Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARME FREIRE, NOVA SECRETARIA XERAL DO SLG

“Estamos para construír país, non para ser correa de transmisión”

Dende esta fin de semana o Sindicato Labrego ten nova máxima responsábel. Vieiros falou con ela.

R.Vilar - 10:15 27/11/2007
Tags: congreso SLG

O pasado sábado a candidatura de Carme Freire impoñíase no VII Congreso do Sindicato Labrego Galego. Freire, que contaba co apoio da ex secretaria xeral, Lidia Senra, conseguiu un amplo apoio dos delegados fronte á lista crítica de Xurxo Álvarez. Freire colabora dende 1989 co SLG e dende 2003 pertence á súa Executiva Nacional. Estudos enxeñeiría técnica agrícola e forestal e ten unha explotación de horticultura no municipio de Rois, de onde é natural.

Vieiros: Vostede conseguiu o apoio do 75% dos delegados logo dunha campaña moi dura. A outra candidatura chegou a dubidar da limpeza do propio proceso de elección de delegados. Agora que xa é secretaria xeral, como valora o acontecido?


Carme Freire: A nós chamáronnos moitos medios para preguntar a posición da nosa candidatura antes do congreso. Decidimos que os debates tiñan que ser internos. Eu persoalmente non coincido co de levar os debates fóra da organización. Dentro do propio congreso houbo que aclarar que non era certa a falta de transparencia. Algúns dos compañeiros que criticaron o proceso estaban na dirección e non sacaron ese debate até hai dous meses.

-Outra das críticas que lle apuxeron foi a de que vostede representaba unha corrente a prol dunha “agricultura seudoecolóxica” que deixaba de lado ao resto dos produtores...


-Ese foi un dos debates centrais do congreso. Houbo un malentendido porque nos textos introducíase o termo agroecoloxía. Porén, os afiliados entenderon, na súa maioría, que non é o mesmo agroecoloxía que agricultura ecolóxica. A agroecoloxía vai moito máis aló no plano social e mesmo mundial: é o dereito a producir alimentos seguros e sans.

-A finais dos 70 o berro de guerra era “Comisiós Labregas en todas as aldeas”. Mais agora os tempos mudaron tanto que o grupo máis hexemónico no rural é o dos pensionistas. Como enfronta o SLG a nova situación?


O de Comisiós Labregas en todas as aldeas aínda é válido. O sindicato segue a ter moita forza en todo o país. Mais tamén é certo que non se deu parado a sangría do medio rural e que evidentemente temos un agro moi envellecido. Aínda así, nós sabemos que é posíbel recuperar a vida no agro. Para nós é básico que o pilar da economía rural siga a ser a produción de alimentos. Hai que lembrar unha cousa, hai vinte anos había todo un tecido de actividades produtivas arredor da agricultura (carpinteiros, ferreiros, tendas...). Todo isto esmorece canda a diminución de explotacións.

-Por primeira vez hai un conselleiro de Medio Rural nacionalista, Alfredo Suárez Canal. Que é o mellor e o peor da súa xestión?


-Hai unha serie de medidas que se tomaron e que están a ser positivas. Por exemplo, neste momento está a haber unha aposta pola artesanía alimentaria para que haxa pequenas industrias que xeren riqueza. Tamén se está incentivando que as propias explotacións poidan vender produtos caseiros (chourizos, conservas...). Hoxe en día toda a sociedade demanda produtos de gran calidade. Tamén son moi interesantes as apostas pola revalorización dos mercados locais e a defensa das pequenas explotacións.

-Pero, nin sequera un pequena crítica?

-Nós creo que demostramos claramente que cando hai que turrar das orellas túrrase e nesas seguiremos. Estamos para construír país con lealdade, pero con autonomía dabondo para non ser correa de transmisión de ninguén.

-O Banco de Terras xa comeza a ser unha realidade, agora a gran materia pendente segue a ser o grupo lácteo galego?

O grupo lácteo tiña moito sentido hai anos cando era máis doado facelo realidade. Agora ben, o grupo lácteo debe estar centrado na propia industria galega, nas cooperativas, nas queixarías...Hai que buscar o valor engadido que sirva para abastecer tamén os nosos propios mercados. Galiza é unha potencia en produción de leite pero resulta que temos que importar os produtos lácteos manufacturados.


4,56/5 (25 votos)


Comentarios (5)

signatus #1 27/Novembro/2007 signatus

Parabéns à Carme Freire e à Lídia Senra.

Mágoa nom lhe poder fazer umha pergunta:
Como casa a atitude do SLG na Límia coa defesa da agroecologia e a soberania alimentar? Por que nesta ocasiom se pugérom da parte da agroindústria, dos seus agrotóxicos e das suas agressons ambientais?

rda #2 27/Novembro/2007 rda

parabéns a Lidia Senra pola reelección.
Nun congreso no que o debate foi erroneamente centrado no 'si' ou no 'non' á UPG, por parte de certos malintencionados ou dirixidos medios. Perdeuse moita da perspectiva do debate na carretaxe de votos e non se centrou no que verdadeiramente se estaba a confirmar coa vitoria de Carme freire, como brazo armado da incombustible Lidia Senra.
Resulta curioso, como a independencia fronte a opción nacionalista do goberno galego, vólvese en contra do propio SLG,non porque se busque a independencia fronte ao BNG, senón porque se buscaba a entrega absoluta da organización aos intereses dos empresarios do levante español (porque eses si que non son labregos. Para iso xa teñen aos marroquinos), ofrecendo a fusión con COAG, organización maioritaria por esas latitudes. Para que logo se fale da ambigua 'agroecoloxía', filosofía máis orientada cara o indixenismo de Vía Campesina, que cara a agricultura ecolóxica, e de difícil plasmación no noso país. Por que, malia as dificultades dos sectores agrarios galegos, neste país a loita xa non se reduce á mera subsistencia para crear excedentes, senón na defensa do que actualmente exsite, que lonxe de ser perfecto, pode ser, desta volta si, perfectamente reconducible cara un modo de produción sostible.
Dous aspectos importantes, que estaban a debate neste congreso, e para os que non houbo espazo nos medios. Máis preocupados por crear bombas de fume, ao redor do verdadeiramente importante.

BonKarallan #3 27/Novembro/2007 BonKarallan

SLN ten que ser a base do nacionalismo galego. O corazón de Galiza está na Galiza Rural, non nas cidades.

Hai que cambiar o que se di de que a xente do agro é máis Fraguista que nacionalista. Se iso é verdade, é porque en algo estamos fallando.

Tarelo #4 27/Novembro/2007 Tarelo

A miña Noraboa, a Carme Freire.

moutras #5 28/Novembro/2007 moutras

rda, en que mundo vives? se o congreso se centrou en frear á UPG foi polas manobras noxentas que os seus cadros provocaron nestes meses e que a afiliación veu e non tolerou. daí o pau que levou a UPG.
Sobre do de COAG, amosas ser tan simple coma os que che quentaron a orella: ENHE, sindicato nacionalista vasco (cuxa traxectoria e vinculaciuón co nacionalismo é indubidabel, está integrado en COAG!! Igual que os cataláns)... somos máis listos ou nacionalistas nós ca eles?... Que pretendes un muro nos ancares, e enterarnos ndas negociacións no ministerio pola prensa? e o dos marroqueís... xa nin cho comento, porque é patético que o analises así.
En canto ao da agroecoloxía... e vivir como indíxenas... segues amosando que non sabes máis do tema que o que che contaron.. le algo máis. Indaga. Aprende

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: