Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
"Servizos guadiana", din desde a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua

Os concellos desaproveitan as axudas para a creación de equipos de normalización lingüística estábeis

Collen os cartos e á volta dun par de meses pechan o servizo. Esa é a estratexia da maioría de municipios. Só sete dos que recibiron a subvención van manter o servizo máis aló de final de ano.

Redacción - 15:00 22/11/2007

Foron un total de 41 concellos os que ingresaron a subvención da Xunta en 2007 destinada ao financiamento de servizos de normalización lingüística nos concellos. Malia isto, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, CTNL, advirte de que esas axudas están tendo unha "escasa incidencia" na creación e consolidación real destes servizos.

O colectivo analizou a situación e comprobou que deses 41 municipios, só 26 crearon finalmente o servizo. Por riba, 19 destes volveron pechalo logo de 2 ou 3 meses de actividade. E só 7 teñen previsto mantelo activo máis alá de finais de ano. A CTNL achegoulles estes datos a responsábeis de Política Lingüística e de Administración Local da Xunta co obxectivo de que se atenda a unha dinámica que impide que se consoliden nos concellos os servizos de normalización lingüística. Consideran que en tan pouco tempo é imposíbel planificar e xestionar con éxito calquera tipo de estratexia normalizadora.

No canto de deseñar estratexias, os concellos poñen os técnicos a traduciren textos
A realidade que pon de manifesto este informe condiciona unha situación laboral para os traballadores do sector caracterizada pola "inestabilidade, temporalidade e precariedade total". Exemplo da precarización e da infrautilización das capacidades destes profesionais é ese ánimo co que os incorporan nos concellos: a miúdo encomendándolles simplemente a tarefa de corrixiren e traduciren textos.

Indica a Coordenadora, que os obxectivos de planificación lingüística no ámbito municipal deben ser máis ambiciosos, esforzándose na "dinamización lingüística e intervención social" e láianse de que os concellos non saiban aproveitar eses recursos. Recordan ademais que xa hai vinte anos da aprobación da Lei 5/1988, que de por si xa lle obriga ás entidades locais a redactaren en galego toda a súa documentación. "Cómpre pór en marcha medidas urxentes que fomenten, coordinen e orienten a normalización lingüística, coma o xa anunciado Consorcio para a Planificación Lingüística", insisten.


3,63/5 (8 votos)


Comentarios (3)

ecoe #1 22/Novembro/2007 ecoe

Cómo é posible dar unha subvención pública sin que ningún organismo faga seguimento, avalie un proxecto, e recolla a memoria da tarefa realizada?

Como con corrupción, non che hai!

Gaviotero #2 24/Novembro/2007 Gaviotero

La Falsificación Lingüística sirve exclusivamente para que unos cuantos se embolsen un dineral o para que vivan directamente del cuento, como en el caso de los miembros de la mesa-camilla para la falsificación lingüística.

LOIS_DE_SILAN #3 24/Novembro/2007 LOIS_DE_SILAN

Os concellos galegos nin son entes politicamente soberanos nin teñen lingua propia uns distinta da dos outros; daquela, non son eidos apropiados para teren equipos ou servizos de normalización lingüística.

Évos á Comunidade Autónoma da Galiza a quen corresponde levar a cabo as estratexias (das que aínda carece!) de garantía dos dereitos lingüísicos na Galiza autonómica (coordinadamente coas outras CCAA con competencias sobre o galego dos seus respectivos territorios).

Os da CTNL debedes esforzarvos en non confundir os vosos lexítimos intereses laborais coas esixencias obxectivas dun proceso de garantía dos dereitos lingüísticos na Galiza: pulade por un Servizo Galego de Usos Lingüísticos que afronte simultaneamente tanto o uso correcto do galego coma, sobre todo, o respecto dos dereitos lingüísticos na Galiza, e deixádevos de minifundismos goros!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: