que loitaron polos valores e liberdades que hoxe gozamos é fulcral para unha democracia madura. Mais este exercicio de saúde democrática non termina de ser asumido por unha dereita que aproveita a conxuntura para prostituír o debate político con discursos apocalípticos. Cala en parte da sociedade coa idea de que máis vale non desenterrar pantasmas e, coa axuda da igrexa, equipara sibilinamente en barbarie a fascistas e republicanos. A presión conservadora e o xogo do posibilismo político, que impide saldar as contas pendentes da transición, impediulle ir máis aló á lei da memoria que o Congreso vén de aprobar. Galicia foi pioneira no recoñecemento ás vítimas do fascismo. A recuperación da memoria histórica democrática foi até o de agora abandeirada pola Consellería de Cultura, mais para solucionar as débedas co pasado, será necesaria a implicación do goberno galego no seu conxunto, até o de agora ausente, e tamén das demais institucións do país. Para borrar a simboloxía fascista de rúas e edificios, para incluír a memoria democrática no ensino regrado, para completar as indemnizacións e axudas naqueles aspectos nos que a lei estatal quede curta ou para apoiar a localización e desenterramento daqueles e aquelas que no seu día abandonaron sen vida nunha gabia.

Violencia de imitación

Máis alá do que a lei do menor delimite para procesar actos violentos como o da malleira que un rapaz de quince anos lle propinou en Boiro a outro de catorce, o que nos ha mover á reflexión é o fenómeno da violencia no ámbito escolar, reprodución da que se manifesta de maneira cada vez máis dispersa noutros moitos ámbitos da sociedade. A violencia asoma por todas partes. É un fenómeno complexo enraizado na interacción de moitos factores biolóxicos, sociais, culturais, económicos e políticos. Que se ve favorecido pola impunidade e a tolerancia coa que se asumen determinados actos violentos. Os expertos advirten ademais da violencia por imitación, que ten nos instrumentos da comunicación de masas e da comunicación interpersoal o seu máis importante foco de experimentación.
No caso de Boiro -e nos que se coñeceron despois en Nigrán e Tomiño- déronse todos eses ingredientes. Se é repugnante o asañamento do agresor coa vítima, non o é menos a secuencia de incitacións coas que un ocasional camarógrafo -un terceiro menor, valéndose para iso do seu moi tecnificado teléfono móbil- quixo sacarlle rendemento á malleira. Ou a reiterada emisión dese minuto e trinta e sete segundos de crueldade polas televisións públicas e privadas, todas ávidas de carnaza, transgredindo o dereito que dous menores de idade teñen a que se lles preserve a súa intimidade. E non digamos os miróns, que tanto gozaron do espectáculo. O procesamento xudicial debera abarcalos a todos.

Desafecto federalista

Os torpedos que fabrica o PP seguindo o manual de guerra subversiva editado polos patróns da Faes, non só conseguiron crear un artificioso estado de excitación política desde o mesmo día en que perderon o poder. Tamén provocan importantes danos colaterais no proceso de avanzada cara a un Estado federal, que é para moitos expertos o modelo no que mellor habían de encaixar os feitos diferenciais de Euskadi, Catalunya e Galicia. Por falta de convicción, ou por medo, perde consistencia o efecto Zapatero, que se significara desde o arranque da lexislatura a prol de seguir afondando nesa vía. Estamos outra volta en tempo de rebaixas. Contra o que puidera parecer, neste receso non pesa tanto o fracaso en que deu o proceso de pacificación en Euskadi como a histeria e a excitación política que a dereita veu xestionando con eficacia. Sábeno moi ben os dirixentes do PP, porque xa lles funcionou no 93, e porque cada día que pasa ven máis en ZP a un acomplexado político que somatiza tódalas súas bravatas. Hai quen o explica con argumentos electorais: ata que pase o 9 de marzo, os socialistas non se van mover un centímetro do guión que utilizan para frear a campaña do España se rompe. O mesmo Anxo Quintana, que os aduce para interpretar a negativa da ministra Elena Salgado a transferirlle a Galicia competencias xa acordadas. Non está tan claro. Nada se movería se ganan con maioría absoluta. Se precisaran de apoio parlamentario, suarían sangue á hora de decidir se volven ou non á ruta federalista.

Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 126, novembro de 2007)


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: