Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
A MEMORIA HISTÓRICA EN GALICIA

O pasado esixe xustiza

A transición decretou o esquecemento. Hoxe, mentres os nomes dos represores permanecen vivos nos rueiros, os vencidos seguen enterrados en foxas comúns e calquera intento de recuperar o seu recordo é aproveitado para acender discursos apocalípticos. Unha reportaxe de Belén Puñal con fotografías de Quico López e Juan Hermo.

TEMPOS Novos - 13:31 21/11/2007

Non sabe como enterraron a seu pai, se gardaron o seu corpo nunha caixa ou deixaron que a terra fora cubrindo a súa pel. Só sabe que non levaba zapatos. Alguén os pediu a cambio de que o deixaran enterrar no cemiterio. Directivo da sociedade de agricultores de Alcabre e socialista, José Comesaña Pérez foi un de tantos paseados na Guerra Civil, asasinado sen xuízo previo de caste ningunha, abandonado e soterrado o seu corpo nunha parroquia a dez quilómetros de onde vivía. O seu fillo, Telmo Comesaña, membro da Asociación Viguesa pola Memoria do 36, non está disposto a esquecer.

Foi o tecido cívico quen dixo non ao esquecemento, a ese pacto de silencio que confundiu amnesia con convivencia democrática nos anos da transición, quen urxiu para que dende as institucións se retomara a memoria democrática. Os netos e fillos daqueles que foran asasinados non estaban dispostos a permitir que un manto de terra e silencio seguira tapando o recordo dos seus. Os gobernos de esquerdas, a nivel estatal e autonómico, colleron o testemuño.

Cando o Congreso vén de dar luz verde á coñecida como "lei da memoria", a máis de dous anos da declaración institucional na que o goberno bipartito se comprometía a non deixar no esquecemento as persoas represaliadas polo franquismo, pode facerse xa un balance inicial do que se conseguiu e das contas pendentes. Un momento de crispación, no que a dereita, axudada pola Igrexa, se afianza no revisionismo histórico, (época de placidez, segundo Mayor Oreja) e no ataque á recuperación da memoria democrática como estratexia electoral. Un momento tamén de frustración para moitas asociacións que consideran que a "lei da memoria" se quedou curta, atrapada nos lodos da herdanza da transición e nas actuais leas políticas.

En Galicia, a declaración do 2006 como Ano da Memoria, pioneira en todo o Estado, supuxo un necesario impulso para o fomento da divulgación, da reparación e da difusión do recordo da represión franquista, as tres patas do programa impulsado pola Consellería de Cultura. Mais quedan cuestións pendentes sobre as que a lei, tal e como se compromete, terá que actuar. Entre elas, rematar definitivamente coa simboloxía franquista (ben viva aínda en cidades como A Coruña) e a elaboración dun mapa de foxas que facilite a localización e, no seu caso, exhumación, dos mártires da República.

Dende o Estado: unha lei polémica

Matárono por traidor un 17 de agosto daquel verán do 36. Ante a sentenza do consello de guerra, retrucou que el nunca traizoaría a súa patria natural, Galicia. A anulación dos consellos de guerra, como aquel que determinou o fusilamento de Alexandre Bóveda, foi unha das principais peticións do movemento asociativo a prol da recuperación da memoria democrática. Mais a reivindicación foi descartada no texto finalmente aprobado na lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas a favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a ditadura, a coñecida como lei da memoria.

Para parte importante do tecido cívico, a lei non supera a proba do algodón, é dicir, a anulación dos xuízos e os procesos do franquismo. Opta, pola contra, por declaralos ilexítimos. Sáese pola tanxente tentando abrir en cambio un camiño individual para que os interesados poidan ver facilitada a reclamación, sempre a título particular, da anulación dun determinado proceso, sen ter en conta o esforzo persoal e económico que iso pode supor. Fronte á opinión de xuristas, como Jiménez Villarejo, que coidan que, en efecto, se está a proporcionar unha vía efectiva para anulación dos procesos do franquismo, son varias as voces que dubidan da súa validez.

O escepticismo imponse naquelas entidades, como o equipo Nízkor e Amnistía Internacional, que basean as súas reivindicacións no discurso dos dereitos humanos e na demanda de verdade, xustiza e reparación. Denuncian, dende Nízkor, que se está a dar gato por lebre canto que ilexítimo non é sinónimo de ilegal. Aseguran dende Amnistía Internacional que a fórmula, segundo o dereito internacional, non garante o dereito das vítimas a obter xustiza individualizada e material. "A eficacia desa declaración de "ilexitimidade" deberá resolverse nos tribunais e en calquera caso deixa na incerteza a quen xa intentaron a nulidade de condenas a morte cos recursos dispoñibles ata agora e con resultado adverso", declaraba Alberte Estévez, de Amnistía Internacional, pouco despois de coñecerse o novo texto.

Tampouco se ven satisfeitas as demandas de reparación. A ferramenta da que se botará man a este respecto, a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal, non implicará efectos económicos ou xurídicos. Obxecto de crítica é, ademais, a ausencia de referencias na lei ás vítimas da represión paralegal, a aquelas persoas torturadas, asasinadas e feitas desaparecer á marxe de calquera tipo de xustiza, o que en Galicia, cuxas gabias se viron regadas co sangue de tantos paseados, ten especial incidencia. Por último, tamén se denuncia que se siga a manter en certo modo unha equiparación entre os dous bandos, presente no propio título da lei e no artigo 3.1, no que declara a ilexitimidade dos tribunais, xurados e órganos penais e administrativos da Guerra Civil que actuasen como órgano de represión, tanto dun como doutro bando.

A lei, en todo caso, implica melloras notábeis con respecto ao texto saído inicialmente do Consello de Ministros. As negociacións entre os partidos, que durante tempo mantiveron bloqueada a súa tramitación, e, sobre todo, a presión social, fixéronas posibles. "Despois de tres décadas de silencio, a lei é un paso importante. Que se recoñeza que houbo represión e estableza indemnizacións económicas e unha recuperación moral para as vítimas, é positivo", afirma Manuel Monge, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e exconcelleiro nacionalista da cidade. Engádese agora a condena ao franquismo facendo referencia á realizada polo Consello de Europa en abril de 2006 (que, en todo caso, non é tan contundente como aquela na que a ONU sancionaba o réxime de Franco tras a Segunda Guerra Mundial). Despolitízase o Val dos Caídos e prohíbense no recinto actos de exaltación da Guerra Civil ou da Ditadura, aínda que seguen a quedar desatendidas as demandas de retirada dos restos de Franco e Primo de Rivera e mantense como un centro para a homenaxe conxunta das vítimas dun e doutro bando.

O novo texto da lei acciona diversas medidas para garantir o dereito a saber. Elimínanse as trabas para coñecer a identidade dos agresores e xa non obriga a ocultar o nome dos mesmos naqueles documentos que os identifican. Garante o acceso aos arquivos públicos, impele a adoptar medidas para a súa protección e fomenta a investigación mediante axudas aos estudos sobre a guerra civil e a ditadura. Obriga, ademais, á retirada de simboloxía, non só da Guerra Civil, senón tamén ditadura e estabelece a retirada de subvencións para aquelas entidades privadas que se neguen a adoptar medidas ao respecto. Recolle, así mesmo, axudas para sufragar os gastos derivados da localización e identificación das vítimas, así como un protocolo de actuación, mais sen asumir directamente os labores de exhumación, tal e como se reivindicación dende entidades como a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Amplíase, por último, as indemnizacións aos familiares dos que morreron en defensa dos valores democráticos entre 1968 e outubro de 1977, aínda que seguen a quedar fóra do ámbito das axudas as vítimas de anos anteriores, así como aqueles que padeceron cárceres durante períodos inferiores a tres anos.

A lei foi aproveitada pola dereita para aguzar o debate político mediante o rexeitamento frontal, na máis pura liña da transición que impuxo amnistía e esquecemento, a dignificar o pasado dos que loitaron pola legalidade democrática republicana. "A recuperación da memoria histórica non debería ser obxecto de liortas políticas. Calquera partido democrático ten que condenar o que pasou no franquismo", afirma Vítor Santidrián, da Fundación 10 de Marzo. Mais, cando a memoria se converteu en arma arreboladiza para tensar o debate político, semella utopía o necesario consenso. Para a dereita, o tema proe, quizás porque, como indica Monge, "os seus dirixentes máximos, o seu propio fundador Fraga, e os dirixentes veñen de familias franquistas". Quizais, tamén, porque próximas as eleccións, o discurso cala nunha parte do electorado que mantén vivo o franquismo sociolóxico. "O PP sabe que hai un sector inmenso desta sociedade na que o franquismo sociolóxico segue existindo", engade o profesor de Historia da USC, Emilio Grandío.

A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 126, novembro de 2007)


4.17/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: